Recomendacións fitosanitarias para o viñedo

Repasamos os últimos consellos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

Recomendacións fitosanitarias para o viñedo

Oídio activo en albariño. / Imaxe: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A vaga de calor que se está atravesando estes días en Galicia reduce os riscos de novas infeccións de mildeu no viñedo, pois ao superarse temperaturas de 30º C durante 5-6 horas ó día, o mildeu perde vitalidade. O perigo de novas infeccións é mínimo, polo que en xeral non se recomendan novos tratamentos, salvo en caso de orballos locais ou néboas densas, segundo indica o último aviso da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra.

Con todo, a inestabilidade da meteoroloxía que se viviu ata o de agora, con elevada humidade foliar e temperaturas altas, favoreceron os ataques de mildeu ata mediados desta semana, o que obriga a manter a vixilancia.

Boas prácticas
As dificultades fitosanitarias que se viviron esta campaña levaron a que haxa viticultores que incumpriron as recomendacións de aplicación de tratamentos, con intervalos entre aplicacións de só 5 días ou con doses superiores ás aconselladas, segundo detectou Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica lembra que esas prácticas son negativas para o medioambiente, a saúde das persoas e tamén para a economía dos viticultores. En determinados casos, as doses superiores ás aconselladas tamén poden ser negativas para o viñedo.

En oídio, tampouco se deberían detectar novas infeccións e as existentes deberían estabilizarse. Compre de tódolos xeitos manter a vixilancia.A mesma recomendación de vixilancia se aplica á botrite e ó black-rot.

En canto á presenza de cicadélidos, couza e ácaros, non se detectaron en niveis que aconsellen o tratamento.

Vaga de calor
Para esta vaga de calor, é previsible que se detecten síntomas de stress, golpes de calor nos acios ou maiores indicios de enfermidades da madeira. Tamén hai que ter en conta que o vigor que hai este ano nos viñedos fará precisas novas podas en verde, segundo está a apreciar a Estación Fitopatolóxica de Areeiro nas parcelas de control.

O boletín agrometeorolóxico de Meteogalicia aconsella realizar cara o Leste os desfollados en espaldeira, xa que os acios expostos ó Oeste son sensibles as queimaduras producidas polo sol en períodos con temperaturas elevadas, como é o caso actual.

Aplicación dun antibotrítico
Este mesmo boletín agrometeorolóxico, con recomendacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), aconsella manter o control e vixianza sobre todo de Oídio. En canto ao Mildeu, hai que manter o control xa só centrado no coidado da vexetación, especialmente nos viñedos máis vigorosos con crecemento activo.

Recórdase tamén unha recomendación clave para esta campaña: entre o peche de acio e o inicio de envero (pinta), hai que aplicar un antibotrítico, no caso de que aínda non se realizase.

En xeral, recoméndase aplicar os tratamentos fitosanitarios previstos para a próxima semana en canto descendan as temperaturas, xa que as condicións desta fín de semana, con elevadas temperatura, reducen o desenvolvemento das enfermidades. No caso de realizalos nestas condicións, deben ser aplicados preferentemente ás primeiras horas do día ou ó atardecer, evitando as temperaturas altas, xa que reducen a eficacia dos fitosanitarios e tamén poden provocar fitotoxicidade.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información