Recomendacións para plantar viñedo

Estamos no tempo de empezar a preparar a plantación da viña. Emilio Iván Vázquez Rodríguez, da Consellería do Medio Rural, ofrece unhas recomendacións sobre a preparación do solo e a disposición e coidado das plantas

Publicidade
Recomendacións para plantar viñedo

Plantación de viñedo.

O primeiro condicionante á hora de plantar un novo viñedo é de carácter normativo e ten que ver co destino da uva:

-Se o viñedo é para autoconsumo e sempre que non supere os 1.000 m² poderemos realizar a plantación sen máis.

-Se a viña que pretendemos establecer ten unha finalidade comercial será necesario dispoñer da autorización administrativa pertinente para a superficie que desexemos plantar.

Localización do viñedo

O seguinte paso será determinar o lugar e a parcela máis idónea para efectuar a plantación. Xeralmente non poderemos elixir moito xa que teremos que cinguirnos ás parcelas sobre as que temos algún dereito de uso.

A vide é unha planta esixente en calor, polo que a altitude da parcela será un factor importante a considerar de cara á duración do ciclo vexetativo podendo acortar ou alongar o período de maduración. Temos que lembrar que por cada 100 m. de altura a temperatura diminúe 0,6 ªC. Por ilo, para unha mesma variedade, as zonas baixas son preferibles a zonas altas, xa que se acada maior integral térmica e con elo o adianto da maduración.

“A parcela debe estar en pendente e o fondo da mesma debe estar libre de vexetación”

Outro factor importante a considerar ó decantarnos por unha parcela é a pendente. Optaremos por un terreo inclinado para que permita que o aire frío drene cara á parte máis baixa da parcela reducindo así o risco de xeadas. Asemade, procuraremos manter o fondo da parcela libre de vexetación para que non se produzan embolsamentos de aire frío. Este movemento do aire favorece a ventilación na parcela, un secado máis rápido e unha diminución da humidade na masa de follas, e consecuentemente unha redución das enfermidades fúnxicas.

A exposición ou orientación da parcela determinará a cantidade de calor que recibe cada m2 de viña, que depende do ángulo co que a luz incide no solo. Canto máis perpendiculares incidan os raios de sol maior calor recibe o solo. Na nosa latitude, optaremos por parcelas expostas ao Sur, Sur-Oeste ou Sur-Este. Os viñedos expostos ao sur agroman e maduran antes. Debemos evitar as parcelas orientadas ao Norte por ser as que menor calor reciben.

Preparación do terreo

Decidida a localización do novo viñedo será necesario avaliar as condicións do solo. As cepas poden medrar con éxito nunha ampla gama de solos e resulta difícil describir un solo ideal para o cultivo da vide. Son moitas as propiedades do mesmo que afectan en maior ou menor medida ó crecemento e desenvolvemento da cepa e de maneira paralela á produción e á calidade da uva.

A cepa é unha planta que se ve moi afectada pola asfixia radicular. Non é conveniente efectuar a plantación en lugares encharcados e no caso de ser necesario, preverase a instalación dun sistema de drenaxe. Prestaremos polo tanto atención aos lugares de pendente e bacías onde se poidan producir encharcamentos.

Por outra banda, o solo debe ter a profundidade necesaria para que o sistema radicular da cepa dispoña dun volume suficiente de terra que lle asegure os nutrientes e a auga para o seu desenvolvemento. Canto maior sexa o volume de solo que exploran as raíces, maior vai a ser a cantidade de nutrientes e de auga a disposición da cepa. É por elo indispensable, antes de acometer calquera plantación, facer cando menos unha calicata na parcela para coñecer a profundidade e a disposición das diferentes capas do solo. Isto nos permitirá avaliar o grado de compacidade do solo e as dificultades con que ser atoparan as raíces á hora de expandirse en profundidade.

Hai que evitar o encharcamento e realizar unha calicata previa na parcela

Tamén é moi importante realizar unha análise química do solo. Tomaremos mostras do solo en diferentes puntos da parcela para conformar unha mostra representativa que será remitida a un laboratorio oficial. Coñeceremos así se os niveles de macronutrientes (N,P,K) e micronutrientes (Ca,Mg,Na,…) son suficientes, e en caso contrario facer as correccións pertinentes mediante un abonado de fondo. Cuestión moi importante é o contido de materia orgánica e o pH polo papel que desempeñan na reacción do solo. Ademais, será antes da plantación o momento máis sinxelo para facer o seu aporte.

A limpeza da vexetación existente na parcela será a primeira operación a realizar. Se a vexetación e matogueira soe ser suficiente o pase de desbrozadora. No caso da presencia de árbores será necesario efectuar un destoconado con posterior retirada e destrución dos mesmos.

En determinados casos poderá ser necesario efectuar a nivelación da parcela. Os obxectivos da mesma buscan acadar un volume suficiente do sistema radicular, reducir a erosión e facilitar a mecanización. Se a pendente do terreo e superior ao 10% recomendase cultivar segundo as curvas de nivel e se supera o 20% sistematizar o terreo en bancais ou socalcos.

Procederase a continuación a realizar unha desfonde ou labor profunda do solo. Se o solo o permite, mediante labor de vertedeira. A finalidade é favorecer o desenvolvemento do sistema radicular, incrementar a permeabilidade do solo, limpar raíces e pedras, e incorporar as enmendas e abonos necesarios. O momento ideal para esta operación é durante o verán e ata o outono. Neste momento o solo fractúrase correctamente e con finos canais que facilitarán unha óptima penetración das raíces.

Unha vez preparado o solo procederemos a efectuar un laboreo superficial coa finalidade de preparar, nivelar e suavizar o mesmo para as operacións previas a plantación.

Plantación: elección das vides

En función do tamaño da parcela será necesario dispoñer as cepas en bloques (variedade, orientación, tipo de solo,…). Cada viticultor establecerá o seu deseño en función do obxectivo técnico buscado. O replanteo da plantación realizarase preferiblemente no inverno aproveitando o tempo seco e frío. Existen varios sistemas e métodos para efectuar o replanteo (cordas, estación total, GPS).

Unha decisión moi importante previo ao replanteo é a orientación das filas. Tendo en conta que a meirande parte dos novos viñedos dispoñen a vexetación en espaldeiras, o ideal será orientar as filas na dirección N-S. Deste xeito captaremos a maior cantidade de insolación ao incidir o sol por ambos lados da espaldeira (mañá e tarde). Porén, tamén na meirande partes das veces a orientación virá definida pola forma da parcela, tendo que axustar a dirección das mesmas á forma da parcela. A efectos de mecanización as filas máis longas son máis eficientes que as filas curtas.

“O ideal é orientar as filas na dirección Norte-Sur”

A distancia entre filas virá condicionado polo sistema de condución e polo equipo de mecanización que pretendamos usar. Os sistemas de formación con paredes foliares verticais requiren menos espazo entre filas que os sistemas con paredes foliares horizontais ou oblicuos (Geneva, Lira, Parral,…). Nas espaldeiras deberemos gardar que a relación entre a altura da zona de vexetación e o ancho da fila sexa 1 para evitar sombreamentos.

A distancia das cepas dentro da fila será establecida en función da combinación de factores como o vigor da variedade, fertilidade do solo, tipo de manexo da vexetación,… Cando o sistema de formación da cepa sexa guyot ou cordón simple abonda con deixar as cepas distanciadas 1 m. No caso de formación en cordón bilateral e guyots mixtos ou dobres recoméndase distanciar as cepas 1,2 m ou máis.

A tendencia nas plantacións actuais é incrementar a densidade da plantación por varias razóns:

Un maior número de plantas por hectárea reduce o vigor das cepas, xa que cada planta vai a ver reducido o volume de solo que explora e con ilo a cantidade de nutrientes e auga.

A redución do vigor da cepa provoca unha menor produción por planta pero un incremento da produción total e unha mellora da calidade.

Ao deseñar o noso viñedo deixaranse na cabeceira das filas, na medida do posible, vías de servizo amplas para facilitar as operacións de xiro da maquinaria.

A tendencia é incrementar a densidade da plantación

A plantación efectuarase sempre con material certificado e pódense empregar dous tipos de planta: planta a raíz espida e planta en cepellón.

A plantación a raíz espida realizarase durante o período de repouso vexetativo, xeralmente de novembro a marzo. Este tipo de planta é fácil de manexar e manipular. Como contrapartida ten problemas de deshidratación e o enraizamento e prendemento é menos seguro.

Cando se emprega planta en cepellón a plantación pode efectuarse en calquera época do ano e a garantía de éxito é maior. A contrapartida é o elevado prezo da planta.

Ao adquirir as plantas comprobaremos que están perfectamente etiquetadas e identificados os lotes. Debemos comprobar o estado da planta, que non teña danos por frío, nin deshidratacións, nin presencia de fungos, nin aplastamentos e roturas. Presentaran raíces firmes e duras e se efectuamos un corte no raíz debe mostrar unha cor cremosa.

Pasos na plantación de viñedo: 

Recoméndase facer unha calicata na finca antes de comezar os traballos

Dimensións dos furados e colocación da planta

A plantación poderase facer abrindo unha zanxa ou con furados. A apertura dos mesmos poderase facer a man ou de maneira mecanizada.

É recomendable facer os furados un ou varios días antes da plantación e un diámetro de 10-15 cm debería ser suficiente. Comprobarase que os laterais dos mesmos están esponxosos e non compactados, o que dificultaría a penetración das raíces. De ser o caso deberemos marcar coa eixada ou pala os laterais antes de plantar.

A profundidade da plantación debe ser de 30-40 cm. Encheremos o pé da cepa con turba ou humus procurando que o cuello do enxerto quede uns 2 cm por riba do nivel do solo.

Á hora de plantar o solo debería estar algo húmido e en caso contrario é conveniente regar. Na actualidade empréganse lanzas de auga que fan o furado para a cepa mediante a presión da auga quedando a planta en condicións suficientes de humidade.

Moitas veces é necesario colocar protectores de planta para a defensa das mesmas da fauna silvestre e para evitar os danos no caso de emprego de escarda química na fila de cepas. Os protectores poden ser de diversos modelos e materiais. En determinadas condicións provocan un lixeiro forzado das plantas pero tamén deberemos ter coidado de retiralos en condicións moi calorosas onde poden chegar a provocar queimaduras na cepa nova.

É conveniente regar regularmente as cepas novas porque teñen un sistema radicular limitado. A falla de auga nos primeiros meses e anos de vida pode provocar un crecemento e establecemento deficiente da planta. Lembrar que os solos areosos requiren regas máis frecuentes. A finalidade é acadar un viñedo con plantas homoxéneas e desenvolvemento similar.

O emprego de cubertas en viñas novas soamente é recomendable en zonas sen limitacións hídricas e para viñedos de vigor elevado

Evitarase que as malas herbas compitan coa cepa pola auga e nutrientes. Existen varios itinerarios ou alternativas para o control das malas herbas como pode ser o laboreo, o emprego de herbicidas de pre ou post emerxencia, acolchados e mesmo o mantemento entre filas de cubertas vexetais mono ou multiespecíficas. O emprego de cubertas en viñas novas soamente é recomendable en zonas sen limitacións hídricas e para viñedos de vigor elevado.

A instalación da espaldeira pode realizarse mesmo AO remate da plantación ou ó ano seguinte, a conveniencia do viticultor. Para o deseño da espaldeira e tipo de materiais a empregar teremos en conta os seguintes puntos:

-A espaldeira terá que ser robusta para resistir a forza do vento e o peso das plantas (ramas e colleita).
-Fácil de instalar, feita con materias lixeiros, cómodos de manipular e que requiran pouca man de obra.
-De baixo mantemento para aforrar en reposición de materiais e man de obra.
-A espaldeira debe facilitar as labores de vendima.
-Deberá ter un baixo custo de instalación.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información