A Fruga esíxelle á Xunta axudas para os viticultores do Ribeiro afectados pola saraiba

A Fruga esíxelle á Xunta axudas para os viticultores do Ribeiro afectados pola saraiba

Viñedo no Ribeiro danado pola saraiba.

A Federación Rural Galega (Fruga) esíxelle á Consellería do Medio Rural que se reúna coas organizacións agrarias para acordar liñas de axudas aos viticultores, neste caso do Ribeiro, afectados pola saraiba deste domingo.

“Despois das xeadas de abril viñeron os incendios do verao, e xa para rematar de acabar con todo, este fin de semana chegou o pedrazo que afectou a distintas zonas do Ribeiro o que vai provocar que este ano practicamente non se poda vendimar nin un só acio, co que a perda, nalgúns casos, pode ser total”, advirten dende a Fruga.

Neste sentido, a organización agraria esixe a celebración da reunión prometida xa no mes de maio pola Consellería do Medio Rural para tratar a situación dos sectores afectados polas calamidades climáticas deste ano (xeadas, seca e agora saraiba), un encontro que non se chegou a producir.

Fruga: “Hai zonas no Ribeiro nas que este ano non se vai vendimar nin un só acio”

Así, Xurxo Álvarez, presidente da Fruga e viticultor do concello de Cenlle e afectado tanto polas xeadas de abril como polo pedrazo de agosto lamenta que “o ensimesmamento e o autismo da conselleira lle impida ver as graves dificultades polas que están pasando moitos e moitas agriculturas por causa das distintas adversidades climáticas”,

Ademais, deplora o que considera “incapacidade ou a recusa, desta responsábel política, a manter un mínimo diálogo coas organizacións agrarias co fin de procurar solucións a todos estes problemas”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información