Avisan de dúas novas pragas emerxentes no viñedo en Galicia

Avisan de dúas novas pragas emerxentes no viñedo en Galicia

Melazo (Pseudococus ficus), que está a ser vector do Virus do Enrolado (GLRaV-3)

A Consellería do Medio Rural ven de facer balance no seu último boletín agrometeorolóxico de como foi o ano 2017 para as enfermidades do viñedo en Galicia, unha campaña con pouca incidencia das enfermidades fúnxicas debido ao tempo seco.

Porén, dende Medio Rural advirten de que nesta pasada campaña “hai que destacar a presenza de dúas pragas emerxentes que, aínda que localizadas de momento en focos determinados, deberán ser vixiadas nos próximos anos polo risco de que supoñan maior afectación ao cultivo”.

“Trátase do Melazo (Pseudococus ficus), que está a ser vector do Virus do Enrolado (GLRaV-3) nalgunhas explotacións, principalmente en Pontevedra na zona do Rosal e Condado, e que provoca diminución na colleita e mala maduración da uva; e do díptero cecidómido Janetiella oenephila, do que cada vez se detectan máis focos en todas as DDOO en viñedos próximos a zonas forestais”, explican os técnicos de Medio Rural

Maior incidencia da Esca

Polo demais, con carácter xeral destacan que “o feito de ser un ano máis seco do habitual facilitou a redución dos problemas fúnxicos habituais dunha campaña normal en todas as DD.OO. e, por conseguinte, a diminución no número de tratamentos”.

Así, a máis endémica delas, o Mildeu (Plasmopara viticola), “apenas produciu danos” e o Oídio (Uncinula necator) e a Podremia gris (Botritis cinerea) “tampouco tiveron especial incidencia”.

Con todo, os técnicos de Medio Rural advirten de que “as elevadas temperaturas sí provocaron un maior colapso vexetativo debido ás enfermidades da madeira, especialmente ás apoplexías do Complexo Esca”.

Estas enfermidades da madeira, que non teñen na actualidade tratamentos curativos, esixen un bo manexo polos viticultores baseado na marcaxe das plantas afectadas no ciclo vexetativo para, na parada invernal, adoptar medidas terapéuticas preventivas.

Pragas

No relativo ás pragas, dende a Xunta destacan que “únicamente foi necesario o control da segunda xeración da Polilla do acio (Lobesia botrana) a principios de verán, sendo os tratamentos con insecticidas bioracionais os máis empregados”.

Entre os ácaros con presenza habitual, principalmente Araña vermella (Panonychus ulmi), acariose (Calepetrimerus vitis Nal) e erinose, “non foi necesario o seu control específico, aínda que a incidencia de erinose foi especialmente elevada”.

Por último, dende Medio Rural sinalan que “a incidencia do Mosquito verde (Empoasca vitis) e do, tamén cicadélido, Zygina rhamni polo xeral tampouco alcanzou os limiares de tratamento que xustificasen a necesidade de aplicacións fitosanitarias”.

Bugallas de Janetiella pola face_da folla da vide. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Bugallas de Janetiella pola face_da folla da vide. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información