Tapias-Mariñán: unha adega que combina a mecanización tecnolóxica co apego á terra

Esta adega familiar de Monterrei, en plena fase de expansión, é unha das poucas en Galicia que conta con vendimadora propia. Caracterízase tamén polo coidado da terra, sendo unha das primeiras da denominación de orixe que deixou de labrala a cotío

Publicidade
Tapias-Mariñán: unha adega que combina a mecanización tecnolóxica co apego á terra

Ter unha vendimadora propia permite que a adega colleite cada zona e cada variedade no momento axeitado da súa maduración.

“Dende ben pequenos, o noso avó inculcounos o sentemento pola terra, ensinounos a comprendela, a sentir o seu froito, as súas xeadas, os seus problemas e vantaxes”, recorda Aníbal Blanco Núñez, xerente e un dos propietarios –xunto con seu irmán- da adega Tapias Mariñán, asentada no lugar de Pazos, en Verín. Nesta adega familiar, que agora se atopa en pleno proceso de expansión, a mecanización tecnolóxica e o apego á terra camiñan da man. Tal é así que é unha das poucas que conta con vendimadora propia e á vez, foi das primeiras na zona en comezar a deixar de labrar a terra para procurar unha maior protección tanto para os solos como para as viñas.

“Dende o principio, nós críamos moito na calidade das uvas de Monterrei, e eran xa os viños que comercializábamos”

Procedentes de Laza, pero emigrados boa parte da súa vida en Barcelona e adicados á distribución de bebidas e alimentación, no 1992 decidiron adquirir os seus primeiros viñedos: unha finca de 4 hectáreas que replantaron con viña nova de Godello. “Dende o principio, nós críamos moito na calidade das uvas de Monterrei e xa eran dos viños que comercializabamos”, apunta Aníbal.

Naquela fase inicial, as dificultades para atoparlle comprador ás uvas desta plantación leváronos a construír a súa propia adega, que comezou cunha produción centrada só nos seus viñedos. “Pero a demanda que tivemos dos nosos viños levounos a comezar a mercarlle uva a outros viticultores da zona”, comenta.

Vistas-adega-Tapias-Marinhan-Monterrei__-

Os viñedos propios sitúanse nas proximidades da adega.

E agora son as dificultades para seguir atopando uva as que motivaron que a adega se atope en plena fase de expansión para incrementar as súas plantacións propias. “O abandono do rural e a falta de relevo xeracional na zona, ó igual que acontece en boa parte de Galicia, obrigáronnos a ter máis viñedo propio para garantir unha estabilidade e calidade”, indica Aníbal.

Produción centrada no Godello

Na actualidade, a adega conta cunha produción propia de 700.000 quilos e as perspectivas son de que estas novas plantacións lle permitan que o 80% dos seus viños sexan de produción propia. Nuns 4 ou 5 anos buscan chegar a 1,5 millóns de quilos pasando das 80 hectáreas de viñedo coas que contan agora ás 120 hectáreas. Este ano incorporan xa 8 hectáreas, a próxima tempada agardan sumar 10 máis e no 2020 estiman que engadirán outras 15, un crecemento que seguirá nos seguintes anos.

En 5 anos queren que o 80% das súa produción sexa de viñedos propios e contar con 1,5 millóns de quilos de uvas

A maior parte dos novos viñedos son de Godello, que é tamén xa a variedade predominante na adega e que supón o 60% dunha produción onde son maioritarios os viños brancos (70%) fronte ós tintos (30%). “Nos próximos anos o Godello vai ser o que predomine na adega mentres o mercado non cambie e demande outras variedades”, indica o produtor.

Treixadura, Loureira e Albariño, en brancos; e Mencía, Arauxa e Sousón, en tintos, son as variedades que completan as plantacións, que se estenden nun radio de 7 quilómetros nas proximidades da adega.

Adega Tapias Mariñán.

Adega Tapias Mariñán.

 Vendimar no momento óptimo

A proximidade dos viñedos á adega é unha das vantaxes coas que conta esta adega, posto que lles facilita, sobre todo, a vendima. Ademais, é unhas das poucas en Galicia que conta con vendimadora propia, co que conseguen vendimar “cada variedade no seu momento óptimo e cada zona no día que mellor están”, apunta o viticultor. Segundo explican, a principal vantaxe que lles ofrece este sistema é a rapidez, coa que evitar tamén perdas na calidade. “En media hora, a uva pasa da cepa ó equipo de frío”, detalla Aníbal.

“Coa vendimadora, conseguimos que en media hora a uva pase da cepa ó equipo de frío”

Decidíronse a mercala para poder dispoñer dela no momento xusto que a precisaban. “Economicamente non é rentable porque é unha gran inversión que tes parada moitos días ó ano, pero aquí non estamos na Rioxa ou noutras zonas de produción vinícola e alugar este tipo de máquinas é complicado. Sempre estás suxeito a dispoñibilidade e a non poder vendimar no momento máis axeitado”, indica.

Incorporar esta maquina tamén lles implicou algúns cambios nas súas plantacións, posto que o viñedo debe estar en espaldeiras, dispoñer dun radio de xiro máis amplo có do tractor e eliminar o viñedo que estivera plantado a menos de 70 centímetros da marxe da finca.

Pese a empregar esta maquinaria, na vendima a adega segue a contratar puntualmente a máis dunha vintena de traballadores, que se encargan de recoller a uva das fincas onde as vides están en tramos moi curtos, de menos de 100 metros. “Nestes tramos, a vendimadora perde moito tempo en voltear e non é rentable, polo que seguimos facéndoa á man”, explica.

“A máquina non reduciu postos de traballo senón que nos axudou a crear emprego durante todo o ano”

Dende que hai 4 anos a adega optara por mercar esta máquina, o seu cadro de persoal fixo incrementouse nun 30% e agora conta con 14 empregados, entre o persoal da adega e do campo. “Contar coa máquina non reduciu postos de traballo, porque ir traballar 15 días ó ano non é un posto real. En verdade, axudounos a crear máis emprego fixo, porque para que a máquina sexa rentable, hai que ter maior produción e iso implica máis persoal todo o ano”, matiza Aníbal.

Vendimadora-Bodega-Tapias-Marinan-

Levan catro anos empregando a vendimadora.

Ademais de na vendima, na adega tamén apostan por buscar sistemas que se lles adapten o mellor posible, optando incluso por deseños personalizados. Dispoñen de técnicas de control de temperatura, equipos de filtración, moegas vibrantes e mesmo algúns sistemas deseñados por eles mesmos para adaptarse ás necesidades que se lles presentan. “Somos unha adega tecnolóxicamente punteira. Traballamos cara unha viticultura tradicional pero con técnicas modernas”, reivindica.

Dos primeiros en deixar de labrar a terra

Ás veces, os seus métodos racharon cos procedementos máis asentados, como foi a decisión de comezar a deixar de labrar a terra. “Hai anos, nos viñedos non podía haber unha herba, todo era cavar. Para nós eses procedementos eran contraproducentes e a causa de que moitas cepas secaran porque se cortaban as raíces que lle chamamos pacedeiras, as que están máis superficiais”, detalla.

No canto de traballar a terra, cortan e pican a herba para que serva de illante e axude a reter a humidade

Para evitar eses danos nos seus viñedos decidiron deixar de labrar a terra e tampouco enterran o esterco. Deste xeito buscan que o abono se vaia filtrando ó solo e chegue á planta máis facilmente. A herba medra nos seus viñedos ata o mes de xuño, cando comezan a cortala e picala para que serva de cobertura para as cepas. “Nesta zona son moitos os días que se chega ós 40º e con isto conseguimos protexer a terra da insolación e que a terra conserve moito mellor a auga, é o mesmo que se a cubrísemos con palla, é un moi bo illante”, explica.

Empregan a herba como aillante térmico.

Nos primeiros tempos recibiron moitas críticas por deixar que medrase a herba nos viñedos.

Hai 6 anos que comezaron a traballar deste xeito, a pesar de que ó principio recibiron moitas críticas e comentarios. “Dicíannos que deixabamos as viñas abandonadas e nos ían secar todas, pero agora estase implantando na comarca porque é o método máis rendible economicamente, á par de ser respectuoso coa natureza”, apunta.

A Finca das Tapias, viños con historia

A adega produce na actualidade arredor dun millón de botellas ó ano. De cara as vindeiras campañas, segundo vaian incorporando os novos viñedos, agardan producir 3 millóns de botellas, a capacidade máxima da adega. Definen os seus viños como “moi afroitados e de moita intensidade aromática”.

O Tapias 10 é o seu viño máis singular, un mencía do que se producen entre 10.000 e 15.000 botellas en colleitas especiais

Na súa produción destacan os viños da Quinta das Tapias, unha finca emblemática e con historia, posto que no ano 1884 era xa un viveiro de patrón americano, que naquel momento tiña un elevado valor económico. Pero un ano despois, os coellos e os corzos comían os bacelos e non deixaban que os enxertos fosen adiante, por iso os donos decidiron levantar un muro, o que fixo que todo o mundo comezase a coñecer o lugar como a finca das tapias. Hoxe, aínda se conserva parte dese muro logo dunha ampliación da parcela, que agora abrangue 20 hectáreas. “Son unhas cepas moi especiais, que se nota xa co aroma que deixan cando comezas a vendimalas”, comenta Aníbal.

Viños da adega.

Viños que elaboran na adega.

Desta finca procede tamén un dos viños máis destacados da adega, o Tapias 10, un mencía do que se producen entre 10.000 e 15.000 botellas en colleitas especiais. A última é a do 2016. “Consideramos que ten que ter unhas condicións moi especiais. Se a súa evolución en barrica ou en botella non é a axeitada xa non saen ó mercado”, detalla.

A maior parte dos seus viños comercialízanse no mercado estatal e envían preto do 20% da súa produción a mercados europeos, aínda que tamén teñen algunhas exportacións a China ou Estados Unidos.

“O campo actualmente é rendible, é viable economicamente traballalo e é unha profesión moi digna”

Vivir do viñedo

Inmersos nun proceso de crecemento, con ampliación do viñedo e da produción, dende a Adega Tapias de Mariñán reivindican poder vivir do campo, onde a paixón polo que fan compensa o tempo e esforzo que implica. “O campo actualmente é rendible, é viable economicamente traballalo e é unha profesión moi digna”, reivindica Aníbal, que ve na burocracia administrativa e no sistema actual de subvencións unhas da peores trabas para o futuro do campo. “As axudas por danos, cando un gandeiro ten que sacrificar as súas vacas ou cando hai danos por xeadas nos viñedos, son necesarias, pero non as subvencións para medrar. Suponse que se podes medrar tamén podes invertir en maquinaria ou nas melloras que precises”, apunta o produtor.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información