“Pedimos á Xunta que incremente un 20% os rendementos de uva autorizados para a D.O. Valdeorras”

Entrevista a Francisco García Álvarez, novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras

Publicidade
“Pedimos á Xunta que incremente un 20% os rendementos de uva autorizados para a D.O. Valdeorras”

Francisco García Álvarez, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras

Francisco García Álvarez é desde o pasado 26 de febreiro o novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. A súa elección produciuse tras a dimisión de José Vicente Solarat, que apenas levaba un ano á fronte do Consello Regulador, e que carecía de apoios, especialmente entre as adegas cooperativas e as organizacións agrarias, críticas nos últimos anos cos límites á produción establecidos polo Consello Regulador que levaron a sancións a un bo número de viticultores e a que ata un 20% da uva de Xerez quedase sen recoller.

Precisamente, un dos obxectivos de Francisco García como novo presidente do Consello Regulador é que a Xunta de Galicia aprobe un incremento dos rendementos máximos autorizados e que estes varíen en función de se o viñedo está en ladeira ou en val.

Cales son os obxectivos que che marcas para a túa presidencia á fronte do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras?
Asúmoa como unha gran responsabilidade co sector. Aínda que son de familia de viticultores, a miña profesión centrouse no sector bancario. Os meus compañeiros propuxéronme asumir a presenza, recibín o apoio maioritario do Consello Regulador e aceptei este compromiso.

A túa elección veu precedida dun enfrontamento co anterior presidente da Denominación de Orixe, Vicente Solarat. ¿Que pasos estás a dar para retomar o diálogo e buscar o consenso?
O noso lema é transparencia e diálogo e seguir apostando pola variedade Godello, que é o noso buque insignia. Creo que estamos todos no mesmo barco e debemos remar todos na mesma dirección. Máis que conflito, falaría de distintos puntos de vista dentro do Consello Regulador, nada máis. No órgano regulador estamos presentes nove membros e simplemente o que ocorreu foi que se lle retirou a confianza a unha persoa para darlla a outra.

De momento, no mes e algo que levo á fronte da Denominación fomos á feira de Prowein, en Alemaña, e proximamente asistiremos a Alimentaria, en Barcelona, e continuaremos acudindo a promocionar o viño de Valdeorras en Londres. Esta semana iniciarei unha rolda de contactos con todas as adegas para buscar o consenso dentro do Consello Regulador.

Nos últimos anos as adegas privadas eran as que maioritariamente recollían as uvas de variedades autóctonas, mentres que as cooperativas facíano coas foráneas, as de menor prezo Deberíase limitar a produción das variedades foráneas e seguir primando as variedades autóctonas?
Parto de que todas as uvas que se producen nos viñedos acollidos á Denominación de Orixe Valdeorras hai que recollelas, ben sexa por parte das adegas ou por parte das cooperativas.

“Non debe quedar uva sen vendimar nas viñas”

Acórdome cando era neno que viñan a Valdeorras os arrieiros de Carballo e da Coruña e non quedaba unha uva nas cepas. Creo que hai que aumentar os rendementos autorizados e diferencialos por zonas porque non é o mesmo a produtividade das viñas nas ladeiras que nos vales. A calidade en xeral é excelente e o viño véndese polo que non debe quedar uva sen vendimar nas viñas.

Neste sentido, o pasado ano houbo expedientes sancionadores por parte da Consellería do Medio Rural a un bo número de viticultores de Valdeorras por entregar máis cantidade de uva da declarada. En que quedaron estas sancións?
Creo que a solución está en aumentar os rendementos autorizados polo Consello Regulador pois pola contra esta situación volverá repetir e volverá haber excedentes. Recorremos as sancións, que quedaron en 0,13 euros de multa por quilo entregado de uva a maiores, e o Consello Regulador volverá recorrer ata que a multa quede a cero.

Necesitamos uns rendementos reais, cun censo de todas as viñas da Denominación Valdeorras xa que os limites actuais non se corresponden coa realidade de potencial produtor das viñas.

Actualmente os límites de produción por hectárea na DO Valdeorras son de 10.000 e 12.000 quilos por hectárea para as variedades autorizadas e preferentes, respectivamente Que novos límites de produción propón?
Acabamos de solicitarlle á Consellería do Medio Rural un incremento dos rendementos máximos autorizados. En concreto, para as variedades preferentes, pedimos que se eleve a un máximo de 12.000 quilos de uva por hectárea para as variedades Mencía e Godello e 15.500 quilos para as variedades autorizadas Xerez e Alacante. Trasladamos esta petición á Xunta de Galicia e agora esperamos a súa decisión.

 “Ata febreiro do próximo ano non creo que haxa eleccións ao Consello Regulador”

Unha das materias pendentes do Consello Regulador é lograr a acreditación de ENAC…En que fase se atopa?
ENAC someteu ao Consello Regulador a unha auditoría e nestes momentos estamos en fase de corrección das deficiencias detectadas. Esperamos conseguir a certificación ENAC canto antes, supoño que este ano.

Celebraranse eleccións en xuño no Consello Regulador?
As eleccións van ao ritmo que marque o goberno da Xunta de Galicia. Neste sentido, creo que non haberá eleccións ao Consello Regulador ata febreiro do próximo ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información