‘É o momento de impulsar a nosa industria alimentaria’

Artigo de opinión do director xeral da cooperativa Clun, Rafael Prieto

Rafael Prieto, director xeral de Clun.

Rafael Prieto, director xeral de Clun.

As crises, pola súa propia natureza, fan que nos centremos no máis primordial e, por tanto, adoitan revitalizar o conxunto da actividade agroalimentaria. Así ocorreu na recesión do 2008 e, aínda que non temos un antecedente comparable, todo leva a pensar que en plena crise sanitaria ocasionada polo Coronavirus suceda o mesmo. Polo momento, con ‘media humanidade’ confinada, as industrias agroalimentarias están a se organizar no medio de grandes dificultades para que nas nosas casas non falten os alimentos, e son actividade esencial e prioritaria.

É en circunstancias tan dramáticas como estas cando mellor se pode valorar a importancia de ter unha ‘soberanía alimentaria’ que tristemente non acada a outros produtos que se volveron esenciais como as máscaras, que temos que importar en case a súa totalidade.

“É en circunstancias tan dramáticas cando se pode valorar mellor a importancia de ter unha ‘soberanía alimentaria’, que tristemente non temos noutros produtos, como as mascarillas”

Galicia posúe condicións ambientais, recursos naturais, materias primas de excelente calidade, recoñecemento e tradición que lle confiren potencial suficiente para ser un actor crave na produción alimentaria en España. Con todo, estas excepcionais características naturais non veñen acompañadas en igual medida pola capacidade de transformación, a de negociación coas comercializadoras e a de chegar ao consumidor a través de marcas e proxectos suficientemente competitivos na actual contorna globalizada.

Se sempre o foi, este é o mellor momento para unir forzas ao longo de toda a cadea de valor e contribuír todos ao fortalecemento dunha actividade crave; e para a que estamos especialmente ben preparados. O conxunto dos nosos gandeiros, co seu esforzo, a súa capacidade de emprendemento e a súa profesionalidade, xa demostrou estar á altura das circunstancias en momentos delicados anteriormente.

Tócanos agora aos axentes transformadores e comercializadores armar unha estrutura robusta e proxectos sólidos que vertebren o futuro do noso medio rural e que o fagan máis resistente ás adversidades. Á industria láctea, sexa de estrutura cooperativa ou non, tócanos pór todo da nosa parte para manter o insuficiente e fráxil equilibrio conseguido nestes últimos anos na repartición do valor da nosa cadea de transformación e comercialización.

“Non é razoable aproveitar leite excedente doutros países, que hoxe abunda no mercado a prezos irrisorios, para afundir os aínda exiguos prezos que perciben os nosos gandeiros”

É momento, máis que nunca, de pensar en Galicia, na nosa xente, e en deixar o máximo valor posible na nosa terra para que axude a endereitar a difícil situación que se aveciña. Non é ‘razoable’ aproveitar leite excedente doutros países, que hoxe abunda no mercado a prezos irrisorios, para xerar o afundimento dos aínda exiguos prezos que hoxe reciben os nosos gandeiros polo seu traballo.

Aos comercializadores, a todos eles, pediríalles o mesmo: que non tenten sacar vantaxe fronte aos seus competidores vendendo leite a prezos que saben non son sustentables e que están a arruinar aos nosos produtores locais, que son unha parte moi importante da economía de Galicia, que logo debe consumir tamén nos seus establecementos.

E en calquera caso, pediríalles que comuniquen moi claramente as orixes e as diferenzas dos produtos que comercializan para que o consumidor, soberano e responsable, poida elixir con toda a información na súa man.

“No leite, para o consumidor é moi fácil apoiar a produción galega, pois existe un selo, Galega 100%, que certifica o leite galego”

Estes días coñecemos o acordo da Consellería do Medio Rural cos principais operadores da distribución galegos para comercializar parte da produción agraria, ante o peche das principais canles de consumo fose do fogar.

Oxalá novas iniciativas poidan seguir a esta en moitos dos nosos produtos. E por último, aos consumidores tamén lles pediría, aínda neste momento de extrema dificultade económica que, na medida das súas posibilidades, apoien aos produtores locais; de leite e de calquera outro produto. No leite é moi fácil, pois existe un selo, ‘Galega 100%’, que certifica o produto galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información