A Deputación de Lugo destina 2,2 millóns á recuperación de terras abandonadas e actuacións no rural

O ano pasado concedéronse 114 axudas e puxéronse en produción 700 hectáreas. A subvención é de 500 euros por hectárea

Publicidade
A Deputación de Lugo destina 2,2 millóns á recuperación de terras abandonadas e actuacións no rural

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, no centro, xunto ao vicepresidente, Antonio Veiga, esquerda.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo ven de aprobar as bases e o modelo de solicitude do plan de axudas de 2,2 millóns de euros en impulso do rural e do sector primario, un conxunto de axudas únicas dentro das Deputacións galegas que se convocaron por primeira vez en 2014.

En resposta ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos da Deputación, o plan inclúe 7 liñas de axudas: recuperación de terras abandonas; peche de viñedos; reactivación da flota de baixura; produción de horta; dotación e mellora de traídas de auga; melloras e equipamento de centros sociais; e arranxo de camiños ou outros servizos de uso comunitario.

Dende a Deputación de Lugo aseguran que “co fin de garantir que estas axudas sexan para quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo e na pesca, dous dos requisitos para recibilas son: xustificar, achegando a declaración da renda, que os solicitantes dependen económicamente dos ingresos das actividades; e garantir que manterán en produción ou funcionamento os bens para os que se lles concede a subvención por un período de 5 anos”.

7 liñas de axudas

1.- Recuperación de terras abandonadas: A Deputación convoca por segundo ano estas axudas, que poden solicitar gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie, ben en réxime de propiedade, aluguer, ou froito dunha cesión ou doazón. Recuperarán as terras baldías con actividades agrícolas ou gandeiras. As plantacións forestais non están subvencionadas. A axuda por hectárea é de 500 euros, podendo recibir cada beneficiario ata un máximo de 9.000 euros.

2.- Produción de horta: Esta liña ten como obxectivo favorecer a diversificación dos ingresos agrarios potenciando os cultivos de horta. Daranse axudas, dun máximo de 6.000 euros por beneficiario, para a instalación de novos invernadoiros; reparación e mellora dos xa existentes; e dotación de sistemas de rego e outros equipamentos. Para recibir subvención, os invernadoiros deben ter un mínimo de 300 metros cadrados de superficie, ben en propiedade, aluguer, cesión ou doazón. Poden solicitala produtores a título individual, SATs ou persoas xurídicas coa titularidade das explotacións.

3.- Viñedos: O obxectivo é aumentar a rendibilidade das viñas con axudas para labores de mantemento e protección das mesmas fronte a estragos de animais silvestres. Deste xeito, subvencionarase a reconstrución e traballos de conservación de muros de pedra; substitución de muros de sostemento de terra por outros de pedra; e peches perimetrais fixos. Igual que nas axudas á horticultura, a superficie mínima é de 300 metros cadrados, en réxime de propiedade, aluguer, cesión e doazón. As viñas obxecto de mellora deben contar cos correspondentes dereitos de produción e estar inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia. A axuda máxima por beneficiario é de 6.000 euros e poden solicitalas produtores a título individual, SATs ou persoas xurídicas coa titularidade das explotacións.

4.- Pesca de baixura: Son axudas dun máximo de 3.000 euros por beneficiario destinadas á mellora das preto de 100 embarcacións dedicadas á pesca de baixura con base en calquera dos 8 portos da Mariña.

5.- Traídas de auga: Trátase dun servizo municipal básico moi custoso e que moitos concellos non teñen capacidade económica para garantilo. Por iso, a Deputación abre por segundo ano unha liña específica de subvencións, que serán dun máximo de 30.000 euros para instalar unha nova rede de abastecemento, e de ata 10.000 euros, no caso de proxectos de mellora das infraestruturas existentes. Poden solicitalas comunidades de usuarios, asociacións de veciños e entidades veciñais sen ánimo de lucro e comunidades de montes. Nos criterios de valoración terase en conta a porcentaxe de usuarios que se dediquen á actividade agropecuaria en relación ao número de habitantes do Concello co fin de garantir a proporcionalidade e que os veciños de concellos pequenos teñan as mesmas oportunidades de beneficiarse que os dos grandes.

6.- Centros sociais: Foi unha das cuestións máis demandadas polos veciños nos Orzamentos Participativos, polo que, para darlles cumprida resposta, a Deputación convoca unha liña de subvencións dun máximo de 12.000 euros para obras de mellora das edificacións (tellados, fachadas, instalación eléctrica e de fontanería, iluminación, albanelería…) e de ata 3.000 euros para equipamentos (equipos informáticos e audiovisuais…) Entre os criterios de valoración terase en conta a distancia do centro social á capitalidade do municipio co fin de facilitar servizos ás aldeas máis illadas do núcleo urbano.

7.- Arranxo e sinalización de vías e camiños públicos, e outros servizos de uso comunitario, como fontes, bebedoiros para o gando, depósitos contra incendios, sistemas de regadío e acondicionamento de espazos públicos para aparcadoiros ou celebración de eventos. Esta tamén foi unha das propostas xeneralizadas nos Orzamentos Participativos. Concederase un máximo de 12.000 euros por beneficiario. Tanto estas axudas, como as da liña anterior, destinadas a centros sociais, poden solicitalas asociacións de veciños, culturais e deportivas, entidades veciñais sen ánimo de lucro, comunidades de montes, agrupacións de gandeiros e agricultores e colectivos de usuarios.

Exemplo de recuperación de terras abandonadas da SAT Porgagándara en Guitiriz

GOMEZ_BESTEIRO_SAT_GUITIRIZ_axudas_recuperacion_terras_2014_01_standar

Gómez Besteiro con socios da SAT Portagándara.

Un dos 114 beneficiados das axudas á recuperación de terras abandonadas é a SAT Portagándara, na parroquia guitiricense de Buriz,.

“A axuda fixo posible o aluguer desta finca de 10 hectáreas de extensión, na que queremos plantar millo no mes de maio. A dispoñibilidade dos terreos nesta zona é xusta e os alugueres altos, polo que a iniciativa da Deputación foi moi positiva para nós”, asegura Diego Fraga, un dos tres mozos socios da SAT, xunto con Manuel Ángel Pérez e Rubén Fernández. Portagándara xestiona unha explotación con 420 reses e unhas 200 hectáreas de superficie.

Poderán presentarse solicitudes até o 9 de marzo

Podes consultar as bases do programa de axudas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na web www.deputacionlugo.gal . O prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de marzo. A previsión é que as subvencións estean concedidas en abril. As persoas que desexen obter máis información poden chamar ao 982.22.78.12.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información