Boas condicións para a propagación do mildeu e do oídio no viñedo nos próximos días

Resumo das recomendacións deste venres da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia. Aconsellan esfollar as viñas e renovar os tratamentos contra o mildeu e oídio xa que as condicións climatolóxicas son favorables para estes fungos

Boas condicións para a propagación do mildeu e do oídio no viñedo nos próximos días

Mildio en acio de planta tratada no Condado. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

Nesta semana de temperaturas tan elevadas (alcanzando ou superando nalgunhas estacións picos de 35ºC) a grande maioría das viñas xa teñen os acios callados (“purgados”) e mesmo algunhas delas presentan os grans de 3 mm ou incluso algúns acios xa no estado grans tamaño chícharo.

Sen embargo, é normal atopar na mesma viña acios en diferentes estados de desenvolvemento abarcando un rango amplo, desde prefloración ata tamaño chícharo. Esta situación observámola, con intensidade diferente, nas viñas de todas as comarcas. As parcelas con perda de grans e colleita son máis patentes nas parcelas con mal manexo e exceso de vigor.

Agárdase para os vindeiros días unha alternancia de períodos de ceos con nubes e claros con outros pouco anubrados ou despexados. Na xornada do sábado rexistraranse novamente temperaturas máximas moi altas. A vindeira semana prevese que continúe a inestabilidade, con risco de chuvascos e baixada lixeira das temperaturas medias. A climatoloxía tormentosa é un factor de elevado risco para a propagación do mildeu.

Coidados culturais

Neste período destaca o forte crecemento dos gromos, polo que é necesario a poda en verde daqueles que non se manteñen dentro do sistema de condución. Recoméndase a eliminación de follas e netos á altura dos acios, a fin de favorecer a aireación e sanidade, sendo isto especialmente necesario nas parcelas con exceso de vigor.

Enfermidades fúnxicas:

Mildeu:

Nesta semana as elevadas temperaturas nocturnas (con rexistros de máis de 24ºC nalgunhas estacións) unidas a unha humidade relativa tamén elevada (ou humidade foliar) algunhas noites foron condicións moi favorables ao patóxeno, e a estas condicións hai que unir a climatoloxía tormentosa que hai desde a tarde do mércores, con choiva nalgunhas comarcas de Galicia.

Con esta situación, nas plantas testemuña en Rías Baixas e nas abandonadas a presenza de novos síntomas é xeneralizada, tanto que as follas presentan máis do 50% da súa superficie con manchas e xa a práctica totalidade de acios está afectada pola enfermidade. As variedades con máis sintomatoloxía nas parcelas piloto son a Godello e Torrontés.

A climatoloxía tormentosa que se dá desde a tarde do mércores e que está previsto que continúe nos vindeiros días é un factor de risco moi elevado que pode favorecer a rápida e continua aparición de novos síntomas.

Isto obriga a renovar as aplicacións e a confirmar uns días despois a súa eficacia. En concreto, as parcelas sen aplicación do tratamento para o control de Mildeu nos días anteriores ou posteriores ás xornadas do 9-10 de xuño (con condicións de infección), deberán aplicalo. Esta aplicación tamén pode ser preventiva das condicións contaminantes que se poden producir estes días. Xunto con este tratamento compre a aplicación de funxicida para o control de Oídio.

Nun ano como este con alto crecemento das plantas, as prácticas culturais (herba controlada, podas en verde…) son medidas necesarias de control indirecto do mildiu.

Oídio:

Nesta semana en Rías Baixas observáronse máis follas de albariño con síntomas incipientes, pero de momento non se detectou dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro ningún gran con presenza do fungo. Aínda así, a partir de agora e ata o peche do acio, as uvas entran no seu período de maior susceptibilidade ao patóxeno, e as condicións climáticas destes días tamén lle son favorables.

Polo tanto é necesario engadir un funxicida antioído cando se renove o tratamento fronte ao mildio.

Botrite:

A humidade foliar que houbo estes días provocou unha elevada presenza de esporas de botrite no ambiente pero non se observaron novos síntomas, nin sequera nos capuchóns florais aínda adheridos ou nos acios secos por mildio das plantas sen tratar. O nivel de risco para os próximos días dependerá do número de horas de vexetación mollada que finalmente se produza en cada localización, xa que as choivas previstas serán en forma de tormenta ou chuvasco.

Manter a vixilancia, especialmente en variedades sensibles.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información