Denuncian que os viticultores de Rías Baixas tardan dous anos en cobrar

Unións Agrarias demandan que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria, que establece contratos e prazos de pagamento de 30 días. Hoxe reúnese a Mesa do Viño da Denominación. A Mesa do Viño do Ribeiro rematou sen acordo.

Denuncian que os viticultores de Rías Baixas tardan dous anos en cobrar

Vendima nas Rías Baixas

O sindicato Unións Agrarias denunciou que os viticultores da Denominación de Orixe Rías Baixas tardan de media 2 anos en cobrar as uvas véndenlles ás adegas, e nalgúns casos acumulan non pagamentos de hai tres anos.

Así o denunciou hoxe o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, xunto ao responsable do sindicato na Denominación de Orixe Rías Baixas, Manuel Ángel Dopazo, nunha rolda de prensa en Pontevedra.

Roberto García denunciou que esta situación é xeneralizada polo que esixiu á Xunta e ás adegas que fagan cumprir a Lei de Cadea Alimentaria, que obriga ás adegas a asinar un contrato cos viticultores que lles vendan máis de 2.500 euros antes de cada vendima, fixando aspectos como o prezo e a data de entrega das uvas, así como o prazo de pagamento, que, segundo a lei non debe exceder os 30 días despois da cualificación da colleita.

Neste sentido, o responsable de Unións Agrarias, recordou que “dende que entrou en vigor a lei o 1 de xaneiro de 2014 non se asinou un só contrato”. Por iso, advertiu de que “se este ano incumpren de novo a lei denunciaremos ás adegas infractoras ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) “.

Dende Unións sitúan o prazo límite de pagamento “non máis alá do 30 de xaneiro do ano seguinte á colleita e nunca con dous ou tres anos de atraso”.

En caso de non asinar contratos, a lei de Cadea Alimentaria establece a apertura de expedientes ás adegas e unha sanción inicial de 3.000 euros. E no caso de atrasos no pagamento, as sancións van, segundo a gravidade, dende os 3.000 aos 100.000 euros.

Sen acordo na Mesa do Viño do Ribeiro

Mañá reunirase a Mesa do Viño de Rías Baixas en Pontevedra, na que, baixo a mediación da Consellería do Medio Rural e do Mar, representantes dos viticultores e bodegueiros intentarán chegar a un acordo sobre contratos, prezos e prazos de pagamento.

Hoxe foi a quenda para a Mesa do Viño do Ribeiro, que finalizou sen acordo. Segundo o representante do Sindicato Labrego Galego “na reunión non se chegou a ningún acordo ao non se presentar proposta por parte da industria”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información