A adega Alán de Val (A Rúa, Ourense), encadrada na denominación de orixe Valdeorras, ten a súa orixe na cuarta xeneración dunha familia de viveiristas, adicada ó cultivo da vide desde que a praga da filoxera chegou a Galicia, a finais do século XIX. Esa tradición de selección da planta e de conservación de variedades resultou clave cando a familia decidiu dar o paso á produción de viño coa denominación de orixe.
Era daquela o ano 1993 e Alán de Val nacía cunha primeira elaboración de 700 botellas. Desde o principio, a adega orientouse a plantar os seus propios viñedos. O seu sistema de traballo, baseado na selección da planta, na recuperación de variedades e na busca das mellores parcelas, leva xa anos dando froitos.
No 2016, o seu Alán de Val mencía fíxose co primeiro premio da Feira do Viño de Valdeorras, un galardón que xa lograra con anterioridade e que consolida a adega como unha referencia en tintos. Outra das variedades estrela da denominación, a godello, tamén ten recoñecemento nos viños de Alán de Val. O seu Pedrazais godello sobre lías acadou 93 puntos (sobre 100) na última edición da Guía Peñín, un manual de referencia na puntuación dos viños españois.
Viticultura
O traballo da adega plásmase na máxima de que o viño faise no viñedo. Joaquín Sánchez, que xestiona Alán de Val conxuntamente cos seus irmáns Manuel e José Luis, sitúa as claves dos seus viños na viticultura, cunha poda equilibrada, na escolla de variedades e, sobre todo, no terreo.
Hai uns 20 anos, a familia plantou 1,5 hectáreas no lugar de Pedrazais, unha zona ubicada en altitude, sobre o val da Rúa, ben soleada e que adoita manter unha corrente de aire estable, importante para preservar a sanidade do viñedo. O resultado daqueles viños axiña lles sorprendeu.
“Démonos de conta de que o godello de Pedrazais era mellor que os outros godellos, así que decidimos facer un viño só coa uva desa finca”
“Daquela, tiñamos catro depósitos de aceiro, e un deles era do godello de Pedrazais. Démonos de conta de que ese viño era sempre mellor que os outros godellos, así que cando fixemos a adega nova, no 2006, ubicada tamén en Pedrazais, decidimos elaborar un viño só coa uva desa finca”, explica Joaquín.
Variedades tintas autóctonas
A mesma estratexia de viño de finca seguiron con A Costiña, un tinto de brancellao que colle o seu nome dunha parcela de 7.000 metros cadrados caracterizada pola súa forte pendente, un chan pizarroso e orientación sur. Plantárona no ano 2000 a brancellao, unha variedade autóctona de uva tinta ben valorada en Galicia.
“Daquela, a variedade mencía estaba en pleno apoxeo, pero tomamos a decisión de decantarnos para esa parcela pola brancellao. Foi unha decisión que naquel momento podía parecer aventurada e que hoxe se demostrou moi acertada”, valora Joaquín.
“Plantamos unha parcela de 7.000 metros cadrados con brancellao no 2000, cando a uva mencía estaba en pleno apoxeo”
“Xa tiñamos experiencia con outra plantación anterior de brancellao, que non resultara de todo ben, pero na Costiña demos co sitio perfecto. A brancellao é unha variedade caprichosa que non funciona en calquera terreo”, advirte. “É importante que se faga investigación sobre estas cuestións. En Valdeorras, por exemplo, temos cinco tipos de solo e os viticultores necesitamos asesoramento sobre que funciona mellor en cada terreo”, indica o xerente de Alán de Val.
A brancellao, xunto con outras variedades nobres de uva tinta, a sousón e o caíño, dá lugar a outro dos viños da adega, o Castes Nobres, un multivarietal ó que se lle albisca percorrido. “Son variedades de uva todas elas moi interesantes. Co caíño hai un refrán que vén de vello que di ‘O caíño é o pai do viño’, xa que é unha uva moi boa para equilibrar a acidez”, sinala Joaquín. “En Galicia, en brancos temos un percorrido moi definido, e en tintos estamos avanzando nun camiño prometedor”, valora.
Garnacha
O labor de Alán de Val con castes minoritarias complétase coa garnacha tintureira, unha variedade con implantación na denominación desde a filoxera. “É unha uva que forma parte da nosa historia e que era usada de xeito habitual para facer viños xenéricos. Nós podemos presumir de ter sido a primeira adega que apostou por facer un viño de calidade coa garnacha”, destaca Joaquín Sánchez. “Non toda a uva garnacha serve para facer bo viño, pero cultivada en ladeiras de menor produción e recollida en sobremaduración, pode dar lugar a viños excelentes”, defende.
Produción de 70.000 botellas ó ano
Alán de Val embotella na actualidade arredor de 70.000 botellas ó ano. Os seus viños xoves, Alán de Val Mencía e Alán de Val Godello elabóranse con uvas do val, que dan como resultado un viño máis afroitado e con menos alcol, orientado á rotación na hostelería. Coas parcelas da ladeira, búscanse viños máis complexos, elaborados sobre lías ou con crianza en barricas, e teñen o seu principal consumo na restauración.
Os viños de Alán de Val chegan na actualidade a mercados exteriores como Alemania, Bélxica, Estados Unidos, Dinamarca ou Xapón. En España, as vendas concéntranse principalmente en Galicia e en Madrid, lugar no que Joaquín estivo emigrado e onde estudou Enoloxía coa ilusión de volver a Valdeorras para implicarse no viñedo familiar.
Daqueles primeiros tempos nos viñedos, lembra as viaxes a adegas pequenas de Italia e Francia, impulsadas por Extensión Agraria e polas organizacións do agro, que foron importantes para a posta en marcha de pequenos proxectos como o de Alán de Val na vitivinicultura galega.