Fréanse as infeccións de Mildeu nos viñedos

O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro sinala a necesidade de vixiar as plantas, nas que se detectan ácaros e alteracións da madeira. Nas plantacións de patacas é preciso renovar os tratamentos de non levantarse nos vindeiros días

Fréanse as infeccións de Mildeu nos viñedos

Vista lateral emparrado con vexetacion que impide a ventilación e que favorece a presenza de mildeu. É necesario esfollar e unha poda en verde. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de constatar esta semana unha “situación bastante tranquila” nas viñas da provincia pola estabilización das infeccións de Mildeu. Segundo indica o persoal técnico, nestes momentos nos que o número de acios que se aproximan ao peche vai incrementándose, hai condicións climáticas menos favorables ás infeccións e un descenso claro no número de esporanxios do fungo.

Os síntomas en acio nas parcelas onde estaba presente o Mildeu non avanzaron, e nas follas só se apreciou algunha que outra mancha nova nalgunha folla tenra. Consecuentemente, e aínda que a situación xeral pareceu estabilizarse esta semana, o persoal técnico sinala que non se debe descoidar a vixilancia dos viñedos, tanto polo nivel de inóculo previo, que pode xerar novos brotes, como pola situación agronómica particular.

Necesidade de realizar esfollas, podas en verde e rozas da vexetación herbácea

Neste último sentido, dende Areeiro destacan que normalmente as fincas con maior presencia de síntomas son aquelas menos aireadas por unha inadecuada xestión da vexetación, motivo polo que insisten unha vez máis en que as esfollas, podas en verde e as rozas son fundamentais.

En canto ao Oídio, a aireación dos acios está descubrindo algúns grans afectados aos que non chegaran os tratamentos. A situación está bastante tranquila a nivel das variedades brancas, pero aínda así hai que manter a vixilancia e continuar as labores de ventilación. Nas variedades tintas, sobre todo naquelas máis sensibles, hai maior porcentaxe de grans afectados, e mesmo algúns xa están totalmente cubertos polo micelio do fungo. Por esta situación, é preciso renovar tratamentos nas variedades brancas só se é necesario facer unha intervención fronte ao Mildeu, mentres que nas tintas o nivel de vixilancia debe ser maior, e mesmo convén renovar o tratamento nas viñas máis afectadas.

Por outra banda, segue a haber niveis baixos de capturas nas trampas de cicadélidos. Aínda así, hai viticultores que falan de síntomas de “mosquito verde” a consecuencia da observación de marxes amarelos secando nalgunhas follas, mais non hai que esquecer que esta sintomatoloxía, segundo apunta a técnica Rosa Pérez, non é específica e pódese confundir con seca, deficiencias nutricionais, alteracións fisiolóxicas ou acidez, que sen dúbida son a causa actual deses síntomas.

Finalmente, esta semana observouse un incremento importante na presencia de erinose de verán, o cal xa é unha situación habitual nas últimas campañas. De todas formas, é preciso lembrar que non son necesarios os tratamentos fronte á raza deste ácaro que temos en Galicia. Tamén é destacable que co avance da campaña continúan aparecendo síntomas de alteracións de madeira nalgunhas viñas.

Pataca

Por último, e como era de esperar polas condicións climáticas deste ano, nalgunhas plantacións de patacas hai síntomas novos de Mildeu. Por este motivo, se non se van levantar nos próximos días, haberá que renovar os tratamentos.

En canto ao escaravello e pulguiña da pataca (Epitrix spp) tamén nalgunhas plantacións hai poboacións importantes de escaravello (adultos e postas basicamente) que, se non se controlan poden chegar a eliminar case toda a parte verde da planta. Pola súa banda, nas plantacións menos afectadas poden observarse síntomas de diferente intensidade das pulguiñas. “Non esquezan que se van recoller pronto as patacas e aínda así teñen a necesidade de tratar deben respectar estritamente o prazo de seguridade do produto elixido”, apunta a técnico da EFA Rosa Pérez.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información