O Consello da Xunta valorou esta semana as liñas de axudas que sairán en breve para previr e paliar os danos da fauna salvaxe. A principal novidade é o aumento da liña destinada a cubrir os danos do porco bravo, pois medra un 176%, acadando unha contía total de 2,2 millóns de euros. Para cubrir os danos do lobo sobre o gando destínanse 400.000 euros, un 14% máis que o ano pasado, en tanto que para medidas preventivas fronte a lobo e xabarín haberá 350.000 euros, tamén un 14% máis que o pasado exercicio.
O anuncio das axudas da Xunta para 2020 chegou ó día seguinte de que o grupo popular rexeitase no Parlamento unha proposta de Unións Agrarias para modificar a xestión do xabarín. Desde Unións pedíase que se fixese un censo do xabarín e que se establecesen cupos máximos de poboación por comarca, de xeito que o censo restante fose abatido.
A organización agraria incluso chegou a propoñer posibilidades como a profesionalización de cuadrillas de cazadores ou a contratación de empresas de control de pragas, en vista de que a caza social que practican os Tecores amósase insuficiente para controlar a expansión da especie.
O grupo popular rexeitou a proposta co argumento de que a Xunta xa tomara este ano novas medidas, como a ampliación do periodo de caza do xabarín ou a declaración de catro comarcas de emerxencia cinexética, unha por provincia, nas que se aumentaron os días hábiles para a caza.
En canto ás compensacións ós afectados por danos de lobo e xabarín, a Consellería do Medio Ambiente anuncia agora que duplica a partida destinada o pasado ano, que fora de 1,4 millóns de euros, e que este ano pasa a 3 millóns de euros. É un aumento que desde a oposición e desde as organizacións agrarias ven como electoralista, pois as axudas para compensar os danos do xabarín no agro “aparecen e desaparecen como o Guadiana en función dos periodos electorais”, segundo se cuestiona desde o sector.
Os baremos que se aplicarán este ano para os danos do xabarín inclúen un pago de 12 céntimos por metro cadrado afectado en trigo, centeo ou pradería; en tanto no caso de vide serán de 2,40 euros e en froiteiras de 3,25 euros, segundo anuncia Medio Ambiente.
Petición de fin da tempada de caza
A Unión de Tecores de Galicia (Unitega), pola súa banda, vén de enviar un comunicado aconsellándolle as cuadrillas de caza maior que rematen a caza do xabarín o próximo 2 de febreiro. Entende Unitega que non ten sentido prolongar a caza ata o 29 de febreiro, como autoriza a Xunta este ano, e que só se debe cazar en caso de danos agrícolas reais.
“Os obxectivos cinexéticos deste ano cubríronse con creces e non ten sentido prolongar a caza. É o momento de pórlle fin ás batidas”, sinalan. Unitega valora “moi positivamente” que este ano se autorizara por primeira vez a caza do xabarín nos vedados, “como viñamos pedindo desde o ano 2013”.
Sobre a posibilidade de cazar ata o 29 de febreiro, Unitega considera que a Xunta ampliou a febreiro a caza do xabarín para “evitar tramitar as solicitudes de batidas por danos. Iso non implica que se teña a obriga de cazar aínda que non existan danos. É o momento de aplicar o sentido común”, defenden.
Unitega tamén lembra que prolongar a cazas a febreiro “aumenta un mes máis a responsabilidade por accidentes de tráfico nos Tecores, pois as sociedades de cazadores terán que asumir o sobrecusto económico das franquicias que paguen polos sinistros”.