Aspectos a mellorar na nutrición de vacún en ecolóxico

Dietas máis equilibradas entre enerxía e proteína e mellora no aporte de minerais son algúns dos aspectos a mellorar na nutrición de vacún de leite en ecolóxico. Estas son as conclusións da IV Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica organizada por Ecofeed en Lalín

Aspectos a mellorar na nutrición de vacún en ecolóxico

Vacas en ecolóxico na Gandería Casa Codesal, en Friol

A gandaría de vacún en ecolóxico está a experimentar un importante incremento nos últimos anos, empuxada pola demanda duns consumidores que reclaman alimentos máis respectuosos co medioambiente e co benestar animal.

Porén, o manexo do gando en ecolóxico en canto á alimentación segue sendo unha materia pendente, fundamentalmente pola ausencia de suficiente experiencia práctica.

Neste sentido, a marca de pensos ecolóxicos Ecofeed, propiedade da cooperativa Campoastur, organizou este mércores en Lalín (Pontevedra) a súa “IV Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica”, que congregou a uns 50 gandeiros e técnicos do sector.

Un dos principais retos da alimentación de vacún en ecolóxico é mellorar o valor nutricional e a dixestibililidade das forraxes, xa que a normativa europea obriga a que o 60%, como mínimo, -a partir do 2023 será o 70%- da Materia Seca consumida por unha vaca en ecolóxico teñen que ser forraxes, preferentemente pasto, e producidas na propia granxa ou na súa contorna, estando prohibido o uso de Organismos Modificados Xeneticamente.

A este respecto, Marta Miranda Castañón, profesora da área de Ciencias Médicas Veterinarias da Facultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo incidiu en que “en ecolóxico cobra moita máis importancia que en convencional a calidade dos pastos e das forraxes, polo que debemos ter pastos equilibrados entre enerxía e proteína, potenciando por exemplo o uso de leguminosas como trevo ou a alfalfa”.

As racións en ecolóxico teñen maiores carencias de enerxía e de minerais

Neste sentido, lembrou que segundo un estudo realizado en Galicia e na Cornixa Cantábrica en gandarías de vacún de leite en ecolóxico entre os anos 2012 e 2014, concluíuse que “a inxesta das vacas en ecolóxico é inferior en quilos de materia seca, e son dietas máis fibrosas e menos dixestibles que as vacas que están estabuladas en convencional e alimentadas con ración unifeed”.

“As vacas en ecolóxico teñen unha menor inxesta de enerxía, debido a que comen menos concentrado e menos forraxes enerxéticas como o silo de millo, o que leva a que a produción de leite sexa menor e que a que non se aproveite adecuadamente pola vaca a proteína do pasto para convertela en leite, co que estamos a perder nutrientes que se excretan polas feces ou nos ouriños”, detallou.

Neste sentido, a súa recomendación é equilibrar máis as racións do vacún en biolóxico a través de distintas vías: mellorando a calidade dos pastos, achegando máis silo de millo ou máis concentrado.

En canto aos minerais, cuxo contido foi analizado tanto no sangue das vacas como no leite que producen, Marta Miranda Castañón informou de que as vacas en ecolóxico teñen maiores deficiencias en cobre, selenio e iodo, debido a que os pensos non sempre están ben suplementados nestes elementos.

Pola contra, as racións das vacas en ecolóxico, e por tanto o seu leite, resultan ser máis ricas en ferro, cromo, molidbeno ou manganeso, todos eles presentes nos chans e que se transfiren a través dos pastos.

En todo caso, a profesora da Facultade de Veterinaria do Campus Terra lembrou que “estes datos son de fai seis anos, e desde entón mellorouse”. “En todo caso, é moi importante ter en conta que dentro das granxas de vacún de leite en ecolóxico hai unhas variacións moi grandes no valor nutricional e no contido de minerais de cada ración, polo que sería necesario realizar recomendacións individualmente para cada gandaría”.

Cultivar millo en ecolóxico é posible en Galicia

Precisamente do cultivo de millo forraxeiro en ecolóxico, un das forraxes máis enerxéticas que contribuiría a equilibrar as racións, falou Juan Valladares, Enxeñeiro Agrónomo e Investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), quen avanzou os datos dos dous ensaios realizados en 2018 e en 2019 na gandaría SAT Torneiros, na comarca da Limia (Ourense).

“É viable o cultivo de millo en ecolóxico en Galicia, aínda que é certo que nos falta experiencia práctica que esperamos no CIAM poder ampliar nos próximos anos cunha leira experimental na Pobra de Brollón”, avanzou Valladares.

En canto aos rendementos, os resultados das parcelas na Limia foron este ano de 18 toneladas de Materia Seca por hectárea, iso si, con regadío por goteo.

Como coidados culturais, o enxeñeiro do CIAM destacou que resulta fundamental o control das malas herbas cunha escarda cunha grade de púas cando o millo ten entre 2 e 3 follas para eliminar as herbas adventícias e un aporcado entre liñas cun aporcador tipo cola de anduriña cando o millo alcanza entre 6 e 8 follas.

“O principal problema do cultivo de millo en ecolóxico témolo cos fariñentos e sobre todo coa xuncia, que volve renovar, polo que a nosa recomendación é sementar millo na mesma parcela, alternándoo cun cultivo de inverno -pradaría de raigrás con leguminosas no ensaio- durante un máximo de 3 anos, momento no que deixariamos a pradaría permanente durante outros dous ou tres anos, antes de volver sementar millo”, explicou.

Primeiros datos da RENGRATI ECO

Xornada celebrada por Ecofeed en Lalín

Xornada celebrada por Ecofeed en Lalín

Por último, Miguel Vega, Xefe de sección da Dirección Xeral de Calidade diferenciada e Produción ecolóxica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación expuxo os datos da recentemente creada RENGRATI ECO (Rede nacional de granxas típicas de vacún leiteiro e vacún de carne de produción ecolóxica).

Os primeiros datos recolléronse o pasado ano en tres granxas en vacún de leite en ecolóxico de Galicia, Asturias e Cataluña, e, aínda que non son representativos, indican que “os beneficios económicos das granxas en ecolóxico son moi superiores a en convencional, con marxes moi positivas”, grazas aos menores custos de alimentación -en base a pasto, preferentemente- e ao maior prezo do leite.

O RENGRATI Eco, tanto de vacún de leite como de carne, está pendente de que se prorrogue este ano, incorporando a máis gandarías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información