Consenso sobre frear o abandono da terra, desacordo sobre o cómo e para qué

Expertos de distintos campos debateron este xoves en Lugo sobre a propiedade da terra en Galicia e a acción pública nunha mesa redonda organizada polo Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC. O consenso sobre o problema do abandono da terra mostra diverxencias á hora de propoñer solucións e usos para o territorio

Publicidade
Consenso sobre frear o abandono da terra, desacordo sobre o cómo e para qué

De esquerda a dereita: Luis Villares Quico Ónega, Ángel Pérez Dubois, Inés Santé, Óscar Rivas, Francisco Dans e Santiago Sousa

Galicia conta con case 1,3 millóns de propietarios de fincas no rural e ao redor de 30.000 explotacións gandeiras, un desaxuste que nos fai únicos no contexto europeo e afunde as súas raíces na redención foral de principios do século XX, que permitiu a centos de miles de campesiños galegos ser propietarios de dereito da terra que viñan traballando en arrendo desde facía centos de anos.

Sen embargo, o fenómeno do éxodo do rural nas últimas décadas provocou un crecente abandono da terra, con problemas asociados como os incendios forestais e o inxente gasto económico en medios de extinción que supón para o erario público. Ao tempo, dáse o paradoxo de que as explotacións gandeiras teñen dificultades para aumentar a súa base territorial, proxectos agrarios non se asentan en Galicia por falta de parcelas dimensionadas, ou a competitividade das explotacións forestais vese reducida pola falta dunha maior superficie.

Para abordar este problema estrutural do sector primario galego, o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC organizou este xoves en Lugo unha mesa redonda con distintos representantes do sector que expuxeron os seus distintos puntos de vista sobre o futuro do territorio, coincidentes na avaliación dos efectos negativos do abandono do territorio pero diverxentes á hora de como abordalo desde a acción pública.

Santiago Sousa (Os Irmandiños): “Estamos a comprar palla en Castela a 90 euros a tonelada cando temos miles de leiras abandonas en Galicia”

Así, Santiago Sousa Lema, director da área de Cultivos e Mecanización Agraria de Os Irmandiños, relatou a experiencia desta cooperativa no cultivo de 500 hectáreas de propietarios privados para a produción de forraxes para os gandeiros socios. “Atopámonos con moitos obstáculos, pero temos que ser prácticos e buscar solucións para poñer a producir o territorio”, asegurou. Así, Santiago Sousa chamou a atención sobre que “á vez que vemos cada vez máis leiras abandonadas, temos que traer palla de Castela para as nosas vacas, a 90 euros a tonelada, mentres por unha tonelada de raigrás en Galicia pagamos ao redor de 60 euros”.

Santiago Sousa: “En cada hectárea que cultiva Os Irmandiños invístense 2000 euros ao ano”

Do sistema de xestión e cultivo de fincas privadas de Os Irmandiños, Santiago Sousa destacou a súa flexibilidade e os beneficios económicos tanto para o propietario, cunha renda anual de entorno 300 euros por hectárea alugada se a leira é para cultivo de millo forraxeiro, ou de 180 se só é para herba, como pola importante xeración de riqueza no territorio, “xa que en cada hectárea que cultivamos investimos 2.000 euros, 1 millón de euros en total que se traduce en xeración de emprego e actividade económica na zona”.

Francisco Dans: “Hai que diminuír a presión burocrática e sancionadora sobre os silvicultores”

Desde o sector forestal, Francisco Dans del Valle, presidente da Asociación Forestal de Galicia, lembrou que en Galicia existen ao redor de 400.000 propietarios forestais privados e unhas 3.000 comunidades de montes, que en conxunto xestionan uns 2 millóns de hectáreas de monte, gran parte do cal está abandonado, “por falta de expectativas económicas e sociais do monte”.

Neste sentido, Francisco Dans defendeu que “máis que subvencións, o que pedimos é que diminúa a enorme carga burocrática da administración e presión sancionadora para os silvicultores que hai neste momento en Galicia, e que leva ao abandono”.

 Francisco Dans: “Hai que dirixir a política forestal ao 90% dos propietarios que xa non teñen vinculación co monte”

Ademais, o presidente da Asociación Forestal de Galicia fixo un chamamento para reorientar a política forestal “e dirixila aos 9 de cada 10 propietarios forestais que xa non teñen vinculación coa actividade agrícola e gandeira, e que en boa medida son xa urbanitas, para atraelos a investir no monte”. Destacou que estas iniciativas de dinamización do sector forestal “deben ser clarísimamente de iniciativa privada, pois a administración pública actual xa está colapsada xestionando 300.000 hectáreas de comunidades de montes”.

Por outra banda, subliñou que “o minifundio non é sinónimo de mala xestión, pois o monte con máis minifundio de Galicia, que é o da Mariña e Ortegal, é o mellor xestionado, producindo unhas rendas moi interesantes para os propietarios”. Iso si, o representante da Asociación Forestal mostrouse tallante ao afirmar que “as únicas especies que neste momento dan algún beneficio económico ao propietario son o eucalipto, o chopo e certas plantacións de piñeiro radiata”.

Por último, Francisco Dans mostrouse partidario de políticas que penalicen o abandono da terra e promovan o seu cultivo e posta en valor.

A sociedade debe coñecer os instrumentos que ten a Xunta para mobilizar e poñer en valor as terras”

O punto de vista da administración achegouno Miguel Ángel Pérez Dubois, recentemente nomeado director xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural. Como mostra da singularidade da propiedade da terra en Galicia, lembrou que conta co 28% das propiedades rurais do Estado, cando representa o 5,8% do territorio español.

Pérez Dubois: “Hai que mellorar a xestión do Banco de Terras”

En canto aos instrumentos administrativos da Xunta para mellorar a estrutura e a posta en valor das terras en Galicia, Miguel Ángel Pérez Dubois destacou as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) -6 actualmente-; o Banco de Terras, “un instrumento necesario e importante na xestión de usos da terra, ao que haberá que dotar dunha mellor xestión”, e a Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (METAGA), aprobada en xullo de 2015, “que pretende axilizar os procesos de concentración parcelaria, un clamor do sector, e busca un avance no aproveitamento das zonas de parcelaria”.

“Son instrumentos que a sociedade ten que coñecer, ao tempo que debemos reforzar as políticas participativas”, concluíu o representante da Consellería do Medio Rural.

Custodia do Territorio: “En Galicia menos do 15% do territorio ten unha figura de protección, dez puntos menos que a media da UE”

Precisamente a falta de participación social no último Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 de Galicia foi unha das críticas de Óscar Rivas, presidente da Rede Galega de Custodia do Territorio, unha ONG que pretende implicar á sociedade civil na conservación da natureza e da paisaxe.

Rivas atribuíu o abandono do rural e a crise do sector agrario e gandeiro “ás políticas neoliberais, pero que se sustentan en axudas públicas, como se demostrou no ultimo PDR, onde o lobby do eucalipto fixo un bo labor para captar axudas”.

O representante ambientalista lembrou que “en Galicia non producimos nin o 20% da comida que consumimos, e é algo que esquecemos nunha paisaxe rural dominada pola ditadura do eucalipto e do millo forraxeiro”. Igualmente botou en falta “o cumprimento da lei por parte da propia Administración”, en referencia ás plantacións de eucaliptos en terreos agrarios.

Óscar Rivas: “A Administración non desempeña o seu papel para facer cumprir a lei”

En canto ás medidas de conservación da paisaxe, Óscar Rivas chamou a atención sobre que “en Galicia menos do 15% da súa superficie está dentro dalgunha figura de protección, dez puntos menos que a media Europa, e somos a única Comunidade Autónoma que ten un único plan director para toda a Rede Natura, cando o normal é ter plans de xestión específicos para cada espazo, e que deben ser moi participativos, xa que en Galicia máis do 90% da Rede Natura son propiedades privadas”.

Neste último aspecto centro a súa intervención Inés Santé Riveira, directora do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, quen destacou a aposta da administración autonómica pola participación social na Estratexia da Paisaxe Galega, co fin de protexer, xestionar e ordenar as paisaxes tradicionais galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información