“Que Obama brinde co meu viño demostra que podemos chegar a todo o mundo”

Entrevista a César Enríquez, propietario de Adega Cachín, na Ribeira Sacra. O seu viño “Peza do Rei”, un Mencía xoven, ven de ser seleccionado, por segundo ano consecutivo, polo presidente dos Estados Unidos, Barak Obama, para brindar na gala da hispanidade.

Publicidade
“Que Obama brinde co meu viño demostra que podemos chegar a todo o mundo”

César Rodríguez na súa viña Peza do Rei

Nos últimos días César Enríquez, propietario de Adega Cachín, non para de atender chamadas dos medios de comunicación. O feito de que o presidente de Estados Unidos escollese o seu viño “Peza do Rei” para brindar na gala da Hispanidade converteu a este pequeno viticultor da Teixeira, na Ribeira Sacra, nun foco de atención mediática. E xa é o segundo ano que a Casa Branca elixe o seu viño para brindar.

“Hai un antes e un despois despois do brindis de Obama que significa que podemos chegar cos nosos viños a calquera parte do mundo, sen ningún tipo de complexos”, asegura César Enríquez.

Como é a vosa adega?
Adega Cachín é unha adega pequena, tirando a mediana, como a maioría da Ribeira Sacra. Cultivamos unhas 6 hectáreas e vimos producindo uns 60.000 litros de viño. Os custos de produción son moi altos, pero a calidade e o entorno é excepcional, cuns viños moi diferenciados.

A Peza do Rei é a nosa parcela, con 5,5 hectáreas, algo inusual na Ribeira Sacra, e está bordeada polo río Edo, un afluente do Sil. Aquí cultivamos sobre todo Mencía e facemos unha viticultura moi singular en socalcos, cuns elevados custos de produción, pero é o que da eses viños diferenciados que chaman a atención en todo o mundo.

Comercializamos dous viños: Peza do Rei Branco, un plurivarietal con Godello, Treixadura e Albariño, e Peza do Rei Tinto, que é un Mencía cunha pequena parte dalgunhas outras variedades, e Peza do Rei Tinto envellecido en barrica de carballo francés durante doce meses.

Cando empezaches coa adega e decidiches dedicarte á viticultura?
Os meus pais emigraron a Alemaña dende A Teixeira e á volta seguiron cultivando para autoconsumo as viñas dos meus avós. Eu empecei xusto co inicio do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, do que son vocal, no ano 1990. Sempre me gustou a natureza e a viticultura e cara aí orientei os meus estudos e con 25 anos participei no comité de cata do Consello Regulador do Ribeiro.

Dalgún xeito quixen extrapolar á miña terra todo o que aprendera. Daquela había un grupo de xente nova na Ribeira Sacra que, apoiados por un gran técnico da Xunta como foi Mouriño, que estaba na delegación da Consellería de Agricultura en Lugo, decidimos apostar pola viticultura e pola creación dunha Denominación de Orixe.

Adega Cachín nace co inicio da DO Ribeira Sacra, coa idea de recuperar terreo ao monte, de recuperar socalcos e apostar polas variedades autóctonas.

Como chegou o voso viño á Casa Blanca?
Temos uns comercializadores que nolo están a distribuír nos Estados Unidos e chega ás mans de Parker, que lle da ao noso viño máis de 90 puntos, ao igual que outros viños de Ribeira Sacra. A partir de aí, empezan a coñecernos e quedan engaiolados por esta terra, polos seus viños e a súa xente.

“Os viños galegos poden chegar a todo o mundo, sen complexos”

Axudounos tamén moito un cociñeiro asturiano afincado en Estados Unidos, José Andrés. Proba os nosos viños, queda impresionado e como é un chef que fai cáterings para a Casa Blanca, recoméndao para a recepción do Día da Hispanidade.

Isto proba que os viños da Ribeira Sacra, e os galegos en xeral, poden chegar a a calquera mesa do mundo, sen complexos, porque son uns viños singulares e espectaculares.

Que significa para vos e para a Ribeira Sacra que Obama brindase o Día da Hispanidade co voso viño?
Persoalmente é un espaldarazo enorme que significa que estamos facendo as cousas ben e que podemos chegar a calquera sitio. E para os viños da Ribeira Sacra, e os viños tintos galegos en xeral, é un gran apoio. Sabemos que temos en Galicia dos mellores brancos do mundo pero tamén temos uns tintos de primeiro nivel.

Finca Peza do Rei

Finca Peza do Rei

Hai un antes e un despois despois da visita de Parker e do brindis de Obama cos nosos viños, que significa que podemos chegar cos nosos viños a calquera parte do mundo sen ningún tipo de complexos.

O único problema que temos son os custos de produción, e aos viticultores hailles que pagar ben as uvas, porque sen eles sería imposible o proxecto da Ribeira Sacra.

Como está sendo a comercialización?
A comercialización é moi importante e non é fácil: non é difícil vender pero si é difícil cobrar. A situación económica vai mellorando, pero producir viños como os nosos, cuns custos de produción elevados, e sendo unha DO nova e pequena, chegar a sitios como a Casa Blanca é difícil. Axúdanos botar man da rede de descendentes de galegos e de españois en Estados Unidos, tanto senadores, como deputados, empresarios…etc.

Hoxe estamos exportando un 30% da nosa produción. Podíamos exportar máis pero non temos produción e preferimos diversificar en distintos países, pero en sitios de calidade que nos dean prestixio.

“Para chegar á Casa Blanca axudounos botar man da rede de galegos e españois en Estados Unidos”

Un dos grandes problemas das DO vitivinícolas galegas, e do sector agrario en xeral, é a falta de relevo xeracional. Hai relevo en Adega Cachín?
No meu caso teño a sorte de que o meu fillo está traballando comigo e hai relevo xeracional. Un dos grandes problemas da Ribeira Sacra e doutras denominacións é a continuidade dos viticultores. Pero se conseguimos que sexa rendible economicamente e permita unhas condicións de vida dignas haberá futuro e incorporarase xente nova.

Polo demais, de cara á exportación penso que nos deberiamos asociar máis entre as adegas para poder garantir un subministro, porque unha das eivas da nosa DO é que a produción é limitada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información