Señorio de Rubiós, a referencia en tintos da DO Rías Baixas

A adega de As Neves distínguese por poñer en valor os tradicionais viños do Condado e por unha colección de catro monovarietais tintos, aos que sumará este ano o brancellao, unha oferta singular na denominación

Publicidade
Señorio de Rubiós, a referencia en tintos da DO Rías Baixas

Vendima en Rubiós. / Imaxes: Arquivo Señorio de Rubiós.

A comarca do Condado, ubicada no sur da provincia de Pontevedra, caracterizouse de sempre pola elaboración de viños multivarietais, tanto brancos coma tintos, nos que destacaban variedades coma albariño, treixadura ou loureiro en brancos, e sousón, mencía ou espadeiro en tintos. Señorio de Rubiós, unha adega constituída por un cento de socios da comarca, a maioría viticultores, iniciou no 2005 a posta en valor dos viños do Condado no marco da denominación de orixe (DO) Rías Baixas. É ademais a principal referencia en tintos da DO.

Rías Baixas ten nos monovarietais de albariño o seu buque insignia, pero a denominación conta tamén con outros potenciais que con frecuencia pasan desapercibidos. En Rubiós (As Neves), existía a inquedanza de poñer en valor no mercado os viños tradicionais que se elaboraban nas casas, con énfase nos tintos e na recuperación das variedades autóctonas. Froito dese interese, naceu no 2003 a adega Señorio de Rubiós, que elaborou no 2005 a súa primeira colleita.

“Os viños do Condado caracterízanse polo seu carácter afroitado e toque mineral, cunha acidez equilibrada en brancos”

O traballo da adega plasmouse en viños singulares en Rías Baixas, como o Condado branco, un multivarietal de albariño, treixadura, loureiro e torrontés, ou o Condado tinto, un multivarietal que inclúe variedades coma sousón, mencía, espadeiro ou caíño tinto.

“Son os viños que mellor expresan as características da zona e da terra”, explica Natalia Rodríguez, a responsable de comunicación da adega. “Os viños do Condado caracterízanse polo seu carácter afroitado e polo seu toque mineral. Nos brancos, destaca a súa acidez equilibrada e o seu final alongado en boca”, valora.

A evolución dos viños do Condado no mercado é positiva, tanto en brancos como en tintos. “A principal demanda do mercado é o albariño, é o que lle interesa nun primeiro intre ó cliente, pero cando proba o Condado branco, gústalle tamén, o que nos vai abrindo portas”.

A adega, que conta co selo Galicia Calidade, recibiu destacadas puntuacións para os seus viños, así como premios en certames nacionais e internacionais. O galardón do que está máis orgullosa é a distinción do Señorio de Rubiós Condado branco como mellor viño branco galego no 2011 e no 2013.

vendima brancos rubios vertical

“En tintos, o crecemento das vendas é máis lento pero progresivo. Notamos que fóra de España si hai interese por probar os nosos tintos e si que gustan, pero a nivel español o consumo mantense nos tintos clásicos”, comparan.

Viticultura no Condado
A potenciación dos viños do Condado na adega é un aliciente para a viticultura da comarca, que se está a manter e a experimentar un certo relevo xeneracional. “Esta zona foi de sempre de cultivo das viñas e caracterízase polo minifundio e polo traballo manual, tanto no coidado das cepas como na vendima. A viticultura é unha actividade complementaria, que a xente practica no seu tempo libre, e si que nos ten preocupado a posibilidade de que fose a menos, pero estamos vendo que hai relevo, probablemente en parte porque hai unha adega que tira do sector”, destacan.

Os viticultores que colaboran con Señorío de Rubiós xestionan arredor de 60 hectáreas, conxuntamente co persoal técnico da adega, en tanto a propia empresa manexa tamén directamente unhas 40 hectáreas de viñedos propios ou alugados.

Parte de todos estes viñedos sufriron o pasado outubro os efectos da vaga de lumes que afectou a Galicia e máis en concreto ó concello das Neves. A parte positiva foi que a vendima xa rematara uns días antes e que os viñedos estaban segados, o cal dificultou a entrada do lume. Aínda así, houbo viñedos afectados, o que obrigou a podas agresivas este inverno. Coa brotación da primavera, estase xa a comprobar que a maior parte das cepas superaron o episodio correctamente.

Viñedo da adega.

Viñedo da adega.

Recuperación da Pedral, unha variedade tinta da subzona do Condado

Señorio de Rubiós está a protagonizar nos últimos anos a recuperación da variedade Pedral, autorizada no 2011 na DO Rías Baixas tras os estudos realizados pola adega. “É unha uva peculiar e cuns matices que non aparecen noutras variedades tintas da denominación”, valora Natalia Rodríguez.

A adega elabora arredor de 3.000 litros dun monovarietal de Pedral, un traballo que esixiu da localización nas viñas das cepas de Pedral, de cara a facer unha vendima individualizada, pois o habitual na comarca son as pequenas parcelas con mestura de variedades.

Colección Manuel D’Amaro
O monovarietal de Pedral forma parte da colección de tintos da adega, que leva o nome de Manuel D’Amaro, en recordo dun socio que se caracterizou pola defensa da potencialidade dos tintos en Rías Baixas.

Señorío de Rubiós elabora outros tres monovarietais tintos, sousón, espadeiro e caíño tinto, e nos próximos meses prevé sacar o mercado un monovarietal de brancellao.

Os viños tintos representan unha produción anual de 100.000 litros

En conxunto, os monovarietais tintos e o Señorio de Rubiós Condado tinto representan unha produción anual de arredor de 100.000 litros, unha oferta de tintos xoves singular no contexto galego e español. “Son viños cuns matices propios, diferentes ós tintos doutras zonas, e preferimos non pasalos por madeira para resaltar as súas características. Si estamos facendo unha proba de madeira de carballo cun viño branco, o Condado branco, pero en pequena cantidade, cuns 500 litros. En tintos non pasamos nada por barrica”, explican na adega.

En conxunto, a produción anual de viños da adega supera o medio millón de litros, cun mercado centrado en Galicia e no resto de España, destacando a zona norte, Madrid e Levante. A nivel internacional, a adega ten especial presenza en Estados Unidos, Reino Unido e Suiza. O amparo da denominación de orixe Rías Baixas, consolidada no mercado a nivel internacional, e o selo Galicia Calidade, que distingue ós produtos galegos de calidade, contribúen a reforzar o posicionamento da adega no mercado.

Espumosos
Outro punto singular da oferta de Señorio de Rubiós é a elaboración de dous espumosos coa base do viño Condado branco. É un produto que desde a adega defenden como axeitado para combinar con pratos principais dun menú. “Os espumosos adoitan ligarse a celebracións ou a sobremesas, pero estamos falando dun viño de calidade que armoniza mellor cun prato principal que cun postre”, explica Natalia Rodríguez.

A adega elabora un espumoso brut nature e outro brut, máis afroitado. As vendas dos espumosos de Señorio de Rubiós oriéntanse ó mercado gourmet. O produto segue mantendo unha alta estacionalidade en torno ó Nadal, pero xa rexistra vendas durante todo o ano.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información