Coidados do viñedo durante esta semana

Coidados do viñedo durante esta semana

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este venres o seu boletín no que informa da situación dos viñedos na provincia de Pontevedra.

Mildeu:

Desde a emisión da anterior información fitosanitaria, as temperaturas nocturnas estiveron baixas ou moi baixas segundo o día e/ou a estación meteorolóxica, a excepción da noite do martes 11, cando nalgunhas zonas se superaron lixeiramente os 12 ºC.

Polo tanto, aínda habendo, en xeral, varias horas de humidade foliar, non se rexistraron condicións para a infección secundaria. Isto reflectiuse na situación observada na maioría das viñas que visitaron nesta semana: ausencia de manchas novas e síntomas antigos ben controlados. Ben é certo que todas, ou practicamente todas, recibiran un tratamento antes ou despois da cicloxénese do xoves 6, pero tampouco nas plantas testemuña os técnicos apenas observaron novas manchas.

Iso si, naquelas viñas nas que non se lograra controlar a enfermidade nas infeccións previas, a situación, non sendo moi desfavorable, tampouco era idónea, pois aínda atoparon manchas con avance, manchas necrosadas que aínda así amosaban certa frutificación e tamén algunha mancha nova.

Dáse a circunstancia de que algunha destas viñas máis afectadas, ou con mildiu non perfectamente controlado, eran viñas que foran tratadas nalgunha ocasión nesta campaña en días con ventos incompatibles cunha boa protección, ou con maquinaria non ben calibrada. Nestas circunstancias, os tratamentos non puideron frear a infección e os síntomas foron acumulándose desde entón.

Segundo as axencias meteorolóxicas consultadas, pode haber certa precipitación, parece que de contía insuficiente como para lavar os produtos aplicados na última intervención, entre venres e hoxe sábado, pero tamén en diferentes días entre martes, mércores e/ou xoves.

Para a semana volven as condicións favorables para o mildeu

Canto ás temperaturas mínimas, tenden a recuperarse, lixeiramente nos días inmediatos e dun xeito máis evidente cara a metade da semana próxima. .

Ca maioría das viñas dentro do período de protección dos produtos aplicados a semana pasada, non debería haber problemas serios naquelas nas que non houbo apenas síntomas ata agora, aínda que haberá que estar alerta, en especial nas que se vaia cumprir o prazo de protección teórico e sobre todo onde aínda se observan síntomas non ben controlados. É máis, se as temperaturas mínimas son compatibles cas infeccións secundarias, nestas últimas será conveniente renovar a intervención o antes posible.

Nalgunhas fincas, e debido ao clima cambiante desta primavera, con choivas alternando con períodos de sol e calor, hai un exceso de vexetación na propia viña que impide a boa penetración dos funxicidas. Nestas viñas é conveniente facer labores de eliminación dos gromos non ou pouco produtivos, despuntes e mesmo xa algunha esfolla suave que expoña os acios aos tratamentos e facilite a súa aireación e insolación.

Oídio:

Nesta semana os técnicos de Areeiro atoparon novos síntomas en dúas follas dunha viña na que non se fixeran aínda tratamentos fronte ao fungo, e tamén nun acio “rebusco” dunha viña moi vigorosa onde precisamente a elevada masa foliar impideu totalmente a penetración dos produtos. No resto de fincas non os atoparon, pero ben é certo que entramos nun dos momentos máis críticos en relación a esta enfermidade, polo que a partir de agora calquera intervención antimildiu debe ir acompañada dun produto fronte a este outro fungo.

Black rot:

Na revisión desta semana os técnicos de Areeiro non notaron un incremento na presenza de síntomas nas parcelas tratadas.

A recomendación é manter a vixilancia, e naquelas fincas cas típicas manchiñas do fungo, aplicar un produto que tamén teña efectos fronte a este patóxeno cando se dean tratamentos antimildiu ou antioídio.

Os síntomas sobre o acio son murchado de grans, que secan rapidamente (en 3-4 días) adquirindo a pel unha cor violácea e cubríndose de corpos frutíferos que teñen a forma de puntiños negros. Pero atención: nun mesmo acio poden coexistir grans con distinto grao de ataque, de maneira que haberá uvas totalmente danadas e outras só parcialmente afectadas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información