Polémica entre Unións Agrarias e o novo presidente da DO Valdeorras

Polémica entre Unións Agrarias e o novo presidente da DO Valdeorras

José Luis García Pando, presiente da DO. Valdeorras. Foto: O Sil

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras segue mantendo o enfrontamento entre diversas faccións que padeceu durante os últimos anos; en concreto, entre o sindicato Unións Agrarias, principal apoio do anterior presidente, Francisco García, e o novo presidente, José Luis García Pando, que saíu elixido o pasado mes de xullo co apoio das adegas, do Sindicato Labrego e de Viticultores Independentes de Valdeorras.

O último episodio foi a denuncia penal presentada este luns polo sindicato Unións Agrarias contra García Pando pola súa xestión no ano 2014, e tamén contra Vicente Solarat, polo seu papel como máximo mandatario do Consello Regulador no ano 2015. O sindicato, que xa impugnou as últimas eleccións, acúsaos, así como ao director técnico e á secretaria, das irregularidades nas auditorías, que segundo Unións, detectaron falta de facturas e de xustificación de 35.000 euros e de inflar o custo da páxina web, pola que se pagou 125.000 euros.

Igualmente, Unións denuncia descontrol respecto ás altas e baixas de viticultores asociados, e cuestiona os resultados da vendima 2017 na Denominación de Orixe Valdeorras. Por todo isto, reclama que a Xunta nomee unha xestora que dirixa o Consello Regulador.

García Pando subliña que foi elixido democráticamente pola maioría de membros do pleno e acusa a Unións de crear “bronca permanentemente”

Pola súa parte, José Luis García Pando, reitera a súa vontade de “gobernar o organismo dun xeito inclusivo, coas achegas de todos os membros do Pleno, e alonxado do espírito de confrontación e de permanente bronca que imperou na entidade no último ano e medio”.

“Imos intentar cumprir a encarga da conselleira do Medio Rural, quen publicamente nos pediu, durante a súa participación na última Feira do Viño da comarca, que se fale sempre da D.O. de Valdeorras en positivo, e xamais en negativo”, asegura.

Neste sentido, o presidente do Consello Regulador lamenta as críticas de Unións Agrarias, que cuestionou a súa lexitimidade no cargo e sinala que “non estou imputado en ningunha causa xudicial, como o sindicato pretende facer crer á opinión pública. Ao respecto da denuncia penal contra a súa persoa e o persoal do Consello Regulador, García Pando sinalou que chegado o momento se defenderá conforme a dereito en sede xudicial, se fora o caso, “das medias verdades desprendidas dunha auditoría feita baixo encarga”.

García Pando: “Unións fai un fraco favor ao sector vitivinícola da comarca”

García Pando lembra que a maioría dos vogais do Pleno avalaron a súa investidura como presidente do Consello Regulador e rexeita a falta de espírito democrático do sindicato ao pedir que se nomee un equipo de goberno alternativo ao que el encabeza.

Ademais, lamenta a desconfianza do sindicato en relación á cantidade de uva recollida este ano. “Se a caída da produción non foi tan acusada na zona, como inicialmente se preveu logo das xeadas de abril, foi grazas ao inxente esforzo dos nosos viticultores e adegueiros”, considera García Pando, quen cre que UUAA “fai un fraco favor ao sector vitivinícola da comarca cando insinúa falsidades sobre a cantidade de uva recollida”.

A vendima en Valdeorras remata con 4,18 millóns de quilos de uva, unha colleita mellor da prevista

A vendima 2017, unha das máis temperás da historia de Valdeorras, acaba de finalizar oficialmente na comarca. Neste ano 2017 as 42 adegas inscritas recolleron un total de 4.180.488 quilos de uva, fronte aos 4.656.213 quilos do ano pasado. Esta redución do 12% débese, tal e como explica o presidente do Consello Regulador, “aos fenómenos meteorolóxicos adversos producidos este ano e, en especial, ás xeadas rexistradas a finais do mes de abril?. Aínda así, “a pesar do descenso en cantidade, a calidade da uva cultivada volve ser, un ano máis, excepcional”. Nun ano normal na D.O. Valdeorras recóllense máis de 6 millóns de quilos de uva.

Quilos recolleitos por variedades

Por variedades, o godello colocouse de novo no primeiro lugar con 1,98 millóns de quilos, seguido da mencía con 1,33 millóns de quilos. Por detrás, veñen a variedade alicante, con 456.031 quilos; a jerez, con 345.281 quilos; a tempranillo con 19.302 quilos e a variedade sousón, con 17.767 quilos.

Finalmente, únense á lista os 8.976 quilos de albarello; os 4.664 de merenzao e os 4.341 de dona branca.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información