LevinRed, cosmética natural elaborada con viño do Ribeiro

Patricia Rodríguez e Sofía Ferreiro decidiron aproveitar os excedentes do viñedo familiar para pór en marcha un proxecto centrado nos cosméticos naturais elaborados a base de viño. Coñecemos máis desta iniciativa innovadora e apegada ao rural

LevinRed, cosmética natural elaborada con viño do Ribeiro

Patricia Rodríguez e Sofía Ferreiro, impulsoras da liña de cosmética natural LevinRed, con algúns dos seus produtos.

Din que os momentos de crises son o xerme perfecto para reinventarse e atopar novas oportunidades, Patricia Rodríguez e Sofía Ferreiro, as impulsoras da firma de cosméticos naturais LevinRed, dan boa conta diso. Atravesaban unha mala época profesional, en traballos moi diferentes, cando estas dúas apaixonadas da cosmética decidiron valorar outras opcións máis apegadas ás súas orixes e combinar o viño coa súa paixón para crear LevinRed, unha liña de produtos cosméticos elaborados a base de viño.

Decidiron crear os seus cosméticos naturais a base do viño que elaboraban nun viñedo familiar de Leiro

Fillas de emigrantes galegos, regresaron á terra dos seus pais e dos seus avós, e puxeron en marcha unha iniciativa que comezaron a argallar xa no 2014. “Levounos moito tempo desenvolver e afianzar as bases do proxecto, por iso até 2017 non constituímos a empresa, pero en xullo dese mesmo ano xa saímos ao mercado”, explica Patricia Rodríguez.

Así foi como comezou a funcionar LevinRed, pero a idea xurdira anos atrás nunha colleita abundante de viño do viñedo familiar que teñen en Leiro (Ourense), en pleno corazón do Ribeiro. “Ese ano tivemos unha colleita moi boa e foi cando valoramos aproveitar o viño dalgunha maneira. Pensamos entón en utilizar as propiedades antioxidantes do viño, grazas aos polifenoles da uva, para elaborar cosmética natural”, comenta Patricia.

Levinred-Vendimia-

A vendima segue a facerse ó xeito tradicional e tentan reducir ó máximo os tratamentos no viñedo.

Un viñedo tradicional

Durante anos, a familia de Patricia coidara un viñedo familiar que é agora a base dos cosméticos de LevinRed. “A maioría de firmas de cosmética extraen directamente os polifenoles da uva, nós en cambio decidimos utilizar o viño”, concreta Patricia. Esa é precisamente un sinal de identidade dos seus produtos, xa que cada un dos cosméticos leva unha importante cantidade de viño.

Contan cunhas 1.500 cepas con variedades como Caíño, Brancellao, Tintilla ou Ferrol das que elaboran o seu viño

O coidado do viñedo, do que procede o ingrediente principal da súa cosmética, é unha tarefa fundamental. “Esmerámonos todo o ano en coidar do viñedo e procuramos que todo siga sendo o máis tradicional e natural posible”, comenta.

Contan cunhas 1.500 cepas de distintas variedades de uva como Caíño, Alicante, Brancellao, Tintilla ou Ferrol. Con elas, adoitan elaborar entre 1.500 ou 2.000 litros de viño. Apenas utilizan tratamentos fitosanitarios para o coidado do viñedo co fin de conseguir un produto o máis natural posible e a vendima segue sendo unha tarefa familiar e veciñal. “A vendima é un dos momentos que máis nos gusta porque seguimos reuníndonos en familia para colaborar, de maneira que unha vez que terminamos coa nosa toca axudar ao resto”, indica Patricia.

O viño segue o procedemento habitual baixo as indicacións dun enólogo para lograr a calidade que precisan e que queren transmitir aos seus cosméticos. Unha vez que teñen o viño, o laboratorio Iuvenor Lab, do Carballiño, encárgase de elaborar os distintos produtos. “Tamén tardamos en atopar un laboratorio que comprendese ben a nosa filosofía de traballo e co que conseguir un produto natural e que tivese todas as propiedades do viño”, detalla.

Produtos-LevinRed-

Algúns dos produtos cosméticos que teñen agora mesmo no mercado, todos eles elaborados a base de viño.

Unha gama de produtos en aumento

Comezaron elaborando unha crema hidratante, logo foi quenda dun xabón exfoliante. “Empezamos a ver que os nosos clientes tamén nos demandaban un produto máis concreto para o coidado da pel, por iso sacamos o serum”, lembra Patricia.

No último mes sacaron ao mercado o seu último produto, un labial, do que xa venderon máis de 1.500 unidades

Hai pouco máis dun mes sacaron ao mercado o primeiro labial elaborado con viño tinto e xa esgotaron existencias. “Sempre sacamos unha primeira produción de 1.500 unidades, e en boa parte dos nosos produtos xa imos pola segunda remesa”, concreta.

Nestes momentos atópanse xa traballando en novos produtos como un contorno de ollos, un peeling corporal, así como unha crema corporal que agardan saian ao mercado no próximo ano.

Abrirse pasos no mercado latinoamericano

Estas emprendedoras decidiron comercializar os seus produtos en puntos concretos que reivindiquen o coidado especializado e natural. Desta forma, os seus produtos véndense en exclusiva en determinados centros especializados de cosmética ou balnearios de cidades e vilas galegas como Santiago, Ourense, Pontevedra, Nigrán, Cambre ou Ponteareas así como noutros puntos da xeografía española como Madrid, Barcelona ou Marbella.

Comercializan os seus produtos en Suíza e ultiman os preparativos para vender en Latinoamérica

Aos poucos estanse abrindo camiño tamén no mercado internacional, e a súa cosmética está presente xa en Suíza da man dunha tenda especializada en produtos galegos. “A marca Galicia é moi valorada fóra das nosas fronteiras pola calidade dos produtos pero aquí aínda custa que a xente o aprecie”, recoñece.

Nos últimos meses iniciaron unha nova expansión dos seus produtos cara ao mercado latinoamericano onde esperan ter presenza en breve na República Dominicana, así como en México ou Florida. “América Latina é un mercado que nos interesa especialmente pola importancia que o mundo da cosmética ten alí e polo que valoran os produtos naturais”, concreta Patricia.

Parte dos viñedos cos que elaboran o viño que empregan nos cosméticos.

Parte dos viñedos cos que elaboran o viño que empregan nos cosméticos.

Xunto ao mercado latino, tamén deron os primeiros pasos para adentrarse no xigante asiático aínda que recoñecen que “custa moito entrar en China e son procesos que van moi amodo”.

Ademais das vendas en tendas físicas, optaron desde un principio por comercializar os seus produtos a través da tenda online. “Agora mesmo, as nosas vendas repártense e están equiparadas entre as tendas físicas e a venda a través da nosa páxina web”, detalla.

Unha oportunidade para o rural

Nestes 2 anos de traxectoria, LevinRed xa cultivou algúns recoñecementos como o Premio Mozos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que recibiron apenas un ano despois da súa posta en marcha. “O premio permitiunos, sobre todo, contar cunha contía económica para mellorar a nosa plataforma dixital e afianzar que estamos no bo camiño”, indica a emprendedora.

“Nós non somos exemplo de nada pero si queremos ser inspiración para quen baralle asentarse no rural”

Patricia lembra que, no seu caso, non puideron optar a ningún tipo de axuda e a falta de financiamento e a demora nas tramitacións burocráticas foron os maiores obstáculos que atoparon. “Nós non somos exemplo de nada pero si queremos ser inspiración para aqueles que barallen asentarse no rural, porque hai posibilidade de sacar adiante proxectos novos que respecten a tradición e que ofrezan un medio de vida e á vez eviten o abandono”, reivindica.

A curto- medio prazo, o obxectivo destas emprendedoras non é só afianzarse no mercado e incrementar a súa gama de produtos, senón crear emprego no rural. Agora, a súa actividade inflúe nunha trintena de postos indirectos. “Gustaríanos contribuír a seguir creando futuro no rural”, destacan desde LevinRed.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información