¿Como está a afectar o cambio climático ao viño?

Uvas con maior grao alcohólico e menor acidez, vendimas cada vez máis temperás, problemas de maduración...etc. Estes son algunhas das consecuencias do cambio climático na viticultura. Diversos expertos analizaron esta semana como paliar estes efectos nunha xornada organizada pola Evega.

Publicidade
¿Como está a afectar o cambio climático ao viño?

Bagos queimados polo sol

O cambio climático xa é está aquí tamén para o mundo do viño. Uvas con maior grao alcohólico e menor acidez, vendimas cada vez máis temperás, problemas de maduración…etc. Estes son algunhas das consecuencias do cambio climático na viticultura. Diversos expertos analizaron esta semana en Ourense como paliar estes efectos nunha xornada organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA).

Os retos que supón o cambio climático para a viticultura son dun importante calibre, non só polas maiores dificultades para producir uva na conca mediterránea, a área orixinaria da Vitis Vinífera, debido a un clima que se prevé cada vez máis extremo, senón tamén porque a consecuencia do cambio climático os viños están a ser vez máis alcohólicos, xusto o contrario do que demanda o mercado: viños frescos cun equilibrio entre acidez e grao alcohólico, como o que ofrecen ata agora os viños galegos, por exemplo.

Conscientes da gravidade deste problema, a Organización Internacional da Viña e do Viño (OIV) creou en 2016 un grupo de traballo, ZOTERO,sobre Viticultura e Cambio climático no que participan expertos de diversos países.

Precisamente, o vicepresidente da OIV e catedrático de Viticultura da Universidade Politécnica de Madrid, Vicente Sotés, lembrou na xornada da Evega que “o clima dun lugar determina a tipicidade dun viño, e aínda que hai moita incerteza sobre cales van ser os efectos do cambio climático, os seus efectos no sector vitivinícola xa os estamos notando”.

Efectos do cambio climático na viña:

Entre eles, Vicente Sotés destacou:

-Maior estrés térmico para as vides, con vagas de calor e de seca estivais.

-Diminución das horas de frío e do risco de xeadas.

-Diminución da amplitude térmica diaria, algo que prexudicaría á uva na fase de maduración. “”Para que madure ben a uva e teña acidez nas últimas semanas de maduración debe haber unha diferenza de 15 graos como mínimo entre o día e a noite”, lembra Vicente Sotés.

-Un efecto positivo para a viña sería a maior presenza de CO2 na atmosfera, o que incrementará a actividade de fotosíntese da vide.

-Períodos de crecemento das vides máis rápidos.

-Aparición de novas pragas e menor incidencia das enfermidades fúnxicas, como mildiu ou oídio.

-Estados fenolóxicos máis temperáns, tanto en brotación, floración como en envero. A uva madura tamén antes, o que prexudica a súa calidade. “É algo que xa se está observando en países como Francia, nos que se constatou un adianto da vendima de ata tres semanas nas últimas décadas respecto dos comezos do século XX”, advirte Vicente Sotés.

infografia_produccion_vino_francia_CAMBIO_VENDIMA

A este respecto, Emilia Díaz Losada, doutora en Bioloxía e tecnóloga da EVEGA engade que nas uvas os efectos do cambio climático que xa se están notando son, entre outros:

-Maior acumulación de azucres na uva e incremento do grao alcohólico.

-Desacoplamento entre maduración tecnolóxica e fenólica en viñedo.

-Perfís aromáticos atípicos.

-Maior cantidade de bagos queimados polo sol.

-Esgotamento rápido dos ácidos orgánicos.

Como efecto positivo, o risco de enfermidades fúnxicas é menor e tamén aumenta a calidade da uva nas zonas de val.

Como se pode adaptar a viticultura ao cambio climático?

Como poden adaptarse os viticultores á realidade do cambio climático? Vicente Sotés enumera as principais medidas que se están barallando:

-Cambios de zonas de produción, tanto en altitude (por cada 100 metros a temperatura media baixa 0,6 graos), como en latitude, con viñedos que se poderán cultivar en países do norte de Europa como Inglaterra ou Dinamarca. En todo caso, recoñece que “véxoo moi complicado e na práctica o cambio de viñedos sería moi difícil”. “Hai moitas outras medidas que se poden adoptar antes e non vai haber un desprazamento dos viñedos de Borgoña cara a Inglaterra”, subliña.

-Variedades máis adaptadas á seca e de ciclo máis longo, que maduren máis tarde: cultivo de variedades que consomen menos auga, de ciclos máis longos para que maduren ben e que agromen máis tarde. A adaptación tamén se debe estender aos portainxertos. “En España temos unha variedade propia como a Garnacha que é altamente resistente á seca. Pero mesmo dentro dunha mesma variedade, como a Tempranillo, contamos con ata 490 clons distintos, con diferenzas de maduración de case 2 meses entre eles”, engade.

-Novas prácticas vitícolas, con sistema de plantación e de poda que favorezan un atraso da maduración. Neste sentido, na zona dos viños do Douro, no norte de Portugal, concluíron que o sistema de poda Guyot está máis adaptado ao estrés hídrico e térmico que o sistema de cordón royal. Ademais, os sistemas de condución tradicionais como o vaso están tamén mellor adaptados para protexer a uva en situacións de vagas de calor que o de espaldeira, aínda que existe o hándicap da dificultade de mecanización. O esfollado tamén podería reformularse, xa que non só protexe aos acios das queimaduras do sol senón que permite reducir a temperatura ata 4 graos respecto da uva que non está sombreada.

“Moitas das prácticas da viticultura moderna, incluído o esfollado, aceleran a maduración, e nas condicións do cambio climático interésanos xusto o contrario, atrasala, polo que haberá que reformulalas”, subliña Vicente Sotés.

-Cambios normativos: As normas actuais dos consellos reguladores das Denominacións de Orixe e das Indicacións Xeográficas Protexidas obedecen a unha situación pasada que está a cambiar e deberíanse adaptar á nova realidade, tanto na cualificación de calidade dos terreos como dos viños.

-Implantación de sistemas de regadío de precisión.

-Educación de produtores e de consumidores.

-Técnicas enolóxicas, con solucións correctivas que reduzan o grao alcohólico e incrementen a acidez. Son as técnicas, como a nanofiltración, máis baratas para mitigar os efectos do cambio climático en viticultura pero a súa utilización é cuestionada pola alteración que provoca na calidade do viño (redución de cor, de aromas…etc.).

-Utilización de lévedos que reduzan o grao alcohólico. A EVEGA realizou un estudo sobre os lévedos que durante a fermentación do viño provocan que se produza menos etanol e máis glicerol, co que, partindo da mesma uva, os viños resultantes teñen menos grao alcohólico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información