¿É posible facer viño sen realizar tratamentos contra mildio e oídio?

A investigadora do Imida-Instituto Murciano de Investigación e Desenvolvemento Agrario e Alimentario, Leonor Ruiz, mostra os últimos avances contra estas enfermidades do viñedo de man de variedades resistentes, logradas con melloras xenéticas

¿É posible facer viño sen realizar tratamentos contra mildio e oídio?

A investigadora Leonor Ruiz, do Imida, durante as xornadas vitivinícolas celebradas en Pantón.

O mildio e o oídio son unhas das enfermidades que máis quebradeiros de cabeza traen aos viticultores galegos hoxe en día. Para combatelas, na viticultura tradicional, recórrese a tratamentos fitosanitarios que poden ter que repetirse segundo a incidencia.

Estas solucións fitosanitarias terminan por afectar á calidade do viño, ademais de xerar un impacto no medio ambiente e elevar os custos de produción e implicar un risco sanitario para os viticultores que están a diario expostos a estes produtos químicos. A iso engádese, tal e como apuntan desde o sector, que cada vez sexa máis complicado atallar a enfermidade polas limitacións de produtos e doses actuais.

“Na natureza existen fontes naturais de resistencia a mildiu e oídio en vides americanas e asiáticas”

Pero, é posible producir viño sen realizar tratamentos fitosanitarios contra estas enfermidades? Esta é a pregunta que se formularon no Instituto Murciano de Investigación e Desenvolvemento Agrario e Alimentario, Imida, e agora comezan a ter os primeiros resultados.

Este centro de investigación buscou a resposta a través da mellora xenética das castes para lograr así variedades con maior resistencia a estas enfermidades. “Afortunadamente existen fontes naturais de resistencia a estas enfermidades na propia natureza, tanto en vides americanas como asiáticas”, explica Leonor Ruiz García, investigadora do Imida, que participou recentemente nas xornadas celebradas en Pantón (Lugo) sobre os retos que supón o cambio climático e estas enfermidades á viticultura.

Variedades resistentes

Nestas variedades americanas e asiáticas con resistencia ao mildio e oídio, a comunidade científica, a través de programas de mellora xenética desenvolvidos, sobre todo, en Alemaña, conseguiu identificar os xenes responsables da resistencia a estas enfermidades. Logrouse concretar tamén marcadores moleculares, secuencias de ADN que están próximas a estes xenes, e que facilitan a súa identificación.

Buscan lograr unha planta que conteña polo menos dous xenes resistentes ao mildio e outros dous ao oídio

Estes avances proporcionan que se acurte o proceso e lograr resultados máis pronto, como detalla a experta. “Identificar os xenes e estes marcadores permítenos non ter que esperar a ver os resultados en campo, senón que podemos tomar unha folla das variedades xerminadas e comprobar se herdaron os xenes de resistencia, de maneira que pasamos a campo só aquelas que herdaron os xenes que confiren a resistencia”, explica a investigadora.

A investigación do Imida centrouse en realizar cruzamentos dirixidos dalgunhas destas variedades resistentes con castes utilizadas na viticultura española. Decantáronse por utilizar como variedade nai Monastrell, unha das clásicas variedades de zonas do sur de España como Alacante, Yecla ou Jumilla.

Realizaron cruces de Monastrell con variedades resistentes como Regent, Kishmish vatkana, Vitis romanetii e Solaris

O obxectivo dos seus cruzamentos é lograr unha planta que conteña, polo menos, dous xenes resistentes ao mildio e outros dous ao oídio, para iso empregaron distintas variedades que poidan achegarllo. “Cando se inicia un programa de mellora deste tipo non abonda con introducir un xene de resistencia senón que cantos máis xenes se introduzan mellor, porque iso asegúranos que a resistencia sexa máis duradeira e estable ao longo do tempo. Pero iso, vai implicar maiores prazos”, explica Ruiz.

Unha das variedades que achega esta resistencia ás enfermidades é a Regent, unha das máis cultivadas en Alemaña, e que conta con xenes resistentes tanto para oídio como para mildio. Ademais traballaron con Kishmish vatkana e Vitis romanetti ámbalas variedades resistente ao oídio, así como coa Solaris, utilizada en países nórdicos e que presenta resistencia ao mildio.

Primeiras plantas resistentes

Aínda que, como recoñece a investigadora, o ideal sería empezar cos cruces ao mesmo tempo, axustáronse á súa dispoñibilidade e comezaron realizando cruces con Regent. Dos primeiros cruzamentos lograron 1.200 híbridos pero deles só 192 plantas tiñan os xenes resistentes a oídio e mildio.

Obtiveron 14 plantas con tres xenes de resistencia, un contra mildio e dous contra oídio

De aí comezaron a cruzar con Kishmish vatkana, para seguir sumando xenes resistentes. En 2017 obtiveron xa 650 sementes que plantaron. Con todo, unha vez que brotaron e puideron realizar as probas, só 14 plantas herdaran os tres xenes que se esperaba, un de resistencia a mildio e dous contra o oídio.

O ano pasado comezaron tamén outro programa de cruzamento das plantas que tiñan en produción de Monastrell x Regent con V. romanetii. “O interese de cruzar con Vitis romanetii é que o xen contra o oídio é dominante nesta planta o que nos vai facilitar que logo se transmita ás seguintes”, xustifica a experta.

Variedades que convenzan

Á hora de realizar estes cruces, que teñen como obxectivo principal buscar variedades resistentes a estas enfermidades, entran tamén en xogo outros factores. Ademais da gran variabilidade que presentan as novas plantas obtidas, outras limitacións veñen pola aceptación que estas variedades teñan dentro do sector. Así, é o caso por exemplo da Vitis romanetii, onde a experta ten receos de que esta variedade sexa apoiada, a pesar dos resultados de resistencia que poida ofrecer.

Este foi tamén un dos motivos que os levou a comezar a traballar con Regent xa que “a pesar de proceder do cruzamento de viníferas por vides americanas xa é unha variedade que se recoñece como Vitis vinifera, xa que cada vez que se van facendo cruzamentos a proporción de vide americana é cada vez menor e vai quedando relegada. O obxectivo é chegar a quedarnos só cos xenes que nos interesan da vide americana e que o resto de información xenética sexa o da nosa variedade tradicional. Isto lógrase cruzando sucesivamente pola variedade tradicional, conseguindo así manter a tipicidad e calidade dos nosos viños”, concreta a experta.

O proxecto atópase agora pendente de iniciar tamén as cruces con Solaris e de comprobar os resultados en campo e verificar se estas novas plantas son realmente máis tolerantes e non acusan os efectos destes fungos. Tamén comeza unha etapa na que testar as características destas novas plantas. “Ademais de ser exemplares resistentes buscamos plantas de calidade. É un proceso moi longo pero que merece a pena”, conclúe a investigadora.

A situación noutros países

Mentres, noutros países levan anos xa utilizando estas variedades cunha maior resistencia a mildio e oídio. É o caso de países como Alemaña, Austria ou Suíza onde entre 2007 e 2010 autorizaron a utilización de variedades resistentes como a Regent ou Solaris. Tamén Italia deu o paso en 2013 para admitir estas vides con maior resistencia, do mesmo xeito que Francia ou Reino Unido.

Con estes cruces non se eliminan por completo os tratamentos fitosanitarios, pero, en Alemaña reducíronse nun 80%

A utilización destas variedades tampouco supuxo a eliminación total dos tratamentos fitosanitarios senón que se reduciu notablemente o número de aplicacións necesarias. “Estas variedades resistentes non implican que se vaia a eliminar ao 100% a incidencia destes fungos, xa que iso dependerá tamén das condicións climatolóxicas, pero está a lograrse que a súa incidencia sexa menor e sexan necesarios moitos menos tratamentos. Reduciuse o número de tratamentos nun 80% na maioría dos casos. Dependendo como sexa a climatoloxía chegouse a que non sexa necesario ningún tratamento”, ratifica a investigadora. Deste xeito, no caso de países como Alemaña lograron colleitas con apenas 3 tratamentos.

Novas variedades fronte ao cambio climático

A investigación de variedades resistentes a estas enfermidades foi a segunda parte dun proxecto de investigación que o Imida iniciou fai xa máis de 20 anos sobre variedades que se adaptasen mellor fronte á nova climatoloxía que o quecemento global está a ocasionar e que afecta directamente á viticultura.

Tamén aquí utilizaron como variedade nai a Monastrell que cruzaron con Cabernet sauvignon, Syrah, Tempranillo, Barbera e Verdejo. O seu obxectivo neste proxecto era obter variedades coas que lograr unha maduración máis tardía, menos alcol, incrementar a acidez e unha maior tolerancia á seca.

Lograron 10 novas variedades de viños tintos e 3 brancos logo de cruzar Monastrell con Cabernet sauvignon, Syrah, Tempranillo, Barbera e Verdejo

Tras contar con case 1.600 cruces analizados, foron realizando unha selección até quedar con 10 variedades de viños tintos e 3 brancos, xa que aínda que todas as variedades que se usaron nun principio son tintas, ao cruzalas tamén foron xurdindo plantas de uvas brancas. Neste momento, 6 delas atópanse en pleno proceso de rexistro destas variedades tanto a nivel nacional como internacional.

A pregunta que queda agora no aire é se en España se poderán utilizar estas variedades resistentes. É preciso un traballo de información e transferencia que necesita da implicación tanto dos investigadores como do sector vitivinícola, adegueiros, consellos reguladores das distintas denominacións de orixe e da administración, como apuntaron na xornada.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información