“Deixan á xente do rural sen servizos e sen dereitos para favorecer o seu expolio”

Abordamos coa historiadora Alba Díaz Geada algunhas das transformacións máis significativas do rural galego nos últimos anos, que sentaron as bases do sector agrario e gandeiro actual

Publicidade
“Deixan á xente do rural sen servizos e sen dereitos para favorecer o seu expolio”

A historiadora Alba Díaz Geada.

Moitas das transformacións que deron lugar tanto ó sector agrogandeiro como forestal de Galicia tiveron lugar no século pasado. Afondamos da man de Alba Díaz Geada, doutora en Historia Contemporánea e profesora na área de Antropoloxía Social na Universidade de Santiago de Compostela (USC), nalgúns dos principais cambios que sufriu o agro galego no século XX.

-Cales cree que foron os cambios máis significativos que experimentou nos últimos tempos o campo galego?
-O século XX foi un século de grandes transformacións na sociedade rural galega, coma noutras moitas con cadansúas especificidades. Hai autores que mesmo, a partir da segunda posguerra mundial, falaron da fin do campesiñado. Tal vez, se quixeramos tentar unha resposta condensada, poderiamos dicir que a agricultura, particularmente a partir da década dos 60, vai ter que tornar de modo de vida en sector económico rendible. Se por mediados de século máis da metade das casas na Galiza vivían da terra e doutros oficios, a partir deses anos vanse ver obrigadas a reorientarse cara a especialización produtiva, migrar na procura dun traballo asalariado non agrario ou, co tempo, irse preparando para o abandono.

“A partir dos anos 60 a agricultura vai ter que tornar de modo de vida en sector económico rendible”

Nas últimas décadas, agudízase a tendencia pola que aumenta a capacidade produtiva, mentres diminúen os produtores. Cada vez é máis difícil ser o suficientemente rendible, dacordo ás normas do mercado. Á vez, xorden novas propostas, de produción e de vida, que enraízan ou buscan respostas naquela agricultura que era de todos e foi quedando invisibilizada.

-O sindicalismo agrario, as organizacións labregas, que papel xogaron na conformación da realidade actual do agro galego?
-A actividade dos sindicatos democráticos que se organizaron a mediados da década dos 60, na clandestinidade, estivo moi ligada á loita política contra da ditadura, a prol da ruptura democrática. Os sindicatos labregos, comunistas e nacionalistas, acompañaron as reivindicacións dos labregos e labregas contra a chamada Cota Empresarial, contra os impactos de numerosos proxectos mineiros, industriais e infraestruturais, a prol da recuperación dos montes veciñais e a prol duns prezos agrarios xustos. Defenderon, ademais, un programa agrario cuxas medidas permitisen a vida digna das casas labregas.

“A organización colectiva xogou un papel relevante na loita contra o que de explotación tiñan as distintas políticas modernizadoras”

Coido que a organización colectiva xogou un papel relevante na loita contra o que de explotación tiñan as distintas políticas modernizadoras dese tempo. Os impactos, os ritmos e a capacidade de negociar as mudanzas é moi distinta nun contexto ditatorial dun marco onde é posible a organización colectiva democrática. Finalizada a ditadura, xurdirán novas organizacións sindicais que continuarán a defender ós produtores, nun tempo de crecente especialización e profesionalización da actividade agraria.

-Ten abordado os cambios socioeconómicos no rural galego do tardofranquismo atendendo á figura da muller, como afrontaron as mulleres esta transformación?
-A muller xogou un papel central na mudanza, que cabería seguir pensando con tempo e fondura. Por un lado, as mulleres labregas tiveron un papel central no traballo produtivo. Nos moi frecuentes casos de migración temporal ou definitiva dos homes, ou do traballo dos mesmos en actividades fóra da casa, as mulleres levaban o maior peso do traballo agrario. Cando algunhas casas iniciaron un proceso de especialización produtiva que levou á profesionalización da actividade, parece advertirse unha masculinización da mesma. A agricultura que torna invisible, a que labran as mulleres dos homes que van á mina ou á fábrica, a que se entende “complementaria”, é feminizada. Nesa agricultura continúa a recrearse o rico entramado cultural das comunidades campesiñas. De aí o papel fundamental das mulleres no coidado e transmisión do mesmo. Cabería preguntarnos, por outro lado, como conxuga o anterior coa aposta das mulleres pola educación das fillas para un porvir diferente onde poder afrouxar as ataduras do patriarcado. Unha educación, por outra parte, que deu moito as costas ó rural. A ambivalencia do proceso esixe dunha mirada atenta e afinada para facer fronte ás preguntas sobre a mesa.

-Hai quen ve nas mulleres labregas un empoderamento e un ‘matriarcado silencioso’ similar ó doutros pobos. É unha visión idealizada?
-Non me atrevería a afirmalo. A diferenza do que acontece noutros casos, na sociedade labrega galega a muller ten un peso central na produción e na reprodución comunitaria. Moitas veces, como comentabamos, as mulleres levan o peso da casa. E cando aumenta o peso dos traballos asalariados non agrarios, ocupados maiormente polos homes, son as mulleres e os maiores os que sosteñen o sistema produtivo que nos dá de comer, e o entramado relacional e cultural comunitario, cada vez máis achicado. O anterior non quita, nin moito menos, que as mulleres na Galiza non sufran o dominio do patriarcado, e que moitas mozas atopen na marcha unha posible vía para separarse do mesmo. Mais quizais non sexa a cidade quen libera, nin o campo quen oprime.

Quizais cumpriría explorarmos as distintas formas de dominación, que non coñecen fronteiras, e como estas se readecúan no tempo. E quizais naquelas comunidades a extinguir podemos mesmo atopar potencias, caso da fortaleza da axuda mutua, que inspiren respostas perante os problemas sociais que xera o engorde permanente do individuo en soidade.

-Centrouse tamén en estudar os comezos do Servizo de Extensión Agraria (SEA) a mediados dos 50, que chegou ós nosos días daquelas primeiras liñas de actuación deste servizo?
-O Servicio de Extensión Agraria creouse seguindo inicialmente o modelo do extensionismo estadounidense. Inicialmente orientado ó traballo nas explotacións, a práctica evidenciou que a transformación esixía traballar cos rapaces novos, coas mulleres e co conxunto da comunidade. Dalgún xeito, evidenciaba tamén que a agricultura era moito máis ca unha actividade produtiva. Ese traballar con, por outro lado, fixo da súa labor unha proposta ben interesante, máis aínda no contexto ditatorial en que se insería. Algúns proxectos produtivos de carácter cooperativo promovidos por planteis de mozos, continúan, con cambios, traballando hoxe en día. Ó tempo, o conxunto das mudanzas que os axentes de extensión de economía doméstica acompañaron en moitas comarcas, aínda crendo en facer posible seguir vivindo do agro, camiñaban cara un rural onde cada vez era máis difícil poder continuar. Non serían poucos os axentes que cavilarían a respecto dos paradoxos que contiña ese proceso.

“Unha das primeiras políticas agrarias da ditadura foi a expropiación dos dereitos das comunidades sobre os montes”

-Son estes os cimentos do sistema agrogandeiro que coñecemos a día de hoxe?
-É posible, si, aínda que cabería contrastar todas estas cuestións con mellores coñecedores da materia. Na década dos 60 do século pasado, políticas estatais e instancias internacionais convidaron á reestruturación do agro dacordo a unha serie de especializacións produtivas orientadas polas demandas previstas dunha sociedade de consumo en construción. Ese proceso conlevou enormes esforzos por parte das casas labregas que se embarcaron no mesmo, conformándose un sector produtivo cun alto grao de dependencia. Ó tempo, moitas outras casas tentaron continuar cun modelo mixto, cada vez menos posible. Hoxe en día, unhas poucas explotacións seguen resistindo, e outras moitas teñen que botar o peche. Das que nos 80 aínda ían indo cunhas poucas vacas e un salario, poucas quedan. No entanto, non sen dificultades, algúns mozos tentan continuar no agro, traballando por outras formas de produción, recuperando algunhas que foran denostadas polos avós, no marco de propostas agroecolóxicas.

-Cales eras as liñas xerais que se marcaban daquelas para o rural galego? Como foi a evolución?
-Aínda que caberían moitas precisións ó respecto, dados os distintos espazos rurais do noso territorio, as distintas capacidades e circunstancias, quizais nos sirva como liña xeral insistir nesa promoción da especialización produtiva. A agricultura da primeira metade do século XX era maiormente de policultivo e gandería, co monte como soporte e fornecedor de estrume, espazo de pastoreo e de cultivo. Unha das primeiras políticas agrarias da ditadura franquista conlevou a expropiación efectiva dos dereitos das comunidades sobre os seus montes e o alleamento do monte do sistema agrario do que era soporte, para orientalo á produción de madeira para a industria celulósica. A especialización produtiva en distintas vertentes, caso da produción láctea, será incentivada polo Estado e as empresas privadas.

As liñas marcadas polo Estado, por outro lado, non foron sempre unívocas nin carentes de conflito, caso do que atinxe ós intereses ás veces contrapostos da vertente forestal fronte á gandeira. A práctica dos labregos, por outra parte, non sempre se axustou á perfección ós ideais tecnocráticos. Durante décadas, foise plantando algún monte sombrío, ó tempo que se seguía labrando millo, trigo, patacas e horta. Seguíronse criando unhas poucas vacas de traballo e outras poucas de leite, aínda todas co seu nome. E seguíronse xuntando os veciños de cerca para facer a esfollada.

“Hai moitas décadas que comezaron a pecharse escolas e outros dereitos no rural”

-Nos últimos tempos estamos afrontando unha despoboación do rural, é unha repetición dos éxodos que se produciron noutras épocas como nos anos 50 e 60 cara a Europa e Latinoamérica?
-Tal vez non sexa unha repetición, porque os tempos e as circunstancias son outros, pero é posible que podamos entender estes novos éxodos como parte dun novo momento na división internacional do traballo. Non se trata, ó meu ver, de que mozos formados queiran vivir a aventura do descoñecido. Trátase de se teñen ou non o dereito a reproducir a súa vida na terra onde se criaron. A pregunta sérvenos para momentos anteriores. No tempo das migracións masivas ó sur do continente americano no primeiro terzo do XX, os emigrantes articulaban alén mar asociacións de parroquia e retornaban escolas a comunidades vivas.

Hoxe, moitos mozos, xa non só da aldea, tamén das vilas e das cidades, teñen que volver marchar. No entanto, pechan as portas das últimas casas abertas de moitas aldeas, como corolario necesario deste proceso sobre o que vimos falando. Non é só que hoxe falten servizos, é tamén que hai moitas décadas que comezaron a pecharse escolas e outros dereitos.

-Pese a que o sector agrario debera ser comprendido como un piar fundamental da sociedade, como reivindican moitas voces, durante anos en Galicia asociouse o traballo no campo como unha alternativa despectiva ‘aquel que non valía para outra cousa quedaba atendendo as vacas ou as terras’. Que motivou a que esta concepción se mantivese durante tanto tempo?
-Certamente, trátase dunha cuestión de grande calado. Este proceso de mudanzas que parece intensificarse a mediados do século pasado, contou cunha clara dimensión aculturadora. O rural, dacordo a certas teorías do desenvolvemento construídas nestas décadas, era un atraso a superar. Con ese argumentario, encubríase o expolio.

“O rural, dacordo a certas teorías do desenvolvemento, era un atraso a superar. Con ese argumentario, encubríase o expolio”

A lingua galega, era a da incultura. Nese sentido, a mobilización colectiva contribuiu a pensarmos se os agravios serían inxustizas e non males naturais. Mais é preciso continuar traballando neste sentido, porque o autodesprezo imposto calou fondo. E aínda así, desde a ambivalencia e con vento en contra, o que queda desa cultura popular desprezada é unha das nosas maiores forzas colectivas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información