“Se facemos as cousas ben, as capacidades para a viticultura en Galicia son enormes”

Entrevista a Francisco Rego Martínez, Premio Mágnum Honorífico 2016 ‘Vinolvidable’ do Instituto Galego do Viño. Ven de xubilarse como técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia tras máis de 40 anos dedicado ao sector.

“Se facemos as cousas ben, as capacidades para a viticultura en Galicia son enormes”

Paco Rego no viñedo da EVEGA

Francisco Rego Martínez é todo un referente no mundo da viticultura en Galicia, e en concreto na comarca do Ribeiro. Ven de xubilarse despois de máis de corenta anos dedicado ao sector, primeiro no Servizo de Extensión Agraria de Ribadavia e dende 1994 na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), en Leiro, tamén no Ribeiro.

A súa filosofía concéntrase na defensa das castes autóctonas, na aposta pola calidade dos viños galegos e na recuperación da tradición milenaria dos viticultores galegos. “Se de algo me arrepinto é de non ter pasado máis tempo cos vellos viticultores, e poder transmitir os seus saberes”, recoñece.

Paco Rego ven de ser galardoado polo Instituto Galego do Viño co Premio Mágnum Honorífico 2016 ‘Vinolvidable’ polo seu traballo a prol do viño galego.

Cales son os cambios máis importantes que viviches na viticultura galega dende os anos 70 do século pasado?
Cheguei ao Ribeiro con 23 anos no 1974 para traballar no Servizo de Extensión Agraria. Coñecía pouco da viticultura, aínda que na Mariña occidental, onde nacera, si que houbera viñedos ata a chegada do oídio. O meu contacto no Ribeiro foi directamente cos viticultores e daquela había una política de desinterese e de abandono da viticultura en Galicia. A ditadura franquista non tiña ningunha liña de axuda para a viticultura e a súa filosofía era que en España sobraba viño e que para produción chegaba co que había na Mancha.

Coa chegada do réxime autonómico a Galicia foi cando se empezou a recuperar e a apoiar a viticultura galega. Foi daquela, no ano 1985 cando se inaugurou a Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia (EVEGA).

 “Coa autonomia, foi cando en Galicia se empezou a recuperar a viticultura”

Un cambio importantísimo polo que se apostou dende os primeiros gobernos da Xunta foi volver ás castes galegas autóctonas, que foran desprazadas ao longo do século XIX por variedades foráneas máis produtivas como o Palomino ou Xerez e o Alacante Bouschet, no interior de Galicia, e polos híbridos como Catalán, Folla Redonda, Romano..etc, na costa e algunhas marxinais de interior.

Este é o panorama co que nos atopamos a mediados dos anos 80. A isto tiñamos que engadir que algunhas das variedades foráneas, como o Palomino e o Alacante Bouschet tiñan unha enorme produción. É dicir, houbo unha época na que a calidade non se pagaba e o viticultor tiña que apostar por unha maior produción para sobrevivir.

Houbo tamén daquela un proceso de desprazamento de zonas tradicionais de viñedo, en encostas, cara aos fondais. Houbo recuperacións, pero ese abandono aínda se mantén hoxe.

Coa entrada da autonomía, a partir de mediados dos 80, empezou a haber un rexurdimento da viticultura galega. O primeiro director da EVEGA, Xosé Antón Iglesias Prieto, fixo moito fincapé na recuperación das castes autóctonas. Horacio Fernández Presa, que na comarca de Valdeorras fixo un gran traballo de recuperación do Godello. Quero deixar testemuño da miña admiración por estas dúas persoas, entre outras. E como non, por aqueles viticultores que conservaron as castes autóctonas galegas, pois grazas a eles temos hoxe este patrimonio.

 “Recordo con admiración a Horacio Fernández Presa e a Xosé Antón Iglesias Prieto”

Outro cambio importante foi a mecanización da viticultura, necesaria para facer máis cómodo o traballo. Sen embargo, critico que en moitas comarcas vitícolas galegas cambiáronse os deseños milenarios da viña para adaptalos á maquinaria, mentres que noutros países europeos, como en Francia, foi ao revés. O que se fixo foi recuperar e revalorizar a tradición, adaptando a maquinaria á disposición tradicional da viña e non ao revés.

Que outros aspectos pensas que quedaron pendentes na viticultura galega?
Penso que respectar a disposición tradicional do viñedo e adaptar a maquinaria a ese deseño. Foi o camiño que se seguiu na viticultura francesa de alta gama, como a Borgoña, que tamén ten algo de minifundio, e na que tamén se está a apostar polo cultivo biolóxico e por un crecente respecto á natureza.

Sen dúbida hai que redimensionar as parcelas, pero non para que un tractor corra por gavias de 2,5 metros de ancho, senón para facer un deseño da viña que ofreza máis calidade da uva. En Galicia había sistemas tradicionais como por exemplo o de vaso libre, sobre todo en Monterrei, e o de vaso estacado, como no Ribeiro, que foron substituídos polo sistema de espaldeira vertical. Nas Rías Baixas, onde o tradicional son os emparrados, as modificacións foron menores, aínda que houbo algunhas como a de elevar os que estaban baixos para así poder pasar o tractor por debaixo.

“Deberíamos recuperar os marcos de plantación tradicionais”

Neste sentido penso que, aceptando a espaldeira, deberíanse respectar os marcos de plantación tradicionais, tal e como se fixo nas rexións vitícolas máis avanzadas de Europa.

Coñeces a viticultura doutras rexións de Europa. Que singularidades ten a viticultura en Galicia?
As viticulturas que están no cumio de calidade son aquelas que non están lonxe da súa extrema posible de cultivo, como a Borgoña ou Galicia. O problema da presión dos fungos, debido á humidade, vese compensado pola enorme calidade que pode saír das viñas.

Temos que lembrar que en grandes rexións vitícolas como California ou Australia teñen que vendimar de noite debido á excesiva calor. Sen embargo, en Galicia temos a enorme vantaxe de ter unhas vendimas suaves, cunhas uvas que van moi ben maduradas e moldeadas, sempre e cando elixamos as zonas e castes idóneas e fagamos un bo manexo do cultivo.

“En Galicia temos a enorme vantaxe de que as uvas van moi ben maduradas”

De feito, os viños brancos galegos xa demostraron a nivel mundial a súa enorme capacidade e os viños tintos galegos na súa maioría aínda están pendentes de descubrir.

É evidente que o custo de produción da uva en Galicia nunca vai ser barato. A única maneira de facer rendible a viticultura no noso país é facendo viños diferenciados e de grande calidade.

Que pode facer o viticultor para facerlle fronte ás enfermidades foráneas da viña que cada vez se espallan máis coa globalización?
Na viticultura europea hai dúas fases: antes da entrada das pestes americanas, a partires de mediados do século XIX, e o que aconteceu despois. Antes xa había enfermidades como a botrite ou a antracnose pero de América chegaron o oídio, o mildeu o black Rot e a praga da philloxera. A última peste que nos amenaza é a da flavescencia dourada, que xa está na outra beira do Miño.

A Unión Europea está restrinxindo cada vez máis os tratamentos fitosanitarios contra estas enfermidades, pero isto debería acompañarse con axudas á investigación para combater de xeito máis natural, como mediante novos métodos de loita biolóxica, estas pragas.

En canto ao viticultor, o seu mellor recurso ante estas ameazas é plantar nos sitios máis sans para o viñedo, nas zonas tradicionais de socalcos ou encostas naturais. Se buscamos estes sitios, de seu máis ventilados, complementando cun bo deseño da plantación e unha arquitectura da videira que favoreza a aireación e a mellor exposición á luz da superficie foliar, non por isto nos imos librar das doenzas, pero será máis doada a loita contra elas.

Tamén deberíamos recuperar o saber milenario dos vellos viticultores, esa gran base que nos axudará a sobrepoñernos a todos estes problemas.

As enfermidades da madeira son unha das principais preocupacións dos viticultores nos últimos anos. ¿A que se debe, na túa opinión, o aumento deste tipo de pragas?
Teño dúas teorías ao respecto. Por unha parte, penso que nos anos 90 e comezos do século XXI, na época de boom das novas plantacións, chegou planta de vide procedente de todas partes e sen todos os controis que se debera, e isto quizás trouxo razas máis agresivas de armillaria e de enfermidades da madeira que afectan á parte aérea.

Por outra parte, creo que incidiu unha viticultura menos tradicional e máis industrial. É dicir, antigamente cando se plantaban as cepas facíase a man e non había tractores e, polo tanto, había menos compactación do solo. Hoxe en día os traballos fanse cunha maquinaria, que é necesaria, pero que empeora as condicións do solo no viñedo. Tamén cambiaron os tipos de abonos: estercos de gando da zona, con estrumes naturais dos arredores, sustituíronse por abonos máis industriais. E todo isto influíu no ecosistema do solo.

E falando do enxerto para arriba, non é raro ver cortes de poda dados moi á lixeira, deixando grandes feridas que se deben evitar porque son a vía de entrada das enfermidades da madeira na vide.

Es un defensor da necesidade de mellorar nos portaenxertos que se están a utilizar actualmente. A que te refires?
Os portaenxertos que estamos a utilizar foron practicamente todos creados polos franceses para superar a praga da filoxera, que arrasou os viñedos europeos a fins do século XIX. Os patróns americanos son os que aguantan a filoxera porque xa estaban adaptados a esa enfermidade e foron os que se utilizaron. A maioría dos que están autorizados hoxe son resultado de hibridacións entre eles, e algúns con aporte de savia vinífera.

 “Sería interesante obter portaenxertos hibridados coas castes galegas”

Sen embargo, en Galicia os solos son ácidos, mentres que moitos dos portaenxertos no mercado están máis adaptados a resistir solos calizos. Neste sentido, penso que sería interesante facer máis estudos para adaptalos aos nosos solos. Hai un portaenxertos que leva parte de savia vinífera, e que vai ben en varios terrenos vitícolas galegos. É o 19617. A vinífera aportada nos cruces foi o Mourvedre, francesa. Pois entendo que non estaría mal tentar algo similar aportando savia dalgunhas autóctonas. Sempre e cando o híbrido resultante demostrase resistencia suficiente a philloxera, podería gañarse en compatibilidade e adaptabilidade a parte dos nosos solos.

Por outra parte, agora mesmo está de moda facer novas hibridacións para ter plantas resistentes contra o mildeu ou contra o oídio. Pero o que me pregunto é se estas novas plantas conservarán a calidade das actuais. Sigo insistindo que o interesante sería conservar as nosas variedades e investigar para controlar esas pragas mediante sistemas máis respectuosos coa natureza.

No invernadoiro da EVEGA.

No invernadoiro da EVEGA.

Como ves o futuro do sector da viticultura en Galicia?
As capacidades son enormes, non só para as Denominacións de Orixe, senón para zonas en IXP e mesmo noutras pequenas que aínda non están baixo protección.

A nosa superficie de viñedo é moi pequena pero temos unha enorme variedade de mesoclimas, de terroirs, en Galicia, con moitas zonas que poden ofrecer viños moi diferenciados. Pero para isto fai falta facer as cousas ben, facer investigación, ter moitos campos de ensaio, recuperar os saberes dos vellos viticultores…etc.

De todos estes anos de investigación e de relación cos viticultores, que foi o que máis te motivou no teu traballo?
Entre os viticultores o que me sorprendeu é que a viticultura é un modo de vida, o enorme respecto que ten o viticultor tradicional por cada cepa, o cariño co que fai cada un dos traballos. Ese cariño e amor pola viña foi o que máis me motivou.

“Hai que recuperar o respecto pola viticultura tradicional”

Lémbrome que hai anos de ver a un vello viticultor chorando porque unha estrada lle arrincaba unha liña de cepas. Esa raigaña non a imos ver en Australia, California nin en Chile. En Galicia hai una tradición milenaria de viticultura e ese cariño transmítese. Se de algo me arrepinto é de non ter pasado máis tempo con aqueles vellos viticultores que transmitían uns saberes de séculos e que agora están extinguíndose.

Temos que recuperar o respecto e o aprecio pola viticultura tradicional como fan na Borgoña ou noutras rexións vitícolas punteiras que deberían ser a nosa referencia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información