“Os lagares rupestres demostran que hai 2000 anos Galicia xa producía viños de calidade”

Entrevista a Luis e Alejandro Paadin, autores de “As pedras que facían viño”, o primeiro estudo sobre os lagares rupestres de Galicia. Cóntanos como descubriron estas estruturas, algunhas delas da Idade do Bronce, que “demostran que as mellores zonas para producir viño hai 2.000 anos, seguen sendo as de hoxe”

Publicidade
“Os lagares rupestres demostran que hai 2000 anos Galicia xa producía viños de calidade”

Luis Paadín e Alejandro Paadín nun lagar rupestre.

Luis Paadín e o seu fillo, Alejandro, son os autores de “As pedras que facían viño”, o primeiro estudo sobre os lagares rupestres de Galicia, onde ofrecen unha guía polos arredor de 60 que descubriron ata o e agora. Cóntanos a historia destas estruturas, algunhas delas da Idade do Bronce, e que “demostran que as mellores zonas para producir viño hai 2.000 anos, seguen sendo as de hoxe”

¿Que é un lugar rupestre e de que época datan?
Os lagares rupestres son bases de prensas para o esmagado (pisado) da uva ou outro froito (oliva, mazá, amora) escavadas en afloramentos de rocha natural. Lamentablemente, a acidez do chan en Galicia non permite estudos de pole ou de pebidas asociados, e non se pode precisar a súa datación. Porén, os estudos de estratificación no lagar rupestre do Castro de Santa Lucía, en Castrelo de Miño (dirixidos por Fermín Pérez Losada, profesor titular de Arqueoloxía da Universidade de Vigo) sitúa o seu abandono nos séculos I a III da nosa era, polo que serían anteriores.

Así mesmo, os estudos arqueolóxicos dos existentes en Portugal poderían situar as orixes destes na Época Romana; outros seguramente da alta idade media, un par deles con toda probabilidade da baixa idade media e os máis primixenios, atendendo ás súas estruturas e a unha contorna con abundantes gravados rupestres, poderían ser de orixe castrexa e datarse a finais da Idade de Bronce, pero non existen probas concluíntes.

En moitos deles aprécianse as distintas adaptacións ás novas tecnoloxías, pasando dun simple sistema de pisado a un prensado de pórtico, con adaptacións máis recentes a prensas de trabe. En breve os traballos arqueolóxicos no “Castro do Muro da Cidade”, en Medeiros (Monterrei) axudarán a datalos.

¿Como xurdiu o voso interese por investigar estas construcións?
Mentres estudaba o Máster en Viticultura e Enoloxía na UdeV, lin na “biblia” da viticultura, o “Tratado de viticultura general” de D. Luis Hidalgo, pai de Pepe Hidalgo, excelente enólogo e amigo, unha referencia sobre a existencia dun posible lagar de orixe romana na bisbarra de Monterrei.

 “Os lagares máis antigos xa eran empregados polos castrexos”

O seu coñecemento desatou en nós a ilusión pola busca do que entendiamos como a proba evidente da milenaria tradición vitivinícola de Galicia. Ata ese momento todo o que atoparamos en distintas publicacións eran “corta e pega”; todas facendo alusión aos textos de Estrabón (64-23 a.n.e.) na súa obra “Xeografía sobre os antigos poboadores de Galicia”. Antes de dar por verdade absoluta o escrito polo historiador, cómpre que consideremos que foi escrito durante o mandato de Augusto, e este proclamou a eliminación de Gallaecia da historia unha vez que foi conquistada; tampouco é de pouca importancia que o propio Estrabón nunca visitase a península Ibérica. A historia case sempre a escriben os vencedores. Decidimos investigar máis sobre o tema  e ir a buscalos, levounos anos atopar o primeiro. Unha vez localizado, comezaron a aparecer moitos máis no entorno ata que fai 6 anos, tiñamos 13 estruturas só na comarca de Monterrei.

¿Onde adoitaban estar situados e como solían estar construídos?
Atópanse en zonas onde a altitude, orografía e clima son propicios para o cultivo da vide. Moitos deles están situados nos actuais lindes de viñas. Ao contrario de como acontece noutras zonas, aquí sempre se localizan nas inmediacións de antigas poboacións castrexas ou de vilas romanas. Ata a data localizamos e asignamos coordenadas a 60 estruturas, entre lagares e lagaretas, e temos constancia de, polo menos, a existencia dunha vintena máis. Os afloramentos de rocha natural (case sempre granito) que se atopaban entre as viñas eran as superficies utilizadas para a creación dos lagares rupestres.

¿Como era o proceso de elaboración do viño nestes lagares de pedra?
As construcións máis primixenias parten dun labrado na superficie da rocha para o pisado directo dos froitos, pero coa evolución tecnolóxica comezan a construírse sistemas de prensado máis complexos (prensas de trabe e de pórtico) para posteriormente edificar adegas sobre as rochas e así poder fermentar no propio viñedo.

“Xa localizamos 60 e temos constancia de polo menos outros 20”

Nos primeiros lagares, buscábase a extracción do mosto a través do pisado ou prensado das uvas no “calcatorium”, mosto que se desprazaba ata o “lacus” onde se recollía para fermentar máis adiante na adega. Co posterior levantamento de muros de fermentación nos “calcatorium, puideron comezar a fermentar directamente no viñedo e facer así viños tintos” (ata entón tan só poderían facer branco ou claretes).

¿En que zonas de Galicia se están a localizar? ¿Sorprende que haxa tantos?
Estamos a localizar lagares rupestres en tódalas DD.OO. de Galicia, o que indica que as rexións onde mellor se dá a viticultura hoxe en día son as mesmas dende fai 2.000 anos. Esto é moi importante á hora de establecer un discurso de identidade vitivinícola que perdemos coas grandes pragas que asolaron os viñedos galegos e que se está a recuperar nas últimas décadas.

Galicia históricamente foi produtora de viños de calidade, non só para autoconsumo, senón tamén para a súa comercialización internacional.

 “Os lagares rupestres demostran que hai 2000 anos Galicia xa producía viños de calidade”

¿Por que razón se localizan especialmente na comarca de Monterrei?
Non sabemos se a entrada da viticultura veu de mans dos romanos ou é anterior, pero parece bastante evidente que a súa implantación como industria si. A romanización da Gallaecia comezou polo sureste dende o Douro, e seguramente atoparon en Monterrei as condicións perfectas para a plantación da vide. De aí a proliferación dos lagares rupestres nesta comarca.

Dos lagares que viches ata agora, ¿Cales te chamaron máis a atención?
Cada un ten a súa propia historia e todos aportan información fundamental neste proxecto, ben pola situación, estrutura ou tamaño.

Quizás destacamos o de A Carreira Blanca (Monterrei) como un dos máis interesantes xa que na súa base pode apreciarse a transformación tecnolóxica do lagar durante os séculos: 1º vans para pisar a uva; 2º vans para prensar a uva; 3º vans para fermentar a uva. Tamén é moi relevante o lagar de O Carballal (Arzán, en Oímbra) situado a 818 metros de altitude, polo que chegaban a plantar viñedos a 100 metros máis de altitude do que os atopamos hoxe na zona. E non nos podemos esquecer do de Santa Lucía (Castrelo de Miño) no Ribeiro, fundamental para apuntalar a teoría da súa orixe (como mínimo) romana.

LAGAR_RUPESTRE_PAADIN_3¿Tedes probado viño elaborado nun lagar rupestre? ¿Confírelle algunhas características diferenciais ao viño?
Nos que puidemos probar (feitos en Cataluña e no norte de Portugal), si que atopábamos algúns matices de terracota e de salsío, similares aos que se poden atopar en viños con crianza ou vinificación en tinallas de barro. Pero as variacións entre as variedades, a climatoloxía, o solo e quen vinifica, fai difícil extraer conclusións moi precisas no seu aporte enolóxico.

De tódalas formas, o prensado e fermentación nestas estruturas non varía moito do que facían os nosos avós fai 60 anos en lagares de obra feitos en pedra; o máis importante é a mensaxe histórica que nos están a contar.

¿Considerades viable volver recuperalos para facer viños de autor, tal e como sucede coas tinallas ou cos depósitos de formigón?
É complicado. Sabemos que se está a facer noutras zonas, pero os lagares rupestres supoñen un patrimonio colectivo. Son un sinal da nosa identidade como pobo e os vínculos milenarios coa nosa terra. Calquera manipulación inxustificada nestas estruturas pode supor o borrado dunha liña da nosa historia.

O doado sería elaborar viño nalgún deles, e comercializalo como “de autor” para poder chegar a un nicho de mercado, pero o primeiro que deberíamos facer é estudalos a fondo, coñecer todo o que teñen que contar e utilizalos como un reclamo turístico, ese é o seu valor agora. Hoxe en día non precisamos os lagares rupestres para facer viño neles, temos suficientes ferramentas enolóxicas para facer viños de gran calidade.

Neste senso, a opción quizás máis interesante é a de recuperar algún dos lagares (ben estudado) para facer un viño colectivo que sirva como produto promocional.

 “Os lagares rupestres son un sinal da nosa identidade e poden ser utilizados como reclamo turístico”

¿Quedan aínda lagares rupestres por descubrir en Galicia?
Moitos. Temos constancia por testemuños escritos e orais da presenza de más de 20 lagares rupestres a maiores dos atopados. A súa situación entre a maleza e a falta de accesos dificulta a súa identificación, pero durante os próximos meses e anos, seguiremos na pescuda de todos e cada un deles para conseguir montar o puzzle do noso pasado vitivinícola.

Este patrimonio ¿Está debidamente protexido? ¿Podería ser un recurso de turismo enolóxico?
Estanse a facer cousas. Cando comezamos fai máis de 6 anos, a protección administrativa era nula por ignorancia, descoñecían a súa existencia; hoxe recoñecen o seu valor patrimonial e turístico. Estamos a traballar con sector público e privado na busca dos mellores sistemas de promoción e divulgación dos lagares rupestres como dinamizadores do rural e da imaxe de cara ó exterior. O libro “As Pedras que facían Viño”, é só a materialización da primeira fase dun proxecto que polo de agora ten 6 anos, pero que aínda lle queda moito camiño por percorrer.

¿Algo máis que queirades engadir?
Para nós é imprescindible recoñecer, como facemos en tódolos actos públicos, a aquelas persoas sen as cales nunca atoparíamos os lagares. Eles e elas son quen mellor coñecen os nosos montes e cada unha das pedras que hai neles: Eduardo Castro, o veciño de Monterrei que maior número de lagares rupestres de Galicia nos amosou; M.ª del Carmen Pérez e Sonia Zarraquiños, veciñas de Oímbra, as dúas mulleres que nas orixes deste traballo nos guiaron aos primeiros lagares; Claudio Álvarez e Manuel Gómez tamén de Oímbra; Manuel Losada de Allariz; de Andrés Sampedro de Ponteareas; Horacio Paz de Castrelo do Miño; Modesto Martínez e Antonio Míguez de Ribadavia; Julio Carreiro de Beade; o bodegueiro Pío Domínguez da Pobra de Trives; Estanislao Fernández de la Cigoña de Pontevedra…

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información