Martín Códax, o albariño que presume de orixe

A adega cooperativa, que agrupa a 270 socios, triunfa no mercado cun marketing baseado en comunicar o seu coidado da calidade desde os viñedos do Salnés ata o produto final

Publicidade
Martín Códax, o albariño que presume de orixe

Vendima de viticultores de Martín Códax. / Imaxes: Martín Códax.

A cooperativa Martín Códax naceu case como un acto de fe. Era o ano 1986 e un grupo de viticultores que sumaba pouco máis de 100.000 quilos de uva xuntouse para facer unha adega, coa que traballar en conxunto de xeito profesional. “Daquela podíase pensar que a cooperativa non era moi necesaria porque vendíase todo canto se producía, pero sabíase que a denominación ía medrar e estes viticultores viron que coa cooperativa podían ter un mellor futuro”, lembra o actual director xeral de Martín Códax, Juan Vázquez Gancedo.

A adega conta na actualidade con 270 socios e supera os 5 millóns de quilos na vendima. A súa produción, que ronda os 3,5 millóns de litros de viño, expórtase a 40 países. As claves do éxito sitúaas Juan Vázquez na idea inicial do proxecto, “cando non existía nin a uva nin o viño”, e na creación dun posicionamento diferencial en base a unha boa marca, Martín Códax, que colle o nome dun trovador medieval galaico-portugués.

vendima martín codax

A cooperativa caracterizouse desde o seu inicio por ligar a marca coa cultura galega. Primeiro co patrocinio dun premio de poesía e dun grupo de música antiga e na actualidade cunha liña de traballo centrada na organización de ciclos de concertos e na promoción da música galega emerxente, por medio dos Premios Martín Códax da música.

Viño de viticultores
Outro dos eixos de comunicación da adega busca trasladarlle ó consumidor o coidado da calidade do produto desde as viñas do Salnés ata a botella. A cooperativa, con sede en Cambados, foi afondando nos últimos anos na liña de contar como traballan nos viñedos os seus viticultores socios e os seus técnicos.

“O viño antes tiña un carácter aspiracional e predominaba a imaxe do viño caro, pero o consumidor cambiou” (Juan Vázquez)

“Presumimos de orixe”, explica o director xeral da adega, Juan Vázquez. “Antes o consumidor cando buscaba un viño quería ter un ‘marqués’ ou un ‘pazo’ na súa mesa. O viño tiña un carácter aspiracional e no sector predominaba a imaxe do viño caro, pero cando comezou a crise démonos de conta de que o consumidor estaba cambiando”, sinala o director xeral de Martín Códax. “Rematouse o de presumir de viños caros e comezou a valorarse o viño polo que levaba a botella dentro. Agora temos un consumidor máis informado”, conclúe.

Foi entón cando a adega incidiu no seu valor diferencial. “Vimos que era o intre de contarlle ó consumidor que nós somos viticultores, que o viño que bebe é das nosas uvas e que podemos explicarlle como foi a vendima ou como nos preocupamos por coidar a calidade dos nosos viños desde o viñedo”, apunta Juan Vázquez.

“Vimos que era o intre de contarlle ó consumidor que nós somos viticultores e que o viño que bebe é das nosas uvas”

O propio director xeral da adega é a súa vez viticultor. Cando Juan Vázquez se incorporou a Martín Códax, a mediados dos anos noventa, procedente de multinacionais do sector agroalimentario, decidiuse a plantar o seu propio viñedo. “Os inicios foron duros porque comecei desde cero e pasaron anos ata que se equilibraron ingresos e gastos, pero se penso na balanza de satisfaccións, non hai nada comparable a cando fun á cooperativa entregar a miña primeira colleita, 60 quilos de uva”, lembra.

Incorporación ós viñedos
Nunha xornada organizada estes días pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), orientada a fomentar a incorporación de persoas mozas ó agro, Juan Vázquez animou ó público, moitos deles estudantes de ciclos agrarios a ver no agro un futuro.

“Non hai satisfacción comparable á que sentín cando fun á cooperativa a entregar a miña primeira colleita, 60 quilos”

“Antes da crise, en Martín Códax chegou un punto no que tivemos que crear unha empresa de servizos agrarios porque os viticultores non tiñan quen traballase a viña, xa que os fillos estaban fóra. Nos últimos anos, moitos volveron, entre outras cousas porque déronse de conta de que co viñedo teñen unha posibilidade de vida moi digna, cun traballo gratificante e co seu tempo libre. A min sempre me chamou a atención ver que noutros países a xente presume de ser agricultor. Aquí non ten porque ser distinto”, conclúe.

Os viñedos de Martín Códax sitúanse na comarca do Salnés.

Os viñedos de Martín Códax sitúanse na comarca do Salnés.

Viticultura de precisión para coidar a calidade

O minifundio é un dos hándicaps que presentan os viñedos do Salnés. As 380 hectáreas con que conta a adega, 300 dos viticultores socios e 80 propias, repártense en 3.500 parcelas. Esa dispersión levou a que os técnicos optasen para a xestión do viñedo pola toma de datos aérea, ben a través de voos tripulados, ben a través de drons.

A estratexia estase a demostrar eficaz, pois obtéñense datos como o vigor de cada parcela ou os niveis de estrés hídrico, a partir dos que os técnicos deciden a fertilización, poda ou rego de cada parcela. Os drons e os voos tripulados tamén posibilitan a clasificación da vendima, de xeito que se agrupan as uvas de características e calidades similares, asentando unha boa base para o posterior traballo na adega.

“É certo que temos minifundio e que estamos afastados dos grandes mercados, pero temos fortalezas para gañar”, sinala Juan Vázquez.

Juan Vázquez, director xeral de Martín Códax.

Juan Vázquez, director xeral de Martín Códax.

Catro pasos, o viño do oso

O traballo inicial de Martín Códax na denominación de orixe Rías Baixas ampliouse nos últimos anos a outras dúas denominacións, a de Monterrei, onde a adega conta con 60 hectáreas propias, e a do Bierzo, onde produce un mencía baixo a marca Catro pasos. A orixe da marca Catro Pasos exemplifica a liña de compromiso social que tamén se esforza en transmitir a cooperativa.

“O consumidor quere marcas responsables, comprometidas e humanas”

Na busca de viñedos de montaña no Bierzo para o novo proxecto, o equipo de Martín Códax atopouse nunha das viñas con catro pegadas de oso, unha especie en perigo de extinción na zona. A adega decidiu desde entón involucrarse de cheo na conservación do oso, para o que colabora en iniciativas como a plantación de frutais ou a instalación de colmeas experimentais, nas que o oso poida recoller o mel sen causarlle danos ás abellas e á propia colmea.

As árbores frutais plantadas, que nun futuro lle proporcionarán alimento ós osos, serven tamén para que a marca reduza a súa pegada de carbono, pois compensa así a emisión de gases de efecto invernadoiro derivada da produción e transporte do viño. “O consumidor quere marcas comprometidas, responsables e humanas”, conclúe o director xeral de Martín Códax.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información