A Campiña, 30 anos producindo leite nunha das SAT máis veteranas de Galicia

Apostaron polo traballo en conxunto no ano 1989 formando unha das primeiras sociedades gandeiras da nosa comunidade e 10 anos despois crearon unha CUMA pioneira xunto a outras 5 gandeirías da zona. Hoxe esta explotación de Portomarín busca estabilizarse en 280 animais en produción

Ricardo Pérez, na nave de produción que SAT A Campiña ten en Vilaxuste

Ricardo Pérez, na nave de produción que SAT A Campiña ten en Vilaxuste

“Estamos buscando estabilizar a explotación en 280 animais en produción e telos cómodos. Se as vacas están cómodas nós traballamos cómodos tamén”, afirma Ricardo Pérez, un dos tres socios da SAT A Campiña, unha das máis veteranas de Galicia, con 3 décadas xa de traballo en conxunto.

Os 2,9 millóns de litros producidos en 2019 (400.000 máis que no 2018), que entregan a Leite Río desde fai 2 anos, converten a esta explotación de Portomarín nunha das máis grandes da provincia de Lugo. Pero a súa principal característica, ademais de apostar pola unión con outras granxas da zona, é a súa capacidade para ir adaptándose ao paso do tempo.

“A quen máis beneficia o benestar animal é ao gandeiro, porque se a vaca non está cómoda e ben non produce”

“Aínda que son instalacións antigas, fóronse facendo reformas para actualizalas e ter as vacas cómodas. A quen máis beneficia o benestar animal é ao gandeiro, porque se a vaca non está cómoda e ben non produce”, insiste Ricardo.

SAT A Campiña conta neste momento con 234 vacas en muxidura e 390 cabezas totais pero veñen de facer unha ampliación para 50 animais máis en produción. “É unha zona nova con cama quente para recolocar as vacas de máis idade ou que non se adaptan ben aos cubículos”, explica.

Parideira

Parideira

“Para incrementar a nosa produción estivemos dubidando entre pasar a facer 3 muxiduras diarias coas vacas que tiñamos ou seguir con dúas muxiduras e aumentar o número de animais e pensamos que nos sería máis factible esta segunda opción, por iso decidimos ampliar”, razoa. Moxen ás seis e media da mañán e ás seis da tarde e lévalles dúas horas e media muxir e media hora máis lavar. Teñen unha sala 2×10 semitraseira remodelada no 2011 e moxen dúas persoas mentres outras dúas limpan os patios e as camas.

390 cabezas repartidas en tres ubicacións

Teñen touro para as repetidoras

Teñen touro para as repetidoras

A explotación no seu conxunto fórmana tres núcleos diferentes situados tres ubicacións distintas. O núcleo principal, onde se atopan as vacas en produción, as vacas secas e as becerras máis pequenas (até que son destetadas aos 2 meses de vida) está en Vilaxuste. Os seguintes lotes da recría repártense despois, a medida que van medrando, entre Recelle e Guntín, con 70 e 20 xovencas respectivamente.

Esta SAT foi creada no ano 1989 por tres socios, dos que na actualidade seguen dous, Ricardo e José Pérez. O outro dos fundadores, José Luis López, deixou no 2009 a sociedade, á que se incorporou no 2003 José Manuel López, que continúa hoxe xunto a Ricardo e José.

José Manuel é de Recelle, un pobo veciño a Vilaxuste, e no que era o seu establo atópase a meirande parte da recría, que atende a súa muller. “As xovencas levámolas tres anos a un centro en Escairón pero non nos resultou e decidimos volver facela nós”, explica Ricardo.

Menos recría

Logran animais moi produtivos aínda que o que buscan tamén é que duren. “A nivel xenético estamos a un nivel medio-alto. Buscamos produción, evidentemente, pero tamén patas e ubres, o que queremos son animais medios que a nivel de establo respondan ben”, indica.

Aos dous meses, as becerras repártenas entre Recelle e Guntín

Aos dous meses, as becerras repártenas entre Recelle e Guntín

“Hoxe temos menos recría, con criar un cento de becerras ao ano amañamos, tivemos épocas nas que recriabamos todo, agora non, solucionamos con menos. As que temos chégannos e senón mercamos, hoxe hai animais bos a bos prezos”, asegura Ricardo. Teñen touro para as repetidoras, para asegurar a reprodución logo de tres intentos mediante inseminación.

Tres das primeirizas do 2018 desta explotación situáronse entre as de máis produción de Galicia segundo os datos do control leiteiro. As tres superaron os 16.000 litros na súa primeira lactación, colocándose entre as 10 con máis produción ao primeiro parto da provincia de Lugo e Campiña Rosendo 5738 mesmo subiu ao podio como terceira clasificada cun total de 17.609 litros producidos no 2018 co 3,62% de graxa e o 3,25% de proteína.

Man de obra estable

Ademais dos tres socios e da muller de José Manuel, que atende a recría en Recelle, contan con tres traballadores, logo da incorporación en 2019 dun terceiro empregado. O que máis tempo leva na explotación é Ricardo, portugués asentado en Vilaxuste e que leva traballando na granxa desde o principio. Fai 10 anos empezou Enrique e Álvaro leva 6 meses.  “Nós temos todos entre 50 e 60 anos e non temos fillos que queiran seguir coas vacas pero a idea é seguir polos empregados”, explica Ricardo.

As camas son unha mestura co 80% de carbonato e o 20% de serrín ou cascarrilla de arroz

As camas son unha mestura co 80% de carbonato e o 20% de serrín ou cascarrilla de arroz

Nesta SAT teñen distribuido o traballo de xeito semanal con horarios que facilitan a libranza tanto dos socios como dos traballadores. “Os horarios na explotación son de 6 a 10 pola mañán e de 7 a 9 pola tarde pero se acaban o traballo antes marchan. Se non hai traballo non os queremos aquí para nada, as vacas se están listas non hai que estar aquí, teñen que descansar as vacas e tamén os empregados. A nós interésanos que se faga o traballo, non se un día fan unha ou dúas horas menos e marchan antes porque acabaron”, afirma.

Despois da xubilación dos socios pretenden seguir coa explotación uns anos máis polos empregados, que levan moito tempo con eles

Na Campiña os traballadores teñen día e medio libre á semana e “se fan unha hora máis págaselles, non regateamos niso, porque a xente se non a tratas ben non che dura”, engade Ricardo. A organización do traballo busca descargar as fins de semana para que as necesidades de persoal sexan mínimas. “Nas camas, por exemplo, o que facemos é picalas os mércores cunha gradiña e meter material o xoves, para que o venres quede encamado e a fin de semana non haxa que tocarlles”, explica.

Deste xeito, os sábados e domingos só fan os muxidos e a alimentación do gando e revisan se hai vacas para parto ou para inseminar. “Non temos colares nin podómetros e facemos a detección visual dos celos”, indica Ricardo, que engade que el, José e José Manuel vanse turnando “para que un dos tres socios estea sempre na fin de semana”.

Vilaxuste Sociedade Cooperativa Galega

Maquinaria pertencente á CUMA e que dá servizo a 6 explotacións da zona

Maquinaria pertencente á CUMA e que dá servizo a 6 explotacións da zona

SAT A Campiña é unha das 6 explotacións que forman a CUMA Vilaxuste S. Coop. Galega, xunto a SAT A Cruz, Abrita SC, Gandeiría Luchana, San Martiño SL e Gandeiría Outeiro. Foi a primeira CUMA en crearse en Galicia e segunda a nivel de todo o Estado, no ano 1998, e conta cun parque de maquinaria e cunha persoa contratada que leva a xestión de todas as granxas.

“A CUMA fainos todos os traballos, pero temos límites, porque todas as explotacións que a formamos fomos ampliando e non temos horas para todos, así que as explotacións máis grandes temos maquinaria de apoio para a CUMA que empregamos sobre todo en campaña. No noso caso son 2 tractores e unha cisterna para sacar purín”, indica Ricardo.

Ademais de maquinaria, a CUMA conta cunha persoa que leva a xestión de todas as granxas

Vilaxuste S. Coop. Galega conta con 5 empregados fixos durante todo o ano: tres tractoristas, unha persoa que se encarga do carro mesturador e a persoa da oficina. “En campaña metemos un tractorista máis e axudamos tamén os socios”, explican.

Aínda que a CUMA fai todos os traballos agrícolas nas 6 explotacións que a forman, nos últimos anos decidiron contratar a outra empresa externa o picado para o ensilado. “Antes tiñamos colleitadora propia na CUMA pero agora non, contratamos unha ou dúas colleitadoras en campaña e nós poñemos os remolques e sáenos máis rendible. A campaña hai que sacala rápido porque o millo non pode agardar e somos moitos socios con moita superficie”, razoa Ricardo.

170 hectáreas de superficie

SAT A Campiña dispón de 170 hectáreas de terreo e ten dificultades para ampliar a súa base territorial por atoparse nunha zona con moitas explotacións de leite e pola presión que exercen sobre os terreos agrícolas as plantacións forestais. “Levamos terras nos concellos de Guntín e de Portomarín e pagamos 250 euros por hectárea de aluguer, vánsenos moitos cartos niso”, indican.

Baixaron as hectáreas que sementaban a millo porque non en todas as parcelas lograban bos rendementos

Esta explotación decidiu nos últimos anos reducir a superficie que botaban a millo para sementalo só naquelas parcelas onde os rendementos por hectárea eran interesantes, adicando a herba o resto da superficie agrícola. “Cambiou a climatoloxía e non todas as fincas son produtivas para millo, nalgunhas sacabamos rendementos pequenos, así que este ano botamos só 60 hectáreas, pero houbo anos que chegamos a botar o dobre, unhas 120 hectáreas, pero penso que igual nos compensa mercar, porque escolles forraxe e así é sempre de calidade”, conta Ricardo.

Ración dúas veces ao día

Nave de produción

Nave de produción

Cada unha das seis explotacións que forman a CUMA de Vilaxuste ensila nas súas propias instalacións e diariamente o carro mesturador que teñen en común acode ás granxas dos distintos socios a facer as diferentes racións de alimentación de cada unha delas. No caso de SAT A Campiña o carro da CUMA vai dúas veces ao día, a primeira delas ás 7 da mañá, porque para as vacas en produción prefiren facerlles a mestura fresca dúas veces ao día.

En 2019 quedaron escasos de silo de millo e tiveron que suplilo con máis silo de herba

Este ano a colleita de millo nesta zona foi boa, pero a do 2018 fora moi escasa, polo que non lles chegou para todo o ano. “Quedamos escasos dous meses”, admite Ricardo. Nesta explotación da alimentación encárgase o nutrólogo Ángel Ávila e víronse obrigados entón a suplir a falta de silo de millo con silo de herba variando a ración de leite por unha con 14 quilos de penso, 1 quilo de herba seca e 33,5 quilos de silo de herba. “Arreglamos ben co silo de herba que tiñamos porque era de boa calidade, cun 17% de proteína”, aclara.

No caso das vacas secas a ración leva 3,5 quilos de herba seca, 3,2 quilos de concentrado, 12 quilos de silo de herba e 1,5 quilos de morea (un penso liquido complementario elaborado con azucares de alta dixestibilidade, microelementos minerais e vitaminas). A das xovencas de recría é semellante á das secas pero sen silo de herba e con 2 quilos de morea.

Melloras no confot dos animais

Separan as vacas que van secar para baixarlles á alimentación e reducirlles a cantidade de auga dispoñible

Separan as vacas que van secar para baixarlles progresivamente á alimentación e reducirlles a cantidade de auga dispoñible

Un dos maiores énfases que poñen nesta gandeiría é na comodidade do gando e nos últimos anos foron facendo melloras buscando o aumento do confort das vacas. “A nave de produción era unha granxa de polos dun dos socios que reconvertimos, polo que son instalacións antigas e máis baixas do debido, e aínda que son ventiladas, temos chorros de auga e ventiladores para combater o estrés por calor, porque aquí aperta no verán e o ano pasado chegamos a estar a 40 grados”, explica Ricardo. O sistema de ventiladores e aspersores de auga acende automaticamente cando a temperatura pasa dos 25ºC.

A cama das vacas en produción é dunha mestura de carbonato (80%) con serrín ou cascarrilla de arroz e na última ampliación, acometida en 2019, apostaron por un espazo con cama quente con capacidade para 50 animais, pensado para aquelas vacas de máis idade ou que non se adaptan ben aos cubículos. Tamén unha parte da recría, a que se atopa en Guntín, está en cama quente.

“As secas témolas en palla porque queremos que estean cómodas”, di tamén Ricardo. A instalación das secas conta cunha cuberta con trabantes e acceso ao exterior, a unha finca a carón da nave de produción, pero métenas todos os días a comer para tamén vixialas e telas controladas. “Respectámoslles a todas as vacas dous meses de secado. Nalgún caso é difícil facelo ben porque chegan dando 50 litros, pero o que facemos cando secamos é separalas durante uns días para baixarlles á alimentación e á auga”, explica.

Conflito pola xestión do monte comunal entre gandeiros e veciños sen vacas que queren plantalo

“A maioría das fincas que temos era antes monte pero foi roturado e lévanse traballando moitos anos. Temos 40 hectáreas alugadas ao Monte Veciñal en Man Común Rañadoiro, da parroquia de Vilaxuste, e outras 20 hectáreas alugadas ao monte comunal de Recelle”, explican os socios da SAT A Campiña.

Pero nesta parroquia, coma noutras moitas en Galicia, a presión das plantacións forestais sobre as explotacións que quedan en activo é cada vez maior, sobre todo por parte daqueles veciños que non teñen vacas e queren obter un rendemento madeireiro do monte.

A acta fundacional do monte comunal de Vilaxuste, un documento orixinal do século XVIII, establece que o monte terá “usos agrícolas” para aqueles veciños “que demostren que a casa está aberta e que hai fume na cheminea”, aclarando ademais que “non concede dereitos nin aos curas nin aos viandantes”.

Pero este uso agrícola tradiconal do monte comeza a estar en perigo en moitas parroquias a medida que os gandeiros foron quedando en minoría na comunidade de montes. Foi o que ocorreu en Vilaxuste. A nova directiva da CMVMC quixo fai 5 anos modificar o uso de moitas das parcelas que foran convertidas en pastizais, algúns mediante subvencións públicas, e que as explotacións usaban para alimentar o gando, poñendo así en perigo a viabilidade das gandeirías da parroquia e que suman en conxunto máis de 1.500 cabezas de gando.

NOTA ACLARATORIA: O XORNALISTA DE CAMPO GALEGO VISITOU ESTA GANDERÍA PARA REALIZAR A REPORTAXE ANTES DA CRISE DO CORONAVIRUS COVID19

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información