“A demanda de leite disparouse, con pedidos ata 15 veces superiores ós normais”

As factorías priorizan o envasado de leite para atender o pico de demanda provocado pola crise. Intensifican as medidas hixiénico – sanitarias para garantir a produción normal das fábricas mentres dure a epidemia

“A demanda de leite disparouse, con pedidos ata 15 veces superiores ós normais”

Instalacións de Clun en Ponte Maceira (Ames).

As imaxes de supermercados coas seccións de leite baleiradas foron unha constante dos últimos días, o que obrigou ás industrias lácteas a intensificar o envasado de lácteos. O sector está atendendo de xeito progresivo toda a demanda e espérase que nuns días a situación se normalice. Falamos con algunhas das principais industrias que operan en Galicia, como Lactalis – Puleva, Capsa (Larsa) ou a cooperativa Clun para coñecer o impacto que está a ter o coronavirus no seu traballo, así coma as medidas hixiénico – sanitarias que están adoptando.

O feito máis notorio dos últimos días é a elevada demanda de leite por parte dos consumidores. O director xeral de Clun, Rafael Prieto, explica a situación: “A demanda disparouse. Temos clientes que nos fixeron pedidos que eran 7 veces ou ata 15 veces superiores ós seus pedidos normais. A cuestión é que as vacas dan o leite que dan, pero estamos atendendo eses pedidos de xeito progresivo”, subliña Prieto.

Sección de leite dun supermercado baleira, esta fin de semana.

Sección de leite dun supermercado baleira, esta fin de semana.

A estratexia de Clun centrouse en priorizar o envasado de leite para o mercado estatal sobre outros destinos. “Tiñamos previsto envíos para exportación que aprazamos. Tamén paralizamos vendas de leite a granel a unha industria que elabora produtos lácteos, pois pode reducir os volumes que procesa temporalmente, xa que está á marxe do actual pico de demanda. O noso obxectivo é envasar todo o leite posible e estivemos este fin de semana a tope de traballo, redistribuíndo a produción e atendendo a demanda de leite”, explica o director xeral de Clun.

A outra cara da crise é o peche da hostelaría e de establecementos colectivos, coma colexios. “Unha parte importante do noso negocio é o suministro de lácteos á hostelería e de iogures a colexios e outros centros, que é unha parte que se verá afectada seguro, pero tamén é certo que aumentou a demanda de envasado de marcas brancas de iogures por parte da distribución” -expón Rafael Prieto-. “En resumo, temos unha demanda máis que suficiente para darlle saída á nosa produción”, conclúe.

Desde Capsa confirman tamén que as súas factorías están traballando con normalidade, coa prioridade de atender o aumento de demanda rexistrado no mercado nacional. “Estamos comprometidos en garantir o suministro ó consumidor. As factorías funcionan con normalidade e da actual situación sairemos entre todos”, apuntan desde a firma asturiana, propietaria das dúas plantas de Larsa en Galicia.

En Lactalis – Puleva insisten na mesma idea: “Tanto as nosas fábricas como a recollida funcionan con normalidade e ó ritmo habitual. Temos unha importante responsabilidade coa sociedade: seguir ofrecéndolle ós cidadáns alimentos de primeira necesidade como o leite e o resto de produtos lácteos”, sinalan.

Medidas hixiénico – sanitarias nas factorías e na recollida de leite

O obxectivo das factorías de leite céntrase en garantir un funcionamento normal durante todo o periodo que dure a epidemia do coronavirus. Para elo, estableceron estrictos protocolos co obxectivo de minimizar posibles contaxios entre os traballadores. “Tan importante como garantir o abastecemento é garantir a seguridade dos nosos empregados”, destacan na Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa).

A firma asturiana está aplicando un protocolo que inclúe o peche das zonas comúns (comedores, cafeterías), a cancelación de visitas e reunións e o acceso escalonado do persoal ós vestuarios. Modificáronse ademais os turnos de entrada e saída da fábrica para que non coincida o persoal entrante co saínte e estableceuse un protocolo de limpeza das instalacións con produtos de maior poder desinfectante.

Son medidas similares ás que estableceron noutras industrias, coma Clun, onde fixaron protocolos para intensificar a limpeza nas zonas comúns (vestuarios, servizos), procederon á clausura de lugares comúns (máquinas de ‘vending’) e efectuaron tamén variacións nos turnos, a fin de proceder á limpeza e desinfección de vestuarios entre a saída dun turno e a entrada do seguinte.

Os transportistas teñen tamén uns protocolos claros. Non baixan do camión de recollida na factoría e nas granxas aplican unha solución desinfectante nas mans trala visita a cada gandería. A maiores, a cooperativa ten distribuídos entre os seus traballadores equipos de protección e mascarillas, se ben bota en falta non contar co número suficiente, un problema xeralizado a nivel de toda España.

En canto ó comité de dirección da cooperativa, reduciu ó mínimo as interaccións presenciais e están tendo as reunións por videoconferencias.

Lactalis
En Lactalis – Puleva, os protocolos van na mesma liña. “O obxectivo é garantir que as fábricas son lugares seguros. Podemos destacar que reforzamos a limpeza e desinfección diarias de tódalas áreas comúns e das superficies de contacto, o reforzo das medidas de control para entrada de visitantes, subcontratatas e transportistas ou a prohibición de viaxes nacionais ou internacionais. Tamén hai un protocolo para actuar no caso de colaboradores ou familiares de colaboradores afectados” -explican-. “En canto ós camións de recollida, creamos un protocolo co obxectivo de reforzar a seguridade tanto para eles como para os gandeiros ós que visitan a diario”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información