Recomendan controlar a herba nas viñas para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación

En canto á botrite, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomenda retirar os gromos rotos polo vento para evitar a instalación do fungo nas partes secas.

Recomendan controlar a herba nas viñas para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación

Vexetación adventícia na viña. Autor: Estación do Areeiro

Reproducimos a continuación o último aviso da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Os tratamentos efectuados e a climatoloxía rexistrada dende a emisión do aviso anterior (ausencia de chuvias e de humidade foliar, xunto a temperaturas nocturnas relativamente frías – mesmo por debaixo de 10ºC -) frearon na maioría de terreos o abrocho de mildeu que se manifestara a semana anterior en todas as bisbarras.

Segundo as diferentes previsións meteorolóxicas estas condicións aínda se manterán, en principio, ata o sábado día 30, o que contribuirá a eliminar calquera resto de infección. Aínda así, nalgúns terreos que nos avisaron para visitar e que, segundo nos informaron, non presentaban apenas síntomas a semana anterior, aínda están a aparecer manchas de aceite, ás veces mesmo cunha tímida esporulación. Nalgún destes terreos recomendamos que se renove o tratamento, mentres noutros agárdase que o funxicida anteriormente aplicado consiga controlar o fungo.

Consecuentemente, de cumprirse as previsións de tempo seco e ventoso para os seguintes días, o risco de novas infeccións será reducido, co que unicamente haberá que vixiar a evolución dos síntomas procedentes do brote anterior, renovando o tratamento en caso de observar que continúan aparecendo manchas, tendo en conta que a viña está a entrar no período de floración, de elevada sensibilidade ao fungo.

En caso de ter que renovar os tratamentos procuren alternar materias activas con diferente modo de acción (consulte os técnicos).

Non esquezan que é IMPRESCINDIBLE o control da vexetación adventicia para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación no ámbito das viñas. Parte desta vexetación está en floración nestes momentos, co que non é difícil que a inflorescencia acade unha boa altura.

Botrite: recomendación de retirar os brotes rotos polo vento

Fructificacion de botritis sobre capuchones en el extremo del racimo

Botrite no extremo do acio. Autor: Estación do Areeiro

Os períodos de floración e post-floración son momentos de elevada sensibilidade ao fungo se coinciden con períodos de choivas ou de humidade relativa moi elevada. En principio, estas condicións non se prevén para os próximos oito días, co que o risco é reducido salvo que localmente se produzan néboas densas.

Nalgúns terreos os ventos rexistrados volveron producir roturas de gromos, algúns dos cales están a secar pero permanecen nas plantas. A pesar de que o risco de danos por botrite é moi baixo en condicións de clima seco, é conveniente retirar aqueles gromos para evitar a instalación do fungo en caso de cambiar as condicións, ademais do IMPRESCINDIBLE control da vexetación adventicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información