Cita co porco celta o 8 de febreiro en Sarria

O mercado gandeiro de localidade acollerá a cuarta Feira Internacional FIPORCO e a edición número doce do Cocido de Porco Celta

Publicidade

cocido porco celta Sarria 660x440Achégase unha das citas inexcusables do inverno galego. O vindeiro día 8 de febreiro celébrase no Campo da Feira de Sarria a XII Festa Cocido do Porco Celta da Comarca de Sarria. Conxuntamente tamén terá lugar a IV Edición da Feira Internacional do Porco (FIPORCO) con ampla representación dos afamados embutidos de Sarria e de outras empresas agroalimentarias da zona, que presentarán distintos produtos, desde queixos a doces ou mel.

A celebración gastronómica do cocido e da posta en valor da exquisita carne do porco celta, raza porcina autóctona de Galicia recuperada a partir da década dos 90, ten ademais un aspecto de promoción turística de toda a Comarca de Sarria, que conta con interesantes atractivos patrimoniais e paisaxísticos, sendo atravesada polo Camiño de Santiago francés, o itinerario xacobeo con maior tradición histórica e o máis recoñecido internacionalmente.

Programa

Os actos darán comezo ás 11.00 da mañá coa apertura de FIPORCO, con exposición e venda durante toda a xornada. Ás 12:30 pasarán polas rúas de Sarria coches clásicos que a continuación serán expostos no recinto feiral. Á unha e media terá lugar a recepción dos asistentes ao cocido no campo da feira, amenizada con música de gaiteiros. Trala benvida do alcalde de Sarria, Claudio Garrido, ás dúas da tarde procederase ao pregón por parte do presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, que será presentado por Carlos Lema Devesa, catedrático da Universidade Complutense.

Como é habitual, despois das sobremesas, en torno ás 16:30 horas, faranse os tradicionais nomeamentos de Tixoleiros e Cazoleiras 2020 para proceder ao peche da feira a última hora da tarde.

A celebración continúa ao día seguinte, o domingo 9, nos restaurantes organizadores de Sarria e de Samos, que ofrecerán nos seus menús ovos fritos con chourizo.

As tarxetas para a participación neste concurrido cocido, que xunta a perto dun milleiro de comensais, xa están á venda. O prezo dunha mesa completa para 13 persoas é de 475 euros. As reservas poden facerse nos seguintes números de teléfonos:
-Hotel Alfonso IX (Sarria) 982530005
-Hotel Roma (Sarria) 982532211
-Hotel A Veiga (Samos) 982546052

A grande afluencia a esta cita, que comezou celebrándose no polideportivo dos institutos da localidade, fixo que se trasladase fai dous anos ao campo da feira, con maior capacidade para acoller aos numerosos asistentes a esta grande xuntanza de exaltación gastronómica así como á feira de produtos que se organiza de forma parella ao cocido.

Unha comarca con tradición de embutidos

A Feira Internacional do porco e os seus produtos gastronómicos (Fiporco) consolídase como escaparate para produtores e empresas transformadoras da comarca de Sarria. Na súa cuarta edición, agárdase a participación de distintos produtos de alimentación, como derivados cárnicos, queixos, mel ou doces fabricados ao xeito tradicional en localidades como Sarria, Samos, Paradela, Triacastela ou Navia de Suarna.

Baixo o lema Comarca de Sarria, terra dos embutidos, este mercado, organizado polo Concello de Sarria e a Academia Galega de Gastronomía, da que forma parte o presidente de Agatur, o sarriao Juan Luis Díaz, pretende destacar sobre todo a longa tradición e riqueza existente nos concellos desta comarca coa elaboración de produtos cárnicos derivados do porco.

Daranse cita na feira unha vintena de produtores, como Cachenas de San Breixo de Triacastela, Asoporcel ou a Federación de razas autóctonas Boaga, e industrias transformadoras procedentes da comarca, como Cárnicas Teijeiro, Sabelugo, Embutidos Casa Neiras, Embutidos Abuela Delfina, Embutidos Oribio ou Embutidos Suarna. Tamén haberá representación doutros sectores, como por exemplo os doces, queixos e licores, as tartas de Torta de Sarria, os produtos gourmet de Arlo, os derivados lácteos de Queserías Sarrianas ou Queixos Casa López, as conservas de castaña e marmeladas de Dosouto ou o mel de Abella Celta. Na feira estarán presentes tamén distintos anticuarios de Sarria, unha localidade con moita importancia tamén deste sector.

Gastronomía e turismo vinculado ao Camiño

A organización da feira e o cocido corren a cargo do Concello de Sarria e da Asociación de Hostalaría e Turismo do Camiño de Santiago e conta coa colaboración da Asociación de Criadores de Porco Celta de Galicia (Asoporcel) e da empresa local Cárnicas Teijeiro, a primeira de Galicia en facer embutidos de porco celta fai xa 20 anos. Esta festa gastronómica é tamén un exemplo de colaboración institucional, xa que poñen o seu gran de area todos os Concellos da comarca de Sarria, xunto á Deputación Provincial de Lugo e á Xunta de Galicia.

A celebración ten ademais dun sentido gastronómico e de posta en valor das producións tradicionais de Galicia, un aspecto non menos importante de promoción turística de toda unha comarca atravesada polo Camiño de Santiago e que conta con interesantes atractivos patrimoniais e paisaxísticos. Coa organización de Fiporco por parte da concellaría de Festas do Concello de Sarria, que dirixe Geni Valcárcel, demóstrase que tanto a gastronomía como as producións locais son cada vez máis un recurso económico importante e un potente atractivo a nivel turístico.

Cartel Fiporco.cdrcartel Cocido 2020 660px

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información