Viños espumosos: ¿Unha nova oportunidade de éxito para os brancos galegos?

Cada vez son máis as adegas que apostan por elaborar viños espumosos, un nicho de mercado cuxo consumo medra en torno ao 10%. Pero, ¿Como diferenciar aos espumosos galegos fronte aos cavas, ao champán francés ou ao frizzante italiano? Resumimos as conclusións dun grupo de expertos

Viños espumosos: ¿Unha nova oportunidade de éxito para os brancos galegos?

Algúns dos viños espumantes galegos que hai xa no mercado

Cada vez son máis as adegas que apostan por elaborar viños escumosos, un nicho de mercado cuxo consumo medra en torno ao 10% anual a nivel internacional e tamén en España. En Galicia son xa máis máis de 20 as adegas que elaboran viños espumosos, con preto de 200.000 botellas ao año, sempre seguindo o tradicional método “champenoise”. A produción é case en exclusiva con variedades brancas (Albariño, Godello e Treixadura) e concéntrase sobe todo no D.O. Rías Baixas, que en 2017 certificou uns 90.000 litros de viño espumoso procedente de 12 adegas.

Ademais, xa empezan a ter tamén recoñecementos a nivel internacional: un espumoso galego, Valtea Cuvee Especial, de Adega Vilarvin SL, obtivo a distinción de ouro no último  Challenge International du Vin, o maior certame internacional de viño dos que se organizan en Francia.

Sen embargo, ¿como diferenciar aos espumosos galegos, cuxo prezo de media supera os 10 euros, fronte aos cavas ou o viño frizzante italiano, que se poden adquirir por uns 5 euros, ou o máis exclusivo champán francés, que sobe de 20 euros a botella?.

As tendencias e innovacións a realizar nos espumosos galegos foi obxecto dunha xornada organizada o pasado ano pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), na que participaron varios expertos. Unha conclusión xeral é que ante todo é necesario vender a variedade e a denominación -espumoso de albariño Rías Baixas, por exemplo-, apostar por un público selecto e que a uva debe ter un bo equilibrio entre acidez e grao alcohólico.

Jorge Hervella, enólogo: “As variedades brancas galegas adáptanse moi ben para elaborar viños espumosos”

Jorge Hervella é un enólogo que foi pioneiro na elaboración de viños espumosos en Galicia. “Empecei na colleita de 1991 elaborando un viño espumoso con 100% uva albariño, pero descolgueime do proxecto porque pasou de moda. Sen embargo, desde hai uns anos volveu a haber demanda no mercado. No Norte de Portugal están moi de moda os escumantes e na subzona de O Condado, no D.O. Rías Baixas foron varias as adegas que o están a elaborar”, explica.

En canto á variedade, destaca que “calquera caste galega branca adáptase moi ben, e en concreto o Albariño”. 2O importante é que o viño base sexa de calidade e que non exceda dos 11,5 graos, porque canto máis alcol teña máis dificultade terán os lévedos para realizar o proceso de fermentación. Ademais, hai que ter en conta que se se engade azucre para a fermentación en botella sobe o grao alcohólico, e o produto final o máis común é que estea entre 12,5 e 13 graos e ao redor de 5 atmosferas de presión”, explica Jorge Hervella.

Xunto ao viño espumoso branco, este enólogo tamén ve posibilidades á elaboración de espumosos rosados, pero non así tintos. “En Galicia e en España o consumidor non entende os espumosos tintos. Realizamos unha proba nunha adega e non pasou a cata do Consello Regulador debido aos taninos”, asegura.

Que características debe ter un bo espumoso?

Pero, ¿que características debe reunir un bo viño espumoso de calidade? Alfonso Losada Quiroga é enólogo e ex-investigador da Evega. “O espumoso ten que ser fresco, con persistencia da burbulla, con ácido málico e acidez compensada, espuma adecuada, aromáticamente que sexa interesante e que permita realizar garda”, afirma.

En todo caso, considera necesario “realizar máis estudos en Galicia, sobre tipos de uva a utilizar. Mesmo poderiamos elaborar rosados, porque contamos con variedades que poden ser moi interesantes para estes espumosos, como son a Mencía, o Espadeiro ou os Caiños, pero necesitamos realizar máis investigacións, tamén para experimentar como se comporta con máis tempo en botella”.

A DO Ribeiro ampara desde 2017 os viños espumosos

Amadeus Reserva, o primeiro espumante galego

Amadeus Reserva, o primeiro espumante galego

A Denominación de Orixe Ribeiro modificou en 2017 o seu prego de condicións para, entre outros cambios, amparar a elaboración de viños espumosos. No ano 2009 xa o fixo a DO. Rías Baixas e con anterioridade a DO. Valdeorras.

Precisamente a Cooperativa Vitivinícola do Ribeira foi a pioneira en Galicia en elaborar un viño espumoso, o Amadeus Reserva no ano 1989 e que desde o 2014 continúa co Lúa Jazz Brut, un espumoso elaborado a partir de uva 100% Treixadura e con 9 meses de fermentación, que desde este ano poderá contar tamén co amparo da D.O.

Nuria Álvarez, directora técnica do Consello Regulador da DO. Ribeiro lembra que hai anos realizouse un estudo na Evega sobre variedades galegas e os lévedos máis axeitados para a elaboración de viños espumantes. “Das variedades brancas realizáronse estudos para ou Ribeiro con Treixadura, Loureira e para tinto con Brancellao e Caiño Longo, e as que mellor resultados obtiveron foron a Treixadura en branco, máis que a Loureira, e nas tintas calquera das dúas”. “Con todo, os estudos foron sobre o viño base, e faltaba todo o estudo posterior da elaboración do espumoso”, matiza.

Adega As Laxas: Un exemplo de aposta pola elaboración de espumantes

A adega As Laxas, situada no municipio pontevedrés de Arbo, na subzona de O Condado da Denominación de Orixe Rías Baixas, é unha das pioneiras en Galicia na aposta pola elaboración de viños espumosos. E con recoñecementos: o seu Sensum Laxas foi premiado como o mellor veu espumoso galego na Cata de Viños de Galicia 2017.

José Simón Ferro, xerente desta adega familiar, destaca que “no ano 1998 realizamos un estudo conxunto coa Evega, probando con distintas variedades, e desde o 2007 comezamos a elaborar viño espumante, traballando ao mesmo tempo para que a DO. Rías Baixas o amparase”.

O seu obxectivo era buscar un viño que maridase con calquera tipo de comida e que se puidese tomar desde o aperitivo ata a sobremesa. Os resultados de momento son alentadores: empezaron con 5.000 botellas e coa última colleita elaboraron 30.000. As súas vendas concéntranse principalmente en época de Nadal, aínda que o seu obxectivo é que se consuma durante todo o ano e con calquera tipo de comida. Galicia copa case un 70% das vendas, mentres que o 20% destínano á exportación e un 10% véndeno no resto de España.

José Ferro (Adega As Laxas): “O noso espumoso sabe a albariño, e iso é algo que nos diferencia do cava ou do champán”

En canto ao prezo, -de 10 euros para arriba no caso dun espumoso galego, fronte aos 5 dun cava- o xerente de Adega As Laxas xustifícao en que “un quilo de uva Albariño págase ao redor de 1,2 euros, mentres que no caso das variedades do cava, a Xarello e a Parellada, están entre 0,25 e 0,30 euros o quilo”. “Ademais, -engade- a nosa elaboración é máis personalizada, con menos produción, unha elaboración diferenciada e un produto tamén diferente”.

Etiqueta de Sensum As Laxas, premiado en 2017 como o mellor espumante de Galicia

Etiqueta de Sensum As Laxas, premiado en 2017 como o mellor espumante de Galicia

Neste sentido, José Simón Ferro móstrase convencido das posibilidades de éxito dos viños espumosos galegos, sobre todo porque manteñen o sabor e o aroma das variedades galegas. “Aínda que temos moito percorrido para seguir mellorando, estamos satisfeitos coa aceptación que ten no mercado e creo que podemos ter éxito porque logramos un espumoso no que domina a variedade, o noso viño sabe a Albariño, e iso é o que nos diferencia no mercado fronte ao cava ou á champaña”, conclúe.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información