Adega Roandi: viños rosados e espumosos dende as ladeiras de Valdeorras

Adega Roandi é unha empresa familiar da Denominación de Orixe Valdeorras que chega á súa cuarta xeración de viticultores. Dos seus viñedos en Éntoma, a máis de 500 metros de altitude, saíron os primeiros viños espumosos e rosados galegos, cunha moi boa acollida no mercado. Este Nadal sairá das súas adegas o Brinde Reserva, un espumoso con 3 anos de fermentación

Publicidade
Adega Roandi: viños rosados e espumosos dende as ladeiras de Valdeorras

Rogelio Moral vendimando estes días nos seus viñedos de Éntoma

“A miña familia sempre estivo vinculada coa viticultura e eu sentín esa chamada, porque traballando na viña son unha persoa feliz”. Quen así fala é Rogelio Moral Calvo, un empresario de éxito en Suiza nos sectores da construción e da hostalaría que decidiu, co apoio da familia, retornar e seguir a súa chamada interior: recuperar os viñedos na súa aldea natal, en Éntoma, no concello do Barco de Valdeorras.

A intención de Rogelio era plantar uns modernos viñedos e construír unha adega coas últimas innovacións, inspirándose nas que vira nas súas viaxes por Francia, Italia e Suíza. O primeiro, o de xuntar o terreo para acadar unha superficie rendible, foi a tarefa máis difícil: “Partía duns viñedos centenarios dos meus avós Ángel e Delfina e tiven que ir mercando as parcelas a 150 propietarios distintos para poder xuntar 18 hectáreas, imaxínate o traballo”.

Finalmente, no 2005 fusionou as plantacións herdadas cos novos viñedos, deseñados aproveitando as curvas de nivel do terreo. Nace así Adega Roandi, acrónimo dos nomes dos seus netos (Rogelio, Ángel e Diego) que, xunto co seu fillo, José Luís, están incorporados á adega. Nos viñedos, situados en bancais, practican unha viticultura tradicional, co mínimo emprego de fitosanitarios e con laboreo mecánico para non utilizar herbicidas. “Estamos en Éntoma, a 525 metros de altura, nunhas condicións óptimas para o cultivo da viña, o que reduce a incidencia de enfermidades fúnxicas, de forma que como moito temos que aplicar tres tratamentos ao ano”, destaca Rogelio.

As novas parcelas están plantadas ao 50% con variedades tintas (Mencía, Sousón, Albarello e Tempranillo) e brancas, principalmente Godello, a caste raíña da Denominación de Orixe Valdeorras. Encima da moderna adega, situada baixo terra e equipada coas últimas tecnoloxías, teñen previsto plantar unha nova parcela de 3 hectáreas coas variedades Godello e Pan de Carne, unha caste tinta autóctona da comarca e do occidente do Bierzo que en Adega Roandi están dispostos a poñer en valor.

 “Apostan pola recuperación da Pan de Carne, unha variedade tinta autóctona da zona”

No ano 2009 Adega Roandi quitou ao mercado os seus primeiros viños que, en palabra de Rogelio, se caracterizan por “unha marcada mineralidade que lle dan os terreos pizarrosos e arxilosos e cun equilibrio de acidez e alcohol que os fan frescos e agradables no padal, ideais para acompañar unha comida”.

En total, das súas 18 hectáreas de viñedo producen uns 150.000 kilos de uva anuais, cunhas vendimas regulares grazas ás boas condicións edafoclimáticas do terreo. Destes froitos saen ao mercado algo máis de 100.000 botellas anuais.

Unha ampla oferta de viños diferenciados

Baixo a dirección do enólogo Manuel Losada Arias, Adega Roandi destaca por ser unha das máis innovadoras da Denominación de Orixe Valdeorras, apostando pola vendima diferenciada por parcelas e por edicións limitadas.

A súa gama máis clásica confórmana o “Dona Defina Godello”, un homenaxe á matriarca da familia, que transmite unha rica variedade de sensacións olfativas e no padal. O “Alento de Roandi” é un chanzo máis nesta diferenciación: viño varietal e expresivo que procede de cepas vellas de uva Godello, criado durante seis meses en barrica de carballo e garda de tres meses en botella antes de saír ao mercado. “Bancales” é o viño máis emblemático da adega: un coupage dun 85% de Mencía, sendo o resto as variedades autóctonas galegas Sousón e Albarello. A crianza realízase durante 6 meses en barrica de carballo americano e francés, sendo distinguido como un dos mellores tintos de Galicia.

“Flavia” é outra das apostas de Adega Roandi pola diferenciación: elabórase con uva Mencía e un toque de Tempranillo, procedente das novas plantacións. A crianza, en barrica de carballo americano, varía dos tres aos cinco meses, e tamén recibe un período de garda en botella.

O reverso atopámolo en “Domus”, elaborado con uvas escollidas de Sousón, Albarello e Mencía procedentes dos viñedos máis vellos, algúns deles xa centenarios. Recibe unha crianza de 12 meses en barrica de carballo americano e francés.

Pioneiros na elaboración de viños espumosos en Galicia

Adega Roandi é quizás a adega galega que máis apostou polos viños espumosos, tanto en cantidade, como sobre todo en variedade. Este é o quinto ano que estarán presentes no mercado nada menos que con tres variedades: Brinde de Rosas, o primeiro espumoso rosado de Galicia, elaborado coas variedades Mencía e Albarello; Brinde de Éntoma, un escumante tinto a partir de uva Mencía e de Sousón, e Brinde de Roandi, un viño espumoso branco elaborado con uva 100% Godello.

“En total, comercializamos 10.000 botellas de branco, 5.000 de rosado e 2.000 de tinto, que supoñen ao redor do 20% da produción da adega”, explica Rogelio Moral.

“Brinde Reserva sairá este Nadal por primeira vez ao mercado”

Nestes tres espumosos o proceso de fermentación e repouso dura arredor de 12 meses. Sen embargo, para este ano Adega Roandi ten previsto sacar ao mercado o primeiro Brinde Reserva, un viño espumoso con 3 anos de garda do que se porán á venda unhas 15.000 botellas.

A oferta de Adega Roandi complétase co Dona Delfina Rosado, un coupage das variedades Mencía, Sousón e Albarello.

En canto ao mercado, a maior parte da produción comercialízana en Galicia e nas principais cidades españolas, pero tamén exportan a Italia e a Suíza. “A aceptación no mercado é moi boa, sobre todo do Brinde Rosado, e vemos que o dos viños espumosos de calidade é un mercado en crecemento, principalmente entre a xente nova, e xa non se limita a Nadal e a servilo coas sobremesas”, destaca Rogelio.

Diferenciación, innovación e tradición conxúganse nesta adega familiar soñada por Rogelio na emigración e na que, aos seus 66 anos, asegura “espero poder seguir traballando moitos anos porque é onde me sinto feliz”.

Viños e escumosos de Adegas Roandi

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información