2019 péchase en España cun aumento da produción gandeira e un descenso da agrícola

2019 péchase en España cun aumento da produción gandeira e un descenso da agrícola

A produción avícola foi a que máis medrou, un 8,3%

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou a primeira estimación das principais cifras económicas do sector agrario en 2019.

A Renda Agraria sitúase en 26.179,6 millóns de euros, valor un 8,6% inferior á do ano 2018 e un 4,5% por riba da media dos últimos 10 anos. A renda da produción gandeira tivo unha evolución positiva, mentres que a produción agrícola descendeu, lastrada fundamentalmente pola seca.

En todo caso, desde o Ministerio lembran que “a nivel europeo, a Renda agraria de España é a segunda máis elevada da UE, só por detrás de Francia, que tamén viu diminuída a súa renda nun -8,3%”.

A Renda Agraria por Unidade de Traballo Anual (UTA) situouse en 30.361,6 euros, un 8,3 % inferior á do ano 2018, consecuencia á súa vez da citada redución da Renda Agraria e do volume de traballo na agricultura do 0,4 %, expresado en Unidades de Traballo Agrario.

Pola súa banda, a Produción da Rama Agraria situouse en 50.637 millóns de euros, cifra moi similar á do ano 2017. Esta cifra supón unha redución fronte ao ano pasado, no que houbo un rexistro histórico deste parámetro debido ás excelentes condicións meteorolóxicas que se deron en 2018.

Produción animal

A produción animal experimentou unha subida dun +3,6% respecto de 2018 debido ao bo comportamento das producións, que aumentaron un +2,1%, destacando as aves 8,3%, o bovino +4,5% e o porcino +1,6%.

Pola súa banda, os prezos aumentaron un +1,4% no conxunto da produción animal, destacando o incremento rexistrado en porcino de +8,2% debido ao excelente comportamento do comercio exterior. Noutros sectores, o aumento da produción non se viu compensado cun mellor comportamento do comercio exterior, influíndo no comportamento negativo dos prezos, como foi o caso do sector de aves, bovino e ovos.

Os consumos intermedios increméntanse un +3,6%, debido a un incremento nun +1,3% nas cantidades consumidas, acompañado por un incremento do +2,2% en prezos. Este incremento é motivado principalmente polo aumento do valor dos pensos (+5,4%), debido a un incremento do volume consumido (+2,1%) vinculado ao aumento de produción en determinados sectores,  combinado cun incremento en prezos (+3,1%). Destaca así mesmo o incremento rexistrado en fertilizantes (+5,5%), debido principalmente ao factor prezo.

As subvencións totais mantivéronse practicamente constantes con respecto a 2018.

Produción agraria minguada pola seca

Durante 2019, o réxime de precipitacións foi particularmente deficitario. O ano hidrolóxico 2018/2019 pechouse cun descenso das precipitacións do 13 % con respecto a un ano normal e dun 21 % con respecto a 2017/2018. As precipitacións acumuladas entre xaneiro e xullo de 2019 foron un 51 % menores que as correspondentes ao mesmo período de 2018, producíndose unha situación de seca que afectou a amplas zonas de España.

As producións de secaño foron as máis directamente afectadas pola seca e a ausencia de precipitacións, dando lugar a fortes descensos nas colleitas de olivas (-29,5%), cereais (-18,3%), plantas industriais (-16,7%) e uvas (-14,4%).

Ademais, en determinadas producións e subsectores o desequilibrio entre oferta e demanda deu lugar a unha redución significativa dos prezos, como foi o caso das froitas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información