O grupo galego Terras Gauda compra unha adega na Rioxa

O grupo galego Terras Gauda compra unha adega na Rioxa

Rolda de prensa dos directivos de Terras Gauda

O Grupo Terras Gauda desembarca na Rioxa coa toma de participación do 75% da adega de Alfaro Finca EGOMEI, o que supón a culminación da súa estratexia de expansión e un importante pulo á súa consolidación como un dos principais grupos adegueiros de España.

A incorporación da adega da Rioxa, situada nunha leira de 110 hectáreas de superficie, materializouse por encaixar na súa filosofía empresarial e tratarse dun proxecto axustado aos obxectivos de Terras Gauda, matriz do grupo, do que tamén forman parte Pittacum (D.O. Bierzo) e Quinta Sardonia (Sardón de Duero), adegas coas que iniciou o seu plan de expansión.

Esta incorporación achega un importante valor engadido a Terras Gauda, e contribuirá a mellorar a súa competitividade ao incrementar o seu portfolio de viños, o que lle permitirá chegar a novos segmentos do mercado.

Adega de Alfaro con capacidade para elaborar 400.000 litros

Dotada cun importante equipamento e cos últimos avances para a elaboración de viños “premium”, a singularidade áchase na propia adega, construída sobre uns antigos hangares de aviación, por iso é polo que a superficie construída é duns 2.500 metros cadrados. A capacidade actual de elaboración e transformación de uva da nova adega da Rioxa do Grupo Terras Gauda é de 400.000 litros, con posibilidade de duplicar a produción. As 110 hectáreas de terreo contan con plantación de viñedo, oliveiras e árbores froiteiras.

O desembarco Terras Gauda como principal accionista vai supor un forte impulso ao posicionamento da adega de Alfaro, que se vai a incorporar ás consolidadas canles de distribución do grupo tanto a nivel nacional como internacional. O 25% das accións restantes continúan sendo propiedade dos antigos socios. O acordo entre as partes, concretado mediante unha ampliación de capital, inclúe expresamente a confidencialidade dos termos económicos.

Terras Gauda ten previsto aplicar na Rioxa a mesma filosofía empresarial das outras tres adegas deseñando unha nova imaxe de marca que transmita estes valores: elaboración de viños de marcada singularidade e personalidade, únicos e diferentes, nos que se identifica a orixe e están ligados ao terrón.

En paralelo á súa estratexia de expansión e diversificación, o Grupo Terras Gauda desenvolve un destacado plan de internacionalización, que lle permitiu mellorar o seu posicionamento internacional en 2017 logrando presenza en 60 mercados. Tamén incrementou de forma notable as súas vendas no mercado interno.

No exterior, China, Estados Unidos, Reino Unido, Nova Zelandia, Noruega, México, Alemaña e Holanda son os mercados de referencia. Nos últimos meses captáronse 4 novos mercados: Sudáfrica, Illas Bermudas, Uruguai e Guatemala e pecháronse novos acordos de distribución en Rusia, Colombia, Bélxica, Alemaña, Dinamarca, China e Xapón. Terras Gauda comercializa 1,5 millóns de botellas, das que destina a exportacións un 24%; Pittacum elabora 290.000 botellas, exportando o 42%, e Quinta Sardonia elevou a súa produción ata as 136.000 botellas, das que o 70% dedícase á venda no exterior.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información