A xeada arrasa amplas zonas de viñedo en Galicia

Publicidade
A xeada arrasa amplas zonas de viñedo en Galicia

Viñedo preto de Ourense coas ramas queimadas pola xeada.

A xeada que caeu esta pasada noite en comarcas do interior de Galicia provocou importantes danos nos viñedos, truncando unha campaña vitícola que se iniciara moi ben, debido á práctica ausencia de enfermidades fúnxicas e ao avanzado desenvolvemento vexetativo.

Os gromos das vides foron queimados este baixón de temperaturas de ata menos seis graos, o que provocará un importante descenso da colleita tanto este ano como o próximo. A práctica ausencia de seguros agrarios fronte á xeada agrava a situación.

A comarca máis afectada foi Verín, onde segundo José Luis Mateo, viticultor e adegueiro de “Quinta da Muradella” “na zona do val ata o 90% dos viñedos quedaron arrasados e na zona de montaña arredor dun 70%”.

“Foi terrible e incluso afectou a viñedos de ladeiras ventiladas onde normalmente non afecta”, asegura. A situación agrávase porque as gromos xa estaban moi adiantados, con dúas ou máis cuartas de lonxitude, o que compromete a capacidade da vide para renovar, especialmente nas máis novas.

José Luis Mateo: “O problema é que colleu ás vides coa rama moi grande”

“Agora toca agardar a que esta noite non volva xear e avaliar os danos e recuperar a planta para o vindeiro ano, porque este case se dá por perdido. Como coidados haberá que repodar nalgúns casos, aplicar un produto cicatrizante para pechar as feridas e dar algún estimulante para recuperar as vides, que neste momento é o máis importante”, asegura José Luis Mateo.

Outra comarca vitícola que tamén se viu moi afectada foi O Ribeiro. Bernardo Estévez, un colleiteiro da Arnoia, informa de que “no Ribeiro hai zonas que están arrasadas, sobre todo nas zonas baixas”. “Na viña máis grande que teño o 50% das vides están arrasadas e nas que están en ladeira houbo menos problema”, recoñece.

“Que viñera unha xeada a estas alturas dentro do normal pero o problema é que colleuu ás vides coa rama moi alta”, asegura.

En Valdeorras a xeada tamén afectou, aínda que menos. Francisco García, presidente do Consello Regular da DO. Valdeorras explica que “a xeada afectou máis ás zonas de val e menos nas ladeiras. De momento os técnicos están facendo unha avaliación e a partir de aí facer unhas recomendacións”.

No val do Bibei, na DO Ribeira Sacra tamén a xeada provocou moita afectación. Fernando Álvarez, viticultor que cultiva unhas 12 hectáreas en Manzaneda, recoñece que “nos bancais hai moitísimo dano, eu diría que queimou o 50% das cepas, e ademais colleunas co ciclo moi adiantado”. “Esperemos que esta noite non volva xear porque sería catastrófico”, confesa.

Importantes danos na pataca de cedo

xeada_patacas

Patacas en Verín queimadas pola xeada

Outro cultivo que resultou moi danado foi a pataca de cedo. José Casales, un agricultor que sementa unhas 8 hectáreas no val de Monterrei asegura que “quedaron totalmente queimadas pola xeada, e o mesmo sucedeu nas patacas que estaban nadas na Limia”.

De momento a Xunta de Galicia non fixo unha valoración dos danos e se se vai establecer algunha liña de axudas como a que se estableceu o pasado ano para os viticultores da Ribeira Sacra afectados pola saraiba no mes de agosto.

Asaja demanda axudas e que se declaren algúns concellos zona catastrófica

Ante os danos producidos nos viñedos en todas as Denominacións de Orixe galegas pola forte xeada desta noite, ASAJA pídelle a Consellería do Medio Rural que “estudie a situación por se fose posible aprobar algún tipo de axuda para os viticultores afectados”. “Incluso, -engade- nos concellos que sufriron máis os efectos do frío, habería que analizar se sería necesaria unha declaración de zona catastrófica”.

Nos vindeiros días, a asociación asegura que “estará moi atenta a evolución dos acontecementos, por se fose necesaria a petición dalgún tipo de axuda institucional a nivel nacional.

Por outra banda, o vicepresidente de ASAJA, Francisco Bello, manifestou que “os agricultores profesionais que aínda non conten con ningún seguro agrario, deberían recapacitar moi seriamente sobre a necesidade de contratalo. Quen vive do agro non pode estar exposto aos danos que as inclemencias climatolóxicas poden ocasionar nas súas colleitas”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información