Asinado un protocolo entre Medio Rural e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para axilizar as cortas

Publicidade
Asinado un protocolo entre Medio Rural e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para axilizar as cortas

Reunión da conselleira co presidente da Confederación Hidrográfica.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, asinaron esta mañá en San Caetano un protocolo de colaboración para simplificar as autorizacións administrativas dos aproveitamentos forestais. A Xunta asegura que a través deste acordo lograrase maior axilidade no proceso de obtención dos permisos de cortas.

Cómpre lembrar que desde hai tempo o sector forestal reclama unha mellora no prazo das autorizacións de corta, sobre todo nos casos de Patrimonio e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Co acordo asinado entre Medio Rural e a Confederación, axilízase a tramitación das autorizacións para a execución dos aproveitamentos forestais en zona de policía, adxacente e paralela aos ríos e encoros na Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil, dun ancho de 95 metros dende a finalización dos cinco metros da zona de servidume.

A mesma declaración responsable ou solicitude de autorización forestal única presentada nos Servizos de Montes considerarase solicitude de autorización dos traballos forestais ante a Confederación Hidrográfica, ente dependente do Ministerio de Agricultura.

Do mesmo xeito, o organismo de bacía informará directamente ao Servizo de Montes respectivo do resultado do expediente de autorización, unha vez resolto. A tal fin, habilitaranse os mecanismos e medios electrónicos correspondentes que permitan unha comunicación áxil, directa, segura e efectiva na tramitación dos expedientes de autorización e da documentación aportada en cada caso.

Novo visor web

Dende esta mesma semana, e integrado no portal para solicitudes de cortas privadas da Consellería de Medio Rural, estará accesible un novo visor web coa información xeolocalizada dos espazos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, conforme aos datos subministrados polos distintos órganos competentes. Desta forma, facilitarase aos operadores económicos unha planificación na xestión forestal respectuosa cos devanditos espazos, co carácter de ferramenta corporativa de acceso fiable ás afeccións que nela constan.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información