Estratexias que seguen en Portugal para reducir o uso de fitosanitarios no viñedo

O incremento dos custos de produción ou a falta de man de obra son algúns dos condicionantes polos que se empregan os herbicidas en moitos viñedos na zona do Douro, porén están a traballar en alternativas sostibles e rendibles. Coñecemos algunhas destas propostas

Estratexias que seguen en Portugal para reducir o uso de fitosanitarios no viñedo

Aplicación de tratamentos fitosanitarios en viñedos da conca do Douro. Foto: F. Gonçalves.

Un dos retos actuais da viticultura é reducir o uso de fitosanitarios nas plantacións. Acadar este obxectivo resulta máis complicado naqueles viñedos con baixas producións e cando as alternativas supoñen un incremento dos custos.

Esta é a realidade que teñen, por exemplo, no Val do Douro, en Portugal, unha das rexións portuguesas nas que maior cantidade de fitosanitarios se empregan no viñedo e onde a Asociación para o Desenvolvemento da Viticultura Durinese (Advid), entidade gestora do Cluster da Viña e do Viño está a traballar no proxecto Vinovert, xunto cos viticultores, para reducir o emprego de tratamentos fitosanitarios.

Unha das medidas pola que optan é contar cunha cuberta vexetal biodiversa que axude a reducir a incidencia das pragas, promovendo o seu control a través de métodos mecánicos (corte e laboreo) ademais de testar o pastoreo con animais. Entre as dificultades que atopan para reducir o uso de fitosanitarios, sobre todo de herbicidas, figuran o incremento de custos que poden implicar algunhas alternativas debido a que o terreo tamén limita as opcións, así como a falta de man de obra e de relevo xeracional no viñedo.

“Precísase atopar un equilibrio entre a sustentabilidade ambiental, social e a económica para os viticultores”

“Temos que atopar o equilibrio entre prácticas que sexan máis respectuosas co medio ambiente e unha viticultura que siga sendo rendible para os produtores. Precísase dunha sustentabilidade ambiental, social e económica”, concreta Cristina Carlos, directora técnica do Advid, e que expuxo recentemente a súa aportación ó Proxecto Vinovert, no que participan distintas entidades internacionais, e que foi presentado na Adega Martín Códax, de Cambados, outro dos socios participantes.

Dende o Advid, centraron os esforzos en diminuír o emprego de herbicidas, posto que xa levaban tempo a reducir o uso de insecticidas para atallar as principais pragas do viñedo. A redución das choivas nos últimos anos, un dos problemas máis importantes que afrontan os viticultores, fixo que se reducira a incidencia de fungos.

Evolución das ventas de herbicidas en Portugal.

Evolución das ventas de herbicidas en Portugal.

Carlos apunta que os plans nacionais para empregar menos pesticidas tamén contribuíron a reducilos. Así, no 2015 e 2016, de media, realizáronse 4 ou 5 tratamentos para o mildio, e no 2017 víronse reducidos a 3. Aínda que non sempre se manteñen en cifras tan baixas xa que, no 2018 se incrementou ata os 7 ou 9 tratamentos, debido á gran presión de mildio que tiveron. “Os viticultores están moi concienciados coa redución de pesticidas pero os uso de herbicidas está aínda estendido polas propias condicións da viticultura nestas zonas”, concreta Carlos.

Dificultades para reducir os herbicidas en zonas con pendente

Na rexión do Douro, na que a ADVID apoia tecnicamente arredor de 200 viticultores cunhas 6.000 hectáreas de viñedo, boa parte das viñas están situadas en zonas de pendente, onde abondan os socalcos de terra, que ademais contan cunha protección especial.

Viñedo en socalcos na ribeira do río Douro, en Portugal.

Viñedo en socalcos na ribeira do río Douro, en Portugal.

Nestas zonas, o control da cuberta vexetal de forma mecánica vólvese máis difícil, practicamente imposible nalgúns bancais, e resulta moi custosa de aí que, nesas condicións especiais opten polo emprego dos herbicidas. Tamén os empregan pola súa eficacia á hora de erradicar algunhas especies de máis difícil control como o ‘Quercus coccifera’, as mimosas e as silvas.

Sobre todo, o uso dos herbicidas é unha alternativa fronte á escaseza de man de obra que se rexistra nesta zona e un xeito de reducir os custos de produción, pero pese estes condicionantes, están a desenvolver distintas alternativas máis sostibles e respectuosas co medio ambiente.

Estratexias para reducir o uso de herbicidas

No Advid están a propor diferentes opcións para reducir ou aproveitar a cuberta vexetal en beneficio dos viñedos e evitar aplicar herbicidas. Recollemos algunhas das alternativas que están probando e que recolleron nun manual de boas prácticas:

Adaptar as viñas á mecanización. Aínda que deben preservar os socalcos, é fundamental que a renovación do viñedo e as novas plantacións se fagan posibilitando o emprego de maquinaria adaptada, para así reducir o emprego dos herbicidas.

Nalgúns casos abonda con separar o viñedo un mínimo do noiro para que se poidan introducir máquinas especiais coas que eliminar a vexetación. Esta adaptación do viñedo permite tamén reducir os custos e a pegada ambiental que provoca o emprego de herbicidas. Ademais, ó conservar a cuberta vexetal tamén se fai un maior control da erosión.

Implementar as cubertas vexetais, onde sexa posible. Moitas veces, a cuberta vexetal non ten porque supor un problema para o desenvolvemento do viñedo. Para evitar unha eventual competencia co viñedo e para reducir o risco de incendio, é fundamental analizar e monotorizar a cuberta vexetal para identificar as especies que poden supor un atranco para o viñedo daquelas que mesmo resultan beneficiosas.

Pradeira-biodiversa-vide-Portugal-Douro-

Cuberta vexetal e sebe con vexetación específica para controlar a incidencia de pragas nun viñedo portugués.

“As cubertas vexetais promoven o incremento das características físico-químicas e biolóxicas dos solos, por iso onde sexa posible é beneficioso mantelas xa que tamén son unha ferramenta útil contra a erosión”, concreta Cristina Carlos.

Á hora de coidar a cuberta vexetal, en Portugal están a sementar distintos tipos de vexetación que sexa beneficiosa para o viñedo, en función das súas necesidades. Así, dependendo das caracteristicas que pretenden mellorar no solo, os viticultores teñen probado con diferentes especies, como a avea ou chícharo de raposo ‘Lupinus luteus’ para compensar e equilibrar as necesidades do viñedo.

O feito de contar cunha cuberta vexetal controlada no viñedo propicia que se incremente a biodiversidade funcional, ó favorecer a presenza de diferentes especies tanto vexetais como animais. Isto pode resultar beneficioso tanto para a xerminación do viñedo como para o tratamento de pragas, ó contar con insectos que poden contribuír a controlalas.

Emprego de diferentes cubertas inertes (mulching). Están a probar distintas coberturas naturais para a liña da viña que funcionan como substitutos do emprego de herbicidas ó pe da cepa. Entre as alternativas que manexan atópase o uso de casca de piñeiro, palla, restos da vide ou mesmo pedra.

Cubertas-vexetais-vide-Portugal-Douro-

Distintas cubertas vexetais empregadas para reducir o emprego de herbicidas no viñedo.

Todos estes métodos impiden que medre a herba e ó mesmo tempo tamén reducen a radiación solar directa na terra, incrementa a temperatura e favorece a infiltración da auga no solo. “A reutilización de restos da poda da vide ou cangallo na cobertura da entreliña do viñedo é unha aposta pola economía circular”, apunta Carlos.

Laboreo con animais. Outra das opcións que aínda perviven e que tamén son alternativas fronte ós herbicidas é o laboreo da terra con animais, principalmente con cabalos que poden acceder a zonas de pendente onde resulta máis complicado facelo con maquinaria.

Desbroces mecánicos. Están a apostar por cortar o exceso de vexetación con maquinaria adaptada naquelas zonas nas que sexa posible, xa que os propios restos do desbroce favorecen tamén o control da vexetación.

Ovellas-pacer-herba-na-vide-ADVID-Douro-

Ovellas cos colares intelixentes pacendo no viñedo. Foto: Pedro Goçalves.

Uso de pastoreo. En Portugal tamén están optando por métodos biolóxicos de control da herba, empregando animais, que combinan con outras alternativas. Un dos máis usados é o pastoreo de ovellas durante o período de descanso da vide, práctica usada tradicionalmente en certas partes da rexión. Así, contan cun proxecto de investigación, Projeto SheepIT, no que desenvolveron uns colares que colocar ás ovellas cos que evitar que o animal termine comendo tamén na vide permitindo que controle a cuberta vexetal durante o ciclo vexetativo.

Aplicación selectiva de herbicidas. Outra das alternativas que propoñen é testar sistemas intelixentes para a aplicación dos herbicidas, de xeito que se apliquen só naquelas zonas onde sexa preciso. Para iso precisase contar con aplicadores con sensores, o que permite reducir as doses de herbicidas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información