Rías Baixas estima recoller uns 36,6 millóns de quilos de uva

A colleita redúcese un 5,2% con respecto a 2018 debido ás condicións meteorolóxicas que afectaron á floración. Esperan que a vendima se adiante e comece a principios de setembro

Rías Baixas estima recoller uns 36,6 millóns de quilos de uva

Vendima na DO Rías Baixas. // Foto de arquivo.

A Denominación de Orixe Rías Baixas estima recoller nesta campaña uns 36,6 millóns de quilos de uva. Así se recolle no Informe de Estimación da colleita de 2019 presentado ao Pleno do Consello Reitor. En concreto, neste documento, redactado en base aos datos estimados polos técnicos de campo das empresas durante a primeira quincena de xullo, infórmase de que o viñedo se atopa nunha situación moi heteroxénea, o que dificulta a estimación da colleita.

Aínda así, calculan que nesta campaña a colleita se reducirá nun 5,2% con respecto á vendima de 2018 e agardan que se poidan vinificar máis de 24,5 millóns de litros de viño. Os técnicos achacan esta redución da produción ás condicións meteorolóxicas rexistradas en momentos claves da colleita como a floración. Ademais, o vento e a saraiba rexistrados tamén ocasionaron diminucións directas en acios e a rotura de pámpanos. As subzonas máis afectas pola saraiba foron Condado do Tea e O Rosal.

Agardan que se poidan vinificar máis de 24,5 millóns de litros de viño

Os técnicos do Consello Regulador supervisaron o 45,9% das 4.045 hectáreas de superficie produtiva da denominación para a elaboración do informe. En base a estes datos constatan que as diminucións de produción son máis xeneralizadas en viñedos vellos que novos.

A pesar das inclemencias meteorolóxicas, este ano non están a ser moi significativos os danos por pragas e enfermidades como a botritis, mildiu ou oídio. Con todo, constataron que as condicións meteorolóxicas adversas provocaron que os acios sexan máis pequenos.

Adianto da vendima

Desde o Consello Reitor tamén estiman que a vendima se adiantará este ano en torno a 10-12 días, polo que prevén que comece a principios de setembro. Este adianto do ciclo da colleita débese ao inverno cálido e seco rexistrado, seguido dunha primavera tamén cálida e con precipitacións normais para esa estación aínda que finalmente xuño resultase frío e moi húmido.

Calculan que a vendima se adiantará este ano en torno a 10-12 días

As estimacións recollidas neste informe son realizadas en base á información proporcionada polos técnicos de campo das adegas e as empresas de servizos agrarios. Tal e como informan desde a DO, as observacións e datos achegados nas enquisas sométense a unha análise detallada e a un procesamento estatístico de maneira que os resultados obtidos pondéranse en función da superficie supervisada por cada técnico para contar con criterios unificados.

Ademais, o persoal dos servizos técnicos do Órgano de Control do Consello Regulador, xunto a algún dos técnicos asesores de campo, desprázanse ás distintas subzonas da Denominación de Orixe para efectuar mostraxes dos viñedos e pesada de acios para corroborar a situación real sobre o terreo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información