Corona de Andrade, 20 anos poñendo en valor a repostería tradicional

A empresa vilalbesa Dispravia cumpre dúas décadas fabricando doces e tartas con ovos e leite galegos. Falamos co seu creador, Tino Graña, de como cambiaron os gustos do consumidor neste tempo

Tino cunha tarta de améndoa, unha das 40 referencias que fabrican, no obradoiro da empresa en Vilalba

Tino cunha tarta de améndoa, unha das 40 referencias que fabrican, no obradoiro da empresa en Vilalba

Améndoa, ovo, azucre e raspaduras de limón. Son os ingredientes que leva o roscón de Vilalba, un doce tradicional da Terra Chá que Tino Graña decidiu fabricar e comercializar en xaneiro do ano 2000. Hoxe a súa empresa, Dispravia SL, elabora 40 receitas distintas de doces e tartas que vende en toda Galicia, Madrid ou Cataluña.

“Comezamos coa metade da superficie que temos hoxe facendo unicamente roscón de Vilalba, pero cun produto só era imposible sobrevivir. O roscón é un doce moi local e con demanda limitada. Así que fomos ampliando e diversificando a medida que o demandaba o mercado e hoxe dispoñemos de 40 referencias”, explica o xerente de Corona de Andrade, a marca comercial que emprega Dispravia.

Os seus produtos (roscóns, roscas azucaradas, melindres, biscoitos, tartas de queixo ou de améndoa) encóntranse nas principais cadeas de distribución da nosa comunidade pero ademais de estar por toda Galicia tamén se venden en Madrid ou Cataluña. “O noso forte é Galicia, onde temos unha forte implantación a través dos supermercados Gadis e Eroski”, aclara Tino.

Millón e medio de euros de facturación

Dispravia pechou o ano 2019 cun millón e medio de euros de facturación, o que dá idea o volume de traballo desta empresa. “Son produtos asequibles, dun prezo de venda ao público reducido, polo que tes que mover moitas unidades de venda para facer unha cifra decente”, indica o xerente.

O ovo natural mércanllo a Avícola O’Viso e o pasteurizado a Granja Campomayor, mentres que o preparado lácteo para as súas tartas de queixo prodúceo a empresa Quescrem

Cando no ano 2000 Tino se lanzou á fabricación de repostería tradicional non tiña experiencia “nin de pasteleiro nin de panadeiro”, recoñece. Adicábase ao sector da distribución alimentaria, actividade que mantivo en paralelo ao da fabricación até fai catro anos, polo que coñecía o mercado da alimentación desde esta outra perspectiva, algo que lle axudou a abrir mercado a aquilo que ía fabricando no obrador situado no polígono industrial de Vilalba.

Ainda hoxe segue sendo el o que se encarga do traballo comercial e do contacto cos clientes, algo que recoñece que se lle dá ben. O 90% da produción comercialízana na actualidade a través de cadeas de distribución. “Venda ao detalle xa practicamente non facemos”, explica o xerente de Dispravia, que recoñece que “nestes 20 anos o mercado da alimentación cambiou moitísimo”. “A tenda tradicional está desaparecendo case por completo, queda algunha que outra de especialidade e algún pequeno supermercado rural ou de barrio, pero cada vez menos”, asegura.

Recuperar receitas tradicionais

A empresa dá traballo a 20 persoas

A empresa dá traballo a 20 persoas

Neste tempo os hábitos de consumo tamén cambiaron, o mesmo que os gustos do consumidor. “O noso non é bolería industrial, son produtos artesanais, e de feito normalmente os nosos produtos non están situados no supermercado no medio da bolería industrial, senón co pan”, describe Tino.

Corona de Andrade naceu coa idea de recuperar receitas tradiconais galegas e segue mantendo esa filosofía. “Queremos seguir conservando as receitas autóctonas, hai moita xente que volve valorar ese tipo de produtos”, asegura o responsable desta empresa chairega.

Para iso poñen un dos seus énfases no coidado da materia prima que utilizan. “O que podemos comprar en Galicia comprámolo aquí. O azucre ou a améndoa non poden ser galegos porque aquí non hai, pero o ovo ou os derivados lácteos si”, argumenta Tino. O ovo natural mércanllo a Avícola O’Viso e o pasteurizado a Granja Campomayor, de Palas de Rei, mentres que o preparado lácteo para as súas tartas de queixo prodúceo a empresa Quescrem, de Castro de Rei.

Dar confianza ao consumidor

A etiquetaxe de todos os produtos da marca Corona de Andrade inclúe toda a súa composición detallada porque “trátase de dar confianza ao consumidor”, afirma Tino, que dá moita importancia á seguridade alimentaria. “Deben facerse todos os esforzos en facer produtos seguros e saudables, produtos cada vez máis adecuados, por iso nós non usamos aceites de palma e estamos tendendo a reducir o nivel de azúcares”, di.

Todos os seus doces e tartas pasan por un detector de metais antes de seren envasados para evitar que calquera elemento estrano que poida vir na materia prima poida chegar ao consumidor

Todos os seus doces e tartas pasan por un detector de metais antes de seren envasados. “Ao principio parecíanos unha medida esaxerada cando nola empezou a pedir algunha cadea pero hoxe penso que non está de máis, que é bo extremar as medidas de seguridade, porque evitas sorpresas que moitas veces non dependen só de ti, porque pode vir algún elemento estrano no medio da materia prima, na fariña ou na améndoa, por exemplo e esta é unha maneira de detectala e evitar que ese produto chegue ao consumidor. Todo o que sexa traballar na seguridade alimentaria é positivo”, razoa.

Versatilidade para adaptarse ao mercado

Rosquiñas como as que se venden nas romerías en Galicia

Rosquiñas como as que se venden nas romerías

Dispravia conta hoxe con 2.000 metros cadrados na zona de fabricación e outros 1.000 metros cadrados a maiores na zona destinada ás materias primas e embalaxes. “As materias primas entran todas por atrás e o produto finalizado, listo para saír ao mercado, sae pola parte de adiante”, explica Tino.

Aínda que naceu coa idea de fabricar roscón de Vilalba, a tarta de améndoa é hoxe un dos produtos principais de Corona de Andrade. “É a nosa bandeira durante todo o ano, levámola facendo tamén desde o ano 2000 e ten un consumo estabilizado durante os 12 meses con pequenas variacións”, indica. Así, nos meses de máis demanda, que coinciden cos do verán, Dispravia fabrica unhas 35.000 unidades cada mes de tarta de améndoa, cifra que se reduce a unhas 25.000 nos meses máis baixos, onde sen embargo se consumen máis outro tipo de elaboracións.

Unha empresa como a nosa ten que ser moi áxil e moi polivalente. Somos moi sensibles á hora de ir vendo o que o mercado demanda e as mensaxes que o consumidor vai lanzando

Adaptarse aos cambios nos gustos do consumidor e coidar ao cliente que distribúe e vende os seus produtos son algunhas das claves do éxito desta empresa vilalbesa. “Somos moi sensibles á hora de ir vendo o que o mercado demanda e as mensaxes que o consumidor vai lanzando e calquera suxerencia que uns ou outros nos poidan facer tratamos de atendela e de dar respostas satisfactorias sempre. Somos moi versátiles. Unha empresa como a nosa ten que ser moi áxil e moi polivalente. Tentamos fidelizar moito o cliente e conservamos moitos desde que comezamos a nosa andadura”, indica.

Panettone italiano fabricado en Vilalba

Dispravia panetoneAs receitas tradicionais son a razón de ser de Corona de Andrade, pero a empresa vilalbesa tamén se atreve a innovar. Desde o ano 2015 elaboran panettone, un pan con pasas de orixe italiano que se está a converter noutro dos emblemas da empresa chairega.  “Hai 5 anos un cliente noso que fai moitas cestas de Nadal tiña unha necesidade puntual, porque faltáballe unha partida de panettones que lle mandaban desde Italia e xa non daba tempo a que llos serviran e falou con nós para ver se llo podiamos resolver, así que nos puxemos co tema e logramos facer un produto que ten moito éxito”, explica Tino.

Ese primeiro ano Dispravia fixo unicamente 4.000 unidades por encarga para ese cliente pero tralo éxito acadado a produción non deixou de incrementarse de xeito exponencial na fábrica vilalbesa ano tras ano até fabricar na última campaña un total de 200.000 unidades deste produto estacional.

Dispravia é das poucas empresas que hai en España que fabrican este doce italiano, do que venderon 200.000 unidades o Nadal pasado

“Mesmo puidemos vender un 20% máis do que fabricamos no último Nadal, así que imos ampliar os medios cos que contamos para seguir aumentando, porque hai posibilidades de medrar con este produto que segue vindo case todo de Italia. Ano a ano aumenta o seu consumo e xa hai moitas pastelerías que o fan para vender pero de forma industrial en Galicia só o facemos nós e só somos dúas ou tres as empresas que o fabricamos en España”, conta Tino.

A aposta de Dispravia por este postre orixinario de Milán é clara e hai dous anos xa investiron máis de 100.000 euros en nova maquinaria destinada expresamente á súa fabricación, na que se emprega fariña, ovos, azucre, margarina, levadura, auga, manteiga, froitas pasas ou confitadas e boliñas de chocolate. A receita consiste en facer a masa nai o día antes. Logo de pasar a noite na cámara, pola mañá mestúrase co resto de ingredientes e, tras fermentar tres horas, métese ao forno 30 minutos. Fan dous formatos, de medio quilo e dun quilo, e a súa fabricación permítelles manter o pico de produción na fábrica até o Nadal, algo que antes non sucedía, pois decaía nos meses finais do ano.

O éxito do panettone de Corona de Andrade volve estar nas dúas claves polas que aposta en todos os seus produtos: receita tradicional e materia prima de calidade. “Descoñeciamos totalmente ese produto pero din o primeiro ano cun italiano que se ofreceu a servirnos a materia prima e vir aquí ensinarnos a elaboralo”, explica o xerente da empresa de Vilalba.

Produción estacional

Desde Reis até o Entroido fabrican orellas

Desde Reis até o Entroido fabrican orellas

Dispravia fabrica panettone desde o mes de setembro até o Nadal, que é cando se vende de xeito maioritario. Despois de Reis cambian a receita italiana pola galega e póñense a facer orellas para o Entroido. Empezaron a facelas fai dous anos e ao igual que acontece cos panettones, a empresa vilalbesa é das poucas que fabrican orellas de xeito industrial en grandes cantidades. “Aproveitamos moi ben as campañas”, indica o responsable de Corona de Andrade.

Corona de Andrade conta con doce empregadas fixas todo o ano na parte de produción pero desde o mes de xullo até o Entroido, a época de máis traballo, chegan ás 20 persoas na fábrica

A plantilla da empresa tamén se adapta a esa produción estacional. “Temos 12 persoas contratadas todo o ano en produción pero desde o mes de xullo até o Entroido, que é a época de máis traballo na fábrica, chegamos a 20 persoas traballando”, explica Tino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información