Ramón do Casar, un viño soñado dende a emigración galega

Tres irmáns fillos da emigración galega en Venezuela deciden crear esta adega no Ribeiro, apostando polas variedades autóctonas, a redución do uso de fitosanitarios e pola exportación. Este ano quitaron ao mercado as súas primeiras botellas con resultados moi alentadores

Ramón do Casar, un viño soñado dende a emigración galega

Viñedos de Ramón do Casar

A adega Ramón do Casar está situada na localidade de San Salvador de Vide, no concello de Castrelo de Miño, en pleno corazón do Ribeiro. A finca ocupa unha superficie de 12 hectáreas, cunha moderna adega integrada na paisaxe que se inaugurou en 2013 e que xa é unhas das visitas obrigadas para o enoturismo polos seus viñedos, as súas impresionantes vistas sobre o río Miño e tamén pola súa historia.

E é que a orixe da Adega Ramón do Casar é a dun proxecto soñado na emigración dende unhas orixes moi humildes. Os pais de Ramón, o patriarca da familia, traballaban para os caseiros da Finca do Casar, a actual propiedade na que están os viñedos e a adega, e que antigamente pertencía ao marquesado de Ulloa.

Unha adega detrás da que hai unha historia de superación

No ano 1955 Ramón emigra a Venezuela na procura de mellores condicións de vida pero tamén para cumprir un soño: mercar a Finca do Casar. Tras case vinte anos de arduo traballo en América logra cumprir o seu anhelo en 1975, cando xunto con outros dous familiares merca a propiedade. Anos despois, Ramón adquire a totalidade da finca aos seus familiares.

A posta en valor da Finca do Casar comezou no ano 2000 coa plantación de 7 hectáreas de viñedo de castes autóctonas: un 80% de Treixadura, a variedade raíña do Ribeiro, e un 20% de Godello e de Albariño. O obxectivo era vender a uva a unha adega do Ribeiro.

Pero o proxecto do pai foise convertendo tamén nun soño dos fillos. Nados e vivindo en Venezuela, Ramón, Etelvino, e Javier González Sabucedo empezan a traballar na idea de completar o proceso cunha adega para elaborar e vender os seus propios viños.

Así, no ano 2013 inauguran a adega, un moderno edificio integrado na paisaxe e concibido tamén como espazo para o enoturismo. Ao mesmo tempo, amplían a plantación con outras 1,3 hectáreas de viñedo. E todo creando emprego no rural: 4 persoas a tempo completo e máis de 20 temporeiros durante a vendima.

Ramón, o emigrante soñou e logrou mercar a Finca do Casar

Ramón, o emigrante que soñou e logrou mercar a Finca do Casar

Aposta pola viticultura integrada e pola calidade

A súa primeira produción sae ao mercado no ano 2014, unhas 60.000 botellas con dúas marcas: Ramón do Casar Branco, un plurivarietal afroitado e rico en aromas cun 85% de Treixadura e o resto albariño e godello, e Ramón do Casar Treixadura, un monovarietal con máis corpo e complexo cun 100% desa variedade e que representa sobre un 20% da produción.

Segundo Pablo Estévez, enólogo da adega dende hai 8 anos, “o carácter de cada viño non é debido unicamente á porcentaxe de variedades empregadas en cada caso, senón tamén, entre outros factores, ao viñedo no que se cultivan e ao tipo de viticultura aplicada”.

E é que este é outro dos factores nos que se procura diferenciar esta adega. Ramón González Sabucedo, un dos irmáns impulsores do proxecto e “de momento”, residente en Venezuela, explica que “estamos acollidos a un sistema de produción integrada, no que practicamente non se utilizan insecticidas e que procura reducir o uso de fitosanitarios”.

“Apostan pola produción integrada e por marcos de plantación amplos para reducir o uso de fitosanitarios”

A isto tamén axuda un marco de plantación amplo, de 2,5 por 1,25 metros, “que aínda que supón menos plantas por hectárea, permite maior ventilación e horas de sol, o que mellora o estado sanitario”, destaca Ramón González Sabucedo.

Ademais, nos viñedos da adega Ramón do Casar teñen instalado un sistema de rega de precisión “que nos permite, en anos moi secos coma este, realizar regas puntuais para controlar mellor a maduración da uva”.

A busca de calidade da uva na viña compleméntase coa última tecnoloxía na adega, na que contan, entre outras innovacións, cunha prensa de baleiro, das poucas que existen en Galicia. ”Fai posible que non haxa contacto do mosto co osíxeno, o que evita a oxidación, e aínda que o rendemento de mosto por kilo de uva é menor, permite que o 80% sexa mosto flor, virxe, da máxima calidade”, subliña Ramón.

Unha presentación do viño que homenaxea á emigración galega

Un bo viño necesita unha presentación á súa altura que resulte atractiva para o cliente. E este é un aspecto coidadosamente traballado en Ramón do Casar.

AAFF anverso RDC blanco (2014)As etiquetaxes queren facerlle unha homenaxe ao patriarca, Ramón, e a través del a toda a emigración galega. Para iso utilizaron as fotografías de Alberto Martí, considerado un dos mellores fotógrafos da postguerra española. Na de “Os Adeuses”, de Ramón do Casar Branco, retrata a despedida do barco Montserrat no 1955 dende o porto da Coruña, e na de Ramón do Casar Treixadura capta unha imaxe cotiá de xente pescando no mesmo peirao.

“Queremos que a nosa botella, ao vela, represente a Galicia e á súa emigración”, resume Ramón González Sabucedo. No anverso das botellas, senllas cartas, sinxelas e emotivas, de Ramón á súa dona aínda residente en Galicia.

Arredor do 50% das súas vendas son ao exterior

Outra clave do proxecto de Adegas Ramón do Casar é a súa vocación exportadora. Non en van, a adega naceu coa idea de destinar o viño ao mercado de Venezuela, aproveitando as redes de distribución da comunidade galega. Sen embargo, a inestabilidade económica e política daquel país “obrigounos a apostar tamén por outros mercados internacionais”, recoñece Ramón.

Así, a adega é unha das máis activas nas misións exportadoras da Denominación de Orixe Ribeiro e xa vende ao exterior máis do 50% da súa produción. Deste xeito, e tras case 14 meses no mercado, o viño de Ramón do Casar está presente en Venezuela, Inglaterra, Suiza, Bélxica, Holanda, en Dinamarca, Xapón e en México. “Moi pronto tamén empezaremos a vender en Colombia, Porto Rico e Panamá, e tamén teremos en breve entrevistas para empezar a vender en Estados Unidos”, salienta Ramón González Sabucedo.

Plans de futuro: seguir medrando pero co mesmo modelo

En canto aos plans de futuro, aseguran que “temos capacidade para seguir medrando porque a adega está deseñada para 250.000 botellas, pero queremos facelo coa uva producida nos nosos viñedos ou en viñedos alugados pero que estean supervisados polo noso enólogo”. Neste sentido, Ramón adianta que están en conversas con veciños da parroquia para alugar viñedos con boas condicións de castes, solo e orientación e que corren o risco de quedar abandonados pola falta de relevo xeracional.

Mentres tanto, en Ramón do Casar seguen atarefados co traballo en adega tras unha vendima que cualifican como “extraordinaria” pola súa calidade e na que recolleron 72.000 quilos.

“Tócanos traballar con esmero unha uva impecable para lograr o mellor viño”, asegura Ramón. “Estes son proxectos a medio prazo pero estamos moi satisfeitos cos resultados: estamos a recibir moito tanto dos nosos viñedos como dos nosos clientes”, conclúe.

Viñedos de Ramón do Casar
image_print

Una idea sobre “Ramón do Casar, un viño soñado dende a emigración galega

  1. José Manuel Páez Prieto

    Es un gran vino, pero lo mejor de todo es la fuerza y empeño q ponen todos los q componen la bodega Ramon do Casar, yo los conozco ya desde hace varios años muy buena gente humilde y muy trabajadora . No lo dudo , pero sólo espero q sigan creciendo como ellos se lo merecen , a por todas mis amigos, sólo en la vida es el mejor el q no se rinde. UN GRAN SALUDO.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información