A UE abre o debate sobre o sacrificio de vacas, tras aumentar 100.000 nun ano

A Comisión Europea prevé que a produción láctea se reduza no segundo semestre do ano, pero augura novos incrementos no 2017. O Copa Cogeca suxire encarar a crise láctea co envío de 500.000 reses ó matadoiro

A UE abre o debate sobre o sacrificio de vacas, tras aumentar 100.000 nun ano

As restriccións de produción impostas polas industrias bloquearon o crecemento da cabaña en Galicia.

O fracaso da regulación voluntaria da produción, suxerida por Bruxelas como vía para encarar a crise láctea, fai que aparezan sobre a mesa novas propostas. O Copa Cogeca, o organismo que agrupa a nivel europeo a cooperativas e organizacións agrarias, estuda varios camiños posibles. Unha das alternativas que baralla pasa por enviar ó matadoiro a 500.000 vacas -39.000 españolas-, medida para a que propón unha indemnización de 1.380 euros por animal.

A cabaña gandeira da UE aumentou en 100.000 cabezas entre decembro do 2014 e decembro do 2015. É un aumento pequeno, inferior ó 0,5 %, pero na actual situación, cun mercado no que a oferta supera a demanda, todo aumento penaliza.

Irlanda e Holanda lideran os aumentos de cabaña gandeira. En España permaneceu estable

A Comisión prevé ademais novas subas de produción no 2017. No segundo semestre do 2016, a produción baixará, pero o elevado número de becerras menores dun ano que había en decembro pasado no conxunto da Unión augura a chegada de máis leite ó mercado.

O aumento de animais desde o fin das cotas concentrouse sobre todo en países con clara vocación exportadora, caso de Irlanda (+10%) ou Holanda (+7%), en tanto que en España a cabaña permaneceu estable e en Francia baixou un 1%. As restriccións ás entregas impostas polas industrias en España obrigaron a paralizar os crecementos que tiñan previstos parte das explotacións e levaron tamén a un aumento do envío de vacas ó matadoiro.

Propostas
O Copa Cogeca, un organismo que agrupa a cooperativas e organizacións agrarias de toda Europa, discute estes días un documento con propostas para facer fronte á crise láctea. Unha das principais alternativas que suxire pasa polo sacrificio indemnizado de 500.000 animais en toda a Unión Europea.

Esa baixada da cabaña gandeira permitiría reducir as entregas de leite en arredor de 3 millóns de litros ó ano, cantidade suficiente para frear a crise, segundo as estimacións do Copa. Sería precisa a aportacións duns 700 millóns de euros por parte de Bruxelas para afrontar a medida. O principal inconvinte dun sacrificio masivo de animais estaría no seu impacto nos mercados de vacún de carne, que tampouco atravesan polo seu mellor momento.

Sistemas de xestión da oferta temporais

Outra das alternativas que propón o Copa consiste en implantar sistemas temporais de xestión de oferta, é dicir, o regreso temporal a un sistema de cotas lácteas. O Copa Cogeca pregúntase se sería preciso establecer un sistema de cotas nacionais ou ben un sistema de cotas individuais por explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información