Os residuos gandeiros producidos na comarca da Limia (Ourense) polas granxas de porcino e avícolas chegarán mañá á Comisión Europea. Dous grupos ecoloxistas manterán unha reunión coa Dirección Xeral de Medioambiente da Comisión Europea, unha reunión solicitada pola eurodeputada Lidia Senra (Alternativa Galega de Esquerda).
Os colectivos denunciantes, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), solicitan de Bruxelas que inste ó Goberno español a paralizar a instalación de novas granxas na comarca e a controlar a aplicación de puríns na Limia. Os colectivos ecoloxistas consideran que se están vulnerando distintas directivas europeas e subliñan que hai “verquidos de puríns” e de estercos avícolas que se están a aplicar nas proximidades de cursos de auga ou en cantidades excesivas, que facilitan a súa lixiviación ós cursos fluviais en canto chove.
Un documento elaborado pola SGHN e o MEL afirma que a concentración de nitratos nas augas da comarca da Limia aumentou máis dun 30% nos últimos tres anos. Os denunciantes responsabilizan directamente á empresa Coren, xestora directa ou por integración da maioría das granxas da comarca, e tamén a firmas de transporte como Aser, encargada do transporte de residuos.
A degradación do entorno da Limia iniciouse a finais do século XX, segundo os ecoloxistas, que advirten da perda de peixes e de fauna nos ríos e encoros, que soportan o verquido na comarca dun millón de toneladas de residuos gandeiros ó ano.