Beneficios do silvopastoreo con Porco Celta

Iván Rodríguez Paz, veterinario e director técnico da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL) explica os resultados do proxecto de pastoreo con porcino celta na MVMC de Carballo en Friol (Lugo)

Beneficios do silvopastoreo con Porco Celta

Porco Celta realizando silvopastoreo na MVMC de Carballo en Friol

Os proveitos de pastorear os terreos con diferentes especies de gando son coñecidos dende fai moito tempo. Particularmente en Galicia, está resultando unha boa solución para poñer en valor parcelas en desuso ou infrautilizadas, favorecendo a conservación da paisaxe e a roza da maleza, ó tempo que se reduce o risco de que se produzan lumes forestais.

As producións procedentes da gandería extensiva son sinónimo de boa calidade e de respecto ó medio e o benestar animal. Pero nos tempos que vivimos vólvese fundamental a concienciación e a loita fronte os estragos que está a producir no planeta o cambio climático. E este tipo de prácticas gandeiras axudan a mitigar o avance destes desastres.

Afortunadamente, existen proxectos de investigación que poden axudar a comprender de maneira obxectiva os beneficios de levar a cabo as prácticas agrarias e gandeiras dunha ou doutra maneira. Este é o caso do proxecto piloto (FEADER 2017/038A) desenvolto polo Monte Veciñal Mancomunado da parroquia de Carballo, no Concello de Friol (Lugo), en colaboración coa Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (ASOPORCEL) e coa Universidade de Santiago de Compostela, a través do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER).

Este monte comunal xestiona unha granxa de cebo de porcino da raza Porco Celta que se explota en réxime extensivo. Os animais aproveitan a dente a masa vexetal que tapiza o chan baixo as plantacións de piñeiros.Tras o paso dos animais, o estudio do chan e do sotobosque permitiu obter datos obxectivos sobre os beneficios do pastoreo con esta raza.

Na análise da profundidade dos horizontes pode observarse que inicialmente o horizonte superior é moi profundo nesta masa de piñeiro silvestre, consecuencia da incorporación de material vexetal en superficie, en comparación cos horizontes 2 e 3. Tras o pastoreo redúcese a profundidade do primeiro horizonte e increméntase a profundidade dos outros.

Ata un 80% máis de carbono no solo

No seguinte gráfico móstranse os niveis da porcentaxe de carbono total no chan en función dos horizontes e distancia á zona máis transitada. Obsérvase que o carbono total se ve incrementado como consecuencia do pastoreo, o que pode xustificarse pola incorporación da biomasa superficial que se vai degradando como consecuencia dos ouriños aportados polo gando porcino, que incrementan a actividade edáfica e polo tanto a descomposición da materia orgánica.

Na mesma figura apréciase o carbono total acumulado no chan como consecuencia da profundidade e o seu contido en materia orgánica. Apréciase que o contido de carbono total tras o pastoreo increméntase nun 40% nas zonas máis alonxadas e duplícase nas zonas máis próximas á área de tránsito. Por termo medio prodúcese un aumento de carbono no chan dun 89% entre o ano 2018 e 2019.

pastoreo porco celta 2Figura 1. Nivel de Carbono en porcentaxe (gráfico superior) e en Mg por Hectárea (gráfico inferior) nos diferentes horizontes a un metro de profundidade antes (azul) e despois (vermello) do pastoreo con gando porcino a diferentes distancias da zona onde se sitúa o comedeiro (máis próximo á pista transitada con vehículos a motor).

O pH do chan resultou ser superior nos horizontes máis profundos, o que pode asociarse ó lavado de catións que se produce consecuencia das elevadas precipitacións na zona. Observouse unha mellora xeneralizada do pH tanto en auga como en KCL como consecuencia do pastoreo, o que pode xustificarse pola mellora que se produce na incorporación da materia orgánica no chan como resultado da mineralización dos estratos mais superiores que se orixina polo aporte de nitróxeno coas feces. Estes catións proceden do consumo que dos mesmos realizan os porcos do forraxe que está a súa disposición. O pH de forma inversa á profundidade do horizonte orgánico resultou ser maior nas zonas próximas á área máis transitada onde a mineralización pode ser maior.

Aumento dos niveis de nitróxeno

O pastoreo incrementa os niveles de nitróxeno (N) no chan, que resultou ser maior nos horizontes superficiais en comparación cos horizontes máis profundos, isto é consecuencia do aporte de materia orgánica na superficie como consecuencia da produción de restos foliares e arbustivos que, a menos que se produza un incremento dos niveles de N, non son incorporados ó chan. Esta mellora dos niveis de N prodúcese como consecuencia do aporte dos ouriños, que a súa vez incrementa o desenvolvemento de microorganismos que incorporan á terra este carbono. O nivel de N é maior nas zonas centrais da parcela cun grado de afectación intermedio e seguen unha relación similar considerando que o principal reservorio do N no chan é a materia orgánica.

A diferencia do que ocorre co N e materia orgánica, o fósforo (P) total é máis abundante nas capas máis profundas do chan, consecuencia do lavado deste nutriente. O fósforo redúcese tras un ano de pastoreo con gando porcino. Isto pódese explicar pola mellora das condicións edáficas en canto pH que pode provocar un crecemento das árbores e un maior consumo de fósforo a partir do chan e que pode orixinar unha mingua do P no chan tras o pastoreo.

Os niveis de Potasio e Magnesio increméntanse a medida que se produce un descenso na profundidade do chan, consecuencia probablemente do seu lavado, que é un factor con maior impacto que o pastoreo. No obstante, o pastoreo incrementa os niveis de potasio e magnesio nas zonas máis perturbadas nas diferentes profundidades do chan.

En relación ó sodio prodúcese un efecto positivo sobre a súa concentración tras o pastoreo probablemente como consecuencia da incorporación de materia orgánica no chan que polo xeral capta sodio procedente da choiva. Finalmente, o calcio reduce a súa concentración total tras o pastoreo, o que pode asociarse, ó igual que sucedía co fósforo, a un aumento do consumo por parte das árbores nas capas máis profundas.

A análise do sotobosque revelou que o pastoreo co gando porcino da raza Porco Celta produciu unha diminución clara e significativa das silvas, incrementando a proporción de herba e a porcentaxe de chan espido tras a saída do gando da parcela.

Evolución da vexetación dende a entrada do gando (2018) ata a súa saída

pastoreo porco celta 2

Apréciase a produción de biomasa en zonas dominadas polo fieito nas que o nivel do mesmo se reduciu tras o pastoreo ó igual que sucedía coa silva. O nivel de mantillo viuse incrementado.

Apréciase a produción de biomasa en zonas dominadas pola silva. Estas zonas mostran que o gando da raza Porco Celta ten preferencia polo consumo de silvas en comparación coas zonas de fieito. É máis, a proporción de mantillo nas zonas de silva é superior ó da zona de fieito, probablemente debido á súa menor incorporación.

Conclusións:

Resumindo, os resultados mostrados no presente estudio reflexan que o pastoreo con gando da raza Porco Celta mellora por un lado a incorporación de residuos ó chan, que incrementan a súa fertilidade, tal e como se aprecia no aumento de materia orgánica, pH e nitróxeno no chan tras o pastoreo. Se ben os niveis de fósforo e calcio redúcense, posiblemente pola activación do consumo dos mesmos por parte das árbores. Este efecto é maior nas zonas de maior acceso para o gando.

Para o resto dos elementos analizados o pastoreo é un factor o suficientemente importante como para homoxeneizar os resultados tras o mesmo. Especialmente importante é o feito de que o pastoreo, ó acelerar a actividade biolóxica e a incorporación de nutrientes ó chan, incrementa notablemente a capacidade de secuestro de carbono no mesmo en cerca dun 89%, para todas as situacións prantexadas.Resultados extraordinariamente alentadores de cara á mitigación do efecto invernadoiro.

Finalmente, tamén resulta importante ter en conta que o pastoreo con esta raza autóctona galega, ó tratarse de animais moi rústicos, adaptados ó medio e a réximes de cría en extensivo incrementa a proporción de chan espido inicialmente, que probablemente se colonizará de forma rápida por un estrato herbáceo tras o cese do pastoreo, de maneira que as parcelas se manterán libres de maleza e serán potencialmente aproveitables por outras especies.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información