“É moi complicado atopar planta con garantía sanitaria tanto en Galicia como en España”

Pedro Mansilla liderou durante máis de 30 anos o traballo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Repasamos con el como se combateron e cal é a situación dalgunhas das pragas máis importantes da agricultura en Galicia nos últimos anos

Publicidade
Publicidade
“É moi complicado atopar planta con garantía sanitaria tanto en Galicia como en España”

Pedro Mansilla, exdirector da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Aínda que está a piques de cumprirse un ano desde que se xubilou, Pedro Mansilla, segue moi vinculado á Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro que dirixiu case desde que o proxecto botou a andar hai máis de 30 anos. Abordamos con el as transformacións da agricultura galega nos últimos anos e repasamos como se combateron algunhas das pragas máis importantes á vez que debullamos a situación doutras que están a supor un reto na actualidade

A agricultura en Galicia sufriu unha fonda transformación ao longo dos últimos anos, como valora estes cambios?
Nalgúns sectores, como a viticultura, a evolución foi moi positiva e incrible. Cando eu cheguei a Galicia, en 1980, era case imposible atopar un viño etiquetado e agora mesmo todas as Denominacións de Orixe tiveron unha evolución moi importante, con presenza xa nos mercados internacionais e un gran potencial. Noutros sectores, a evolución foi moi distinta. Naqueles anos os invernadoiros, principalmente de flor, de caravel, rosas, crisantemos ou xerberas tiveran un boom que ao final se difuminou e agora apenas teñen presenza en Galicia. Con todo, outros sectores como os viveiros, sobre todos os ornamentais, asentáronse. A evolución foi moi dispar e nalgúns ámbitos houbo unha gran profesionalización.

“Areeiro foi unha biofábrica na que se producía da orde de 1 millón de parasitoides ao ano para combater o gurgullo”

Na Estación Fitopatolóxica de Areeiro fixeron fronte a moitas pragas, lembra algunha que representase un auténtico desafío?
Tivemos moitas pragas importantes ao longo destes máis de 30 anos. Eu destacaría dúas delas no sector forestal. Unha foi o gonipterus platensis, que naquel momento chamábase gonipterus scutellatus [coñecida como a praga do gurgullo do eucalipto] que é un defoliador do eucalipto. Fomos os primeiros en detectalo a nivel español e os primeiros a nivel mundial en traballar no control biolóxico dunha forma masiva. Estivemos a traballar case durante 12 anos con ovos parasitados de anaphes nitens que é un parásito que funciona moi ben. Isto xa se fixo nalgúns países, pero de maneira moi puntual polo pouco eucalipto que existía ou porque esta praga tiña xa moitos depredadores que a controlaban, como ocorría no seu lugar de orixe. Había 12 persoas traballando todo o tempo nisto e Areeiro foi unha biofábrica na que se producía da orde de 1 millón de parasitoides ao ano. Tivemos moitos problemas ao principio e ninguén nos podía axudar porque non se fixo antes polo que foi un dos maiores éxitos da estación.

Outro foi o control do chancro do castiñeiro coa inoculación de cepas hipovirulentas, xa que chegou un momento en que practicamente o castiñeiro estaba sentenciado posto que non había solución para esa enfermidade. Ao descubrir estas cepas e tras investigar sobre elas, conseguimos que hoxe, en Galicia, sexamos capaces de controlar o 95% do chancro. Houbera outros equipos que estiveron a traballar neste temática pero sen obter resultados, pero nós ademais do duro traballo que fixeramos durante máis de 10 anos, tivemos a sorte de atopar unha solución.

Traballouse e séguese traballando en moitas pragas algunhas máis recentes como as que afectan aos cítricos ou o Nematodo do piñeiro ou as da madeira da vide. Eu fun fitopatólogo e estiven sempre máis centrado neste control das pragas, pero non hai que esquecer que en Areeiro se traballa tamén noutros temas como a camelia, sendo unha referencia mundial non só nas variedades ornamentais senón no tema do aceite ou a produción de té. Non imos competir con outros países pero é unha alternativa para os agricultores.

“O control do chancro do castiñeiro chegou nun momento en que practicamente o castiñeiro estaba sentenciado”

A avespiña do castiñeiro, o nematodo, a seca da oliveira, a couza guatemalteca… estamos a ter na actualidade moitas máis ameazas para os cultivos que hai anos?
A verdade é que se pero debido a que hoxe non hai fronteiras, tampouco para as pragas. Calquera persoa pode ir a calquera parte do mundo e, aínda que está prohibido, traer unha semente, unha planta ou unha flor. Ademais, os intercambios comerciais son moitísimo maiores e facer inspeccións é realmente complicado. Os inspectores en fronteira teñen que coñecer multitude de temas e entran grandes cantidades. Aínda que se fagan mostraxes os resultados non sempre son garantían de que non estea a entrar material infectado. Por exemplo, no control de fusarium circinatum [causante do chancro resinoso do piñeiro] especifícase que se deben analizar 500 sementes, pero esa é unha mínima parte nun saco de 25 quilos de sementes, onde hai milleiros. Nesa mostra pode non darse ningún positivo e localizarse noutras. É moi complicado.

Nun mundo cada vez máis global, hai que buscarlle solución a estas pragas no lugar de orixe? E no destino, en que fallamos?
Cando nos atopamos cunha nova praga, ao principio a todos nos sorprende e alarmámonos pero, tanto pode ocorrer que as condicións sexan as adecuadas e a praga se instale como que non chegue a adaptarse e desapareza. Aínda que, boa parte das últimas pragas que chegaron terminaron instalándose e, con maior ou menor virulencia, atacounos. En moitos destes casos, hai que buscar a solución nos lugares de orixe vendo como se soluciona alí ou vendo como non se soluciona, xa que en boa parte deses países non se ven obrigados a combatelas posto que teñen un complexo de parásitos e depredadores que as manteñen baixo control.

Traer a solución dos países de orixe tamén entraña os seus perigos porque se introduce un organismo novo que tampouco sabemos como vai comportarse neste ecosistema. Estas solucións implican moitos anos de estudo e traballo que fai que sexan solucións que se prolongan no tempo. Un control biolóxico sempre é unha solución máis lenta que un produto fitosanitario, pero con outras vantaxes. Tamén as restricións por parte das autoridades para introducir estas alternativas provoca que, ás veces, se atrase a solución, como está a ocorrer agora mesmo co dryocosmus kuriphilus do castiñeiro, que sabemos que se controla no seu lugar de orixe (China) con torymus sinensis, e estivérono facendo en Xapón e outros países con bos resultados, pero aquí o Ministerio aínda non autorizou a súa utilización máis que dunha forma moi reducida e estudada para ver a súa evolución.

Unha vez que se introducen estas solucións, están a ofrecer resultados bastante satisfactorios. En Galicia, o gonipterus en eucalipto foi a praga máis importante con consecuencias económicas moi significativas, e solucionouse.

“Moitas veces os particulares non se implican e non mercan parasitoides para combater pragas. Os esforzos teñen que ser de todos”

Si é certo que nalgúns casos estas pragas seguen estando presentes, como o gonipterus, pero, en parte, débese a que hai que aplicar máis parasitoide. Moitas veces estes parasitoides está a soltalos case en exclusiva a Administración pero os particulares non se implican da mesma maneira e apenas mercan, cando son os que máis teñen que perder. Os esforzos teñen que ser de todos.

A resistencia que presentan algunhas destas pragas, é unha herdanza de prácticas fitosanitarias pouco idóneas?
Ás veces dá a impresión de que hai máis enfermidades ou que son máis resistentes pero en parte atende a que moitas delas eran aínda descoñecidas. É o caso, por exemplo, das enfermidades da madeira na vide, onde antes os agricultores definíano todo como yesca. Agora hai máis xente investigando sobre este tema e  viuse que hai moitos fungos implicados e cada un hai que tratalo de distinta maneira. Durante moito tempo pasou o mesmo ao diagnosticar a eutypa, unha conclusión á que se chegaba polos síntomas. Hoxe sabemos que non se pode diagnosticar unha enfermidade en base só aos síntomas xa que poden ser de varias afeccións. Tampouco había medios técnicos para afrontalos de forma eficaz. Hai organismos que é moi difícil de combater. Tamén é certo que algunhas desas malas prácticas séguense facendo hoxe en día. É verdade que as grandes plantacións están máis profesionalizadas pero moitos agricultores pequenos seguen con certos costumes pouco aconsellables.

“Hoxe en día hai unha loita dirixida e integrada, aplicando os tratamentos en función de como estea o fungo”

A pesar desas prácticas pouco aconsellables que refire, en viticultura hai producións cada vez máis respectuosas co medio ambiente, estamos no camiño de lograr colleitas reducindo a aplicación de sulfatos contra afeccións tan populares como o mildiu?
Vai estar complicado, porque dependerá moito das condicións climáticas e haberá anos que, en certas zonas, con catro tratamentos sexa suficiente mentres que outros serán necesarias máis aplicacións. Avanzouse moitísimo aínda que segue sendo unha das enfermidades máis importante da vide. Cando eu cheguei, tanto os técnicos, como as casas de sulfatos ou os agricultores daban tratamentos a prazos fixo, houbese ou non afección. Hoxe en día hai unha loita dirixida e integrada, aplicando os tratamentos en función de como estea o fungo e as condicións climáticas. No caso dos agricultores da provincia de Pontevedra contan coa información que Areeiro lles proporciona periodicamente mediante boletíns sanitarios e que axuda nese camiño.

Cara a onde cre que evolucionará o tratamento das enfermidades fúnxicas no viñedo?
Está a verse xa nas grandes extensións de cultivo, como os cereais, onde están a apostar por unha mellora xenética. No resto, como son procesos longos que implican grandes gastos en investigación vaise avanzando máis lentamente. En Areeiro está a traballarse xa en mellora xenética cun equipo italiano e outro neocelandés para combater unha enfermidade moi importante da camelia.

Entón, son as cruces mellorados xeneticamente, como defende o movemento PIWI, a solución?
Para algunhas enfermidades pode ser un alternativa pero, si é certo que son investigacións moi caras e a longo prazo.

Segue sendo complicado atopar planta de calidade en Galicia, tanto en variedades e clons como en garantías fitosanitarias?
Si, segue sendo complicado, non só en Galicia senón en España, atopar planta con garantía fitosanitaria. Nós en Areeiro tivemos recentemente dificultades para atopar planta con garantías fitosanitarias para un estudo conxunto con Portugal, para a contención da PSA, unha das últimas enfermidades do kiwi. Realmente estanos custando moito conseguir planta que estea libre desta afección. Estamos a buscar estas plantas xa non só en España senón tamén noutros países. Unha situación similar ocorre coa vide, onde é moi difícil atopar planta libre das enfermidades da madeira, xa que pode estar limpa dalgunha pero non de todas as afeccións que poida ter.

As enfermidades da madeira como a nova philloxera, están a dar a batalla especialmente tras a prohibición do artesino sódico. Coa súa experiencia, en que debemos mellorar na viticultura en Galicia para combater esta praga con eficacia?
O problema que temos é que antes se falaba de yesca e parecese que só había unha enfermidade pero, a verdade é que, baixo ese nome había variedade de afeccións que se descoñecían e das que hoxe sabemos algo máis. Hai unha caterva de fungos ocasionando danos e hai que actuar contra eles vendo como é o seu ciclo, como actúa e en que condicións. É moi difícil controlalas. En Areeiro estase a traballar moito en loita biolóxica pero tamén require moito tempo e autorizacións. En certas enfermidades da madeira, con carácter preventivo, estamos a ter bos resultados con algúns produtos biolóxicos nos viveiros. Este é un dos aspectos que se recolle na primeira tese doutoral galega sobre as enfermidades da madeira na vide, fundamentalmente no Albariño, que se vai a presentar proximamente e coa que poderemos ter unha visión do que temos na actualidade e de que existen visos dun control preventivo destas afeccións.

A flavescencia dourada está moi activa á outra beira do Miño. Corremos serio risco de que chegue a Galicia?
Nós detectamos por primeira vez o vector, o mosquito scaphoideus titanus, hai xa 5 anos, e de momento, nas mostraxes que se realizaron na estación fitopatolóxica de Areeiro só se localizaron nun punto concreto no sur da provincia de Pontevedra. Ademais, este vector non é portador da enfermidade. Serán os nosos veciños portugueses os que deban empezar a tomar as primeiras medidas para evitar que sexa un risco para Galicia para que non ocorra o mesmo que co tema do nematodo, que entrou precisamente por Portugal.

“En Galicia, co control do nematodo fíxose un bo traballo nestes anos e está bastante restrinxido”

Chégase tarde en materia de prevención para atallar este tipo de pragas como o caso do nematodo?
Algunhas veces é moi difícil controlalo. No caso do nematodo, en Galicia eu creo que se actuou moi ben xa que cando aparece na zona de Lisboa no ano 1999, nós en Areeiro xa estabamos a facer mostraxes de 20 km na fronteira con Portugal. Cando se estaba dando a primeira alarma en Portugal, nós, sen telo aquí, xa estabamos a traballar niso. Está claro que, controlar un insecto que transmite a praga e que voa é realmente difícil aínda que se estean colocando trampas. Como en todo, estas accións implican un investimento económico e os fondos vanse priorizando. Dentro das posibilidades fíxose un bo traballo en todos estes anos e está bastante restrinxido limitándose ao sur da provincia de Pontevedra. O seu avance dependerá, en gran medida, das condicións climáticas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información