A Denominación de Orixe Ribeiro inicia un estudio dos custes de produción da uva

Publicidade
A Denominación de Orixe Ribeiro inicia un estudio dos custes de produción da uva

A Denominación de Orixe Protexida Ribeiro contará nos meses vindeiros cun estudio dos custes de produción de uva no territorio que ampara. Este traballo faise ao abeiro do “Estudio socioeconómico e Estratéxico do Ribeiro” presentado o pasado 8 de febreiro na Arnoia. Dito documento, financiado integramente pola Deputación Provincial de Ourense cun orzamento de 41.500 euros, tivo como finalidade deseñar unha estratexia propia para a dinamización socioeconómica do territorio ribeirán e foi elaborada por unha equipa de doce expertos pertencentes ás tres universidades galegas.

O “Estudio de custes de produción de uva no Ribeiro” supón o cumprimento dun compromiso adquirido polo presidente do CRDO Ribeiro, Juan M. Casares, ademais de dar unha resposta a unha das reivindicacións históricas dos viticultores da zona. Está dirixido por Andrés Mazaira Castro, Doutor en Administración e dirección de empresas e profesor no Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo, e por Edelmiro López Iglesias, Doutor en Ciencias Económicas e profesor titular no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, ambos os dous coordinadores da estratexia.

Con este traballo o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro dótase dunha ferramenta que lle permitirá coñecer polo miúdo o que está a acontecer no tecido económico e social do seu territorio coa finalidade de afrontar o seu futuro con garantías.

Un referente para os contratos de compra e venda da uva

Ao mesmo tempo as conclusións servirán como instrumento de análise e diagnose axeitada para a toma de decisións, por parte das empresas, no que atinxe a materias como a rendibilidade das explotacións, os prezos de uva e os contratos de compra e venda da mesma. Por tal motivo, o traballo contemplará todas as tipoloxías de explotacións vitícolas que conviven no territorio do Ribeiro facendo, para cada unha delas, un cálculo estimado dos gastos de funcionamento e produción.

Este estudio completarase nos vindeiros meses segundo Juan M. Casares, presidente do CRDO Ribeiro, con outros compromisos como a convocatoria dunha “Mesa de diálogo permanente entre adegas e viticultores”; un foro que os achegue moito máis como actores principais que son na cadea de valor do viño. Así mesmo, e cando as condicións o permitan, ten pensado convocar unha “Mesa polo Ribeiro”, na que estean representados todos as administracións e axentes sociais co gallo de que “todos os nosos esforzos se encamiñen a que o Ribeiro sexa, outra vez, o gran viño de Galicia e un escaparate da provincia de Ourense no mundo.”

“O Ribeiro é unha enocomarca porque o viño é o seu motor económico. Son 108 adegas con máis de 200 empregos directos; son case 1.700 viticultores que dependen total ou parcialmente dos ingresos da viticultura; son persoas, son familias e son capitais arriscados en proxectos de vida. Pero tamén é o comercio das vilas, o mantemento dos servizos básicos e a industria auxiliar ligada a ela. Por esta razón, do que nós fagamos dependerá en gran medida o futuro deste territorio histórico, senlleiro e ancestral”, subliña Juan Manuel Casares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información