Primeira mancha aceite 2 maio 2018 mildeu

Aviso: Urxen a aplicar tratamentos no viñedo ante a extensión do mildio

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) vén de urxir no seu último aviso fitosanitario deste venres a aplicación de tratamentos contra o mildio nas viñas da provincia de Pontevedra para evitar danos nos acios. Segundo explica o persoal técnico, nos últimos días producíronse condicións propicias para a infección, o que derivou en que se observasen manchas de ‘aceite’ en todas as revisións das parcelas propias e externas da rede de seguimento.

Nalgunhas viñas a presenza de síntomas era anecdótica, pero noutras, sobre todo na comarca do Salnés, a porcentaxe de cepas con síntomas estaba arredor do 50%. Esta presenza de manchas recentes unida á acumulación de humidade a nivel dos acios (que aínda non teñen os botóns florais separados) pode producir os primeiros danos nas uvas, polo que é preciso aplicar canto antes un tratamento se é que non se fixo xa, confirmar a súa eficacia e repetir a aplicación procurando utilizar materias activas diferentes ás xa empregadas.

Necesidade de controlar as herbas

Tamén nestes momentos, subliñan dende a EFA, “é imprescindible o control da vexetación adventicia para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das viñas”.

Sobre o resto de patoloxías das viñas, o persoal técnico destaca que aínda non se detectaron síntomas de oídio sobre albariño, nin sobre outras variedades, mesmo sensibles e con historial de danos por este patóxeno. Tampouco se espera que aparezan síntomas de botrite a pesares de terse acumulado moita humidade debido ás choivas.

Si que se observaron os primeiros síntomas de ‘Black rot’ tanto nas plantas da finca de Areeiro coma en dúas do Condado, mais apenas unha soa mancha ou máximo tres en follas moi puntuais dalgunha cepa. Por outra parte, as capturas de Lobesia botrana continúan en niveis moi baixos en todas as trampas e, unha semana máis, continúase sen detectar poboacións de acariose, nin parcelas propias de seguimento nin nas demais.

A EFA si advirte que nalgunhas viñas hai escaso desenvolvemento da vexetación nalgúns brazos, o que pode deberse a enfermidade da madeira, que requiriría dunha poda do brazo afectado despois da floración e con tempo seco.

Tratamentos para froiteiras de óso, maceiras, kiwi e pataca

A EFA tamén sinala no seu último aviso fitosanitario da necesidade de aplicar tratamento sobre as variedades de maceira máis sensibles ao moteado debido ás condicións favorables ao fungo destes días. En canto ás bacterioses do kiwi, advírtese que aínda se pode realizar a aplicación de produtos, sobre todo polos lavados das chuvias.

Tamén é de destacar a necesidade de renovar os tratamentos fronte á lepra nas froiteiras de óso, cuxos síntomas son cada vez máis visibles a raíz das precipitacións e da elevada humidade que se rexistra. Finalmente, convén sinalar o alto risco de infección de mildio na pataca, polo que aínda que as plantas están en fase de crecemento activo, aconséllase mantelas protexidas, utilizando preferiblemente funxicidas sistémicos.