Insisten na necesidade de renovar os tratamentos contra o Mildeu en viñedo

Publicidade
Insisten na necesidade de renovar os tratamentos contra o Mildeu en viñedo

Mildeu en pámpano, acio e peciolo. Foto: Estación do Areeiro

Rías Baixas

Na Denominación de Orixe Rías Baixas a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este venres o seguinte aviso fitosanitario:

Mildeu:
Debido ás condicións climáticas rexistradas, moi favorables ás infeccións secundarias en todas as comarcas desde o día 6 (temperaturas nocturnas que alcanzaron valores próximos aos 15-16 ºC e humidade relativa moi elevada xunto a humidade foliar), nesta semana visitamos non só as nosas parcelas de seguimento senón outras de todas as zonas. Vimos novas manchas en todas elas independentemente da variedade, e algunhas mesmo presentaban danos en acios e pámpanos. Ademais, incluso as manchas máis incipientes xa presentaban esporulación. A maior incidencia de enfermidade atopámola na comarca do Condado, con síntomas no 100% das parcelas visitadas e unha frecuencia de ataque moi variable, desde o 5% de plantas sintomáticas ata o 80%. No extremo contrario situouse O Salnés, onde nas parcelas visitadas a incidencia era, en xeral, moi baixa (mesmo na nosa parcela de Castrelo vimos só unha mancha).

A partir de domingo ou luns as previsións anuncian elevada probabilidade de precipitación e temperaturas suaves, polo que a nosa recomendación é a mesma da semana anterior, é dicir, renovar os tratamentos a menos que xa se fixese e se constatase a súa eficacia.

Insistimos na importancia de confirmar a eficacia dos tratamentos, xa que nela poden influír múltiples factores controlables (adecuada preparación do caldo, dose correcta, maquinaria de tratamentos en bo estado…) e outros que non se poden controlar en igual medida (aplicación no momento idóneo, por exemplo)

Oídio:
A pesar de rexistrarse néboas locais, condicións favorables á enfermidade, as precipitacións que se intercalaron con elas non lle resultan convenientes. En consecuencia o risco de aparición de novos síntomas non foi tan elevado como podería esperarse segundo a fenoloxía da planta, e así o comprobamos en todas as comarcas, onde non atopamos presenza do fungo.

Botrite:
A elevada humidade destes días dificultou nalgunhas parcelas o desprendemento dos capuchóns florais, e de forma puntual detectamos acios afectados polo fungo. A súa escasa presenza e o momento da campaña en que nos atopamos non xustifican a realización dun tratamento nestes momentos, a pesar de que este é un patóxeno difícil de controlar unha vez instalado. Recomendamos controlar a evolución dos síntomas onde estean presentes para valorar a conveniencia de tratar no caso de que a sintomatoloxía se estenda.

Black Rot:
Nas nosas parcelas de seguimento non atopamos novos síntomas a pesar de que a climatoloxía continúa favorable. En canto a outras leiras visitadas, só algunhas do Condado presentaban enfermidade, cunha incidencia similar á das parcelas da nosa rede (apenas un 5% de plantas afectadas, e con só algunhas follas sintomáticas). Manter a vixilancia.

Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras

As choivas esporádicas entre os días 6 a 8 deixáronos unha humidade, aínda que feble, suficiente para que o Mildiu pasara por uns días con condicións óptimas para o seu desenvolvemento. Isto deu lugar á aparición de focos afectados polo fungo nos viñedos, incluso a nivel do acio, polo que se debe extremar o control.

Co comezo da floración nas próximas datas temos que prestar atención especial á Botrite, xa que os órganos florais do viñedo son moi sensibles, neste estado fenolóxico, no caso en que se produzan precipitacións.

Coidados culturais:
É importante manter as plantas ben ventiladas e aireadas, máis se cabe en floración, tanto a nivel do pé como en altura, co obxecto de reducir todo o posible a humidade ao redor da cepa e facilitar a acción dos caldos fitosanitarios aplicados, polo que é moi importante eliminar os netos a nivel do acio e controlar as malas herbas.

Recomendacións:
No caso de non ter cuberto o viñedo co tratamento funxicida oportuno nos últimos 7-9 días, dependendo da zona, débeselles aplicar agora un preparado fitosanitario de acción sistémica, penetrante ou cuticular con acción curativa. En todo caso, é sempre importante comprobar en campo a eficacia dos tratamentos realizados. Xunto co anterior recoméndase a aplicación dun funxicida con acción sobre Oídio para evitar os riscos de contaminación.

Por último, recórdase a importancia dunha boa calibración e regulación da maquinaria de tratamentos fitosanitarios para obter a eficacia esperada e para reducir a deriva das aplicacións fitosanitarias.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información