O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso, xunto co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, presentaron hoxe unha aplicación informática que permitirá o control en tempo real da vendima, tanto da uva que entra nas adegas da Denominación e do seu estado e características, como das cantidades que vende cada viticultor.
Trátase dun proxecto no que o Consello Regulador leva traballando 14 meses e que se estrea nesta vendima en 25 tablets que permitirán aos inspectores da DO axilizar, perfeccionar e facer máis transparente o seu traballo de control.
O proxecto foi financiado pola Deputación de Ourense cun investimento de 50.000€. Para o Consello Regular trátase dun paso máis na garantía de calidade dos seus viños desde a viña ata o mercado, tal e como queda reflectido nos obxectivos do Plan Estratéxico 2014-2016.
Mediante este sistema, axilízanse notablemente os controis de vendima dos inspectores que verifican as entregas realizadas nas distintas adegas, ao envorcarse os datos na nube de información que a posteriori pasarían ao servidor do Consello Regulador e na web, tendo deste xeito acceso aos datos de inmediato tanto o propio Consello como os correspondentes operadores.
O presidente do C.R.D.O. Ribeiro salientou que “deste xeito poñeremos en valor ao Ribeiro e garantiremos o proxecto desde o viñedo ata a botella realizándoo cunha transparencia total para que se saiba todo o que se está facendo ante todos ata chegar ao consumidor final”.
Vendima 2015: unha das mellores en calidade da uva e un 25% superior á do pasado ano
Por outra banda, desde o Consello Regulador destacan que “a vendima está a presentarse como unha das mellores dos últimos anos, equilibrada en cantidade e cunha maduración e sanidade exquisitas”.
En canto ás previsións de cantidade, desde a DO Ribeiro informan de que “levamos recollido un 12% dos 14 – 15 millóns de quilos de uva que estimamos recepcionar, o que nos sitúa na media da Denominación de Orixe e que supón un aumento do 25 % con respecto ao recolleito na anterior colleita, aínda que se atopa dentro da produción normal da D.O” .