A poda invernal das vides ou como equilibrar o seu vigor

Publicidade
A poda invernal das vides ou como equilibrar o seu vigor

Este inverno está a vir quente, con algún intervalo de días fríos, que en nada reflicten aqueles “invernos de antes,” que dicían os vellos. Os cortes de poda choran máis do que deberían nestas datas.

Ciclos “normais” ou cambios climáticos. ¿Cara á mediterranización ou quizais a algo máis parecido aos subtrópicos, quen o sabe?. O caso é que estamos en plena campaña de poda invernal.

Cando se trate de ir podar unha viña adulta, o primeiro obxectivo é o de buscar o xeito de conservar estable a súa armazón leñosa. Esqueleto, figura ou como lle queiramos chamar, a armazón ven sendo a feitura que no seu día eliximos, mediante a poda de formación para configurar un tronco e, se é o caso, os brazos que del deriven, para as videiras que integran a plantación.

Anque disto xa falamos noutros artigos, non está de máis lembrar que os sistemas de poda invernal son tres:

-A cotón (torno, garda, fiador, virote, talón…)
-A vara xemida (arqueada), coñecida como poda a bicos nalgunhas zonas vitícolas de Ourense.
-A guyot, que algúns chaman poda mixta, que ven sendo unha poda a vara, pero combinada cun cotón que se deixa atrás.

A escolla do sistema pode vir determinada pola tradición de cada comarca vitícola, pola adaptación en función de castes e terroirs e/ou polo tipo de viticultura que se pretenda facer.

Xunto coa conservación da forma, a poda invernal debe buscar o equilibrio entre vigor e produtividade, atendendo ao aspecto de cada videira. O podador examina unha cepa, e segundo aprecie como ten sido a súa expansión vexetativa na campaña, ou sexa cal foi a resposta á poda que lle fixo no inverno anterior, estimará a carga que ten que deixar.

“A poda invernal debe buscar o equilibrio entre vigor e produtividade”

Se presenta un vigor normal –tendo en conta a caste de que se trate e as características do terroir onde está plantada- podará dun xeito tal que practicamente vai ficar unha carga idéntica á que deixara na poda do ano anterior. Por tanto o esquema de distribución de cotóns, varas e/ou combinación de ambos (segundo cal sexa o sistema de poda que practique), así como o número total de xemas a deixar será moi semellante ao da poda do inverno anterior.

Que facer se unha videira ten pouco ou moito vigor?

Cando aparecen desequilibrios o asunto cambia. Se unha determinada videira manifesta un vigor excesivo o que compre é deixar un maior número de xemas en relación á poda do inverno anterior.

Pola contra se a atopásemos debilitada habería que reducir carga para fortalecela. Ante os desequilibrios, sen prexuízo da realización mediante a poda das pertinentes correccións, é necesario averiguar cales foron as súas causas para aplicar, se for necesario, outras medidas complementares.

A poda contribúe, mediante a regulación da carga, á homoxeneidade produtiva ano tras ano. É verdade que unha poda ben realizada vai axudar moito a que isto aconteza. Mais non ao cen por cen, porque as climatoloxías das campañas varían e sempre vai haber certas diferenzas entre as vendimas, tanto cuantitativas como cualitativas.

O viticultor pode, cando o estime necesario, levar a cabo medidas complementares no decurso da vexetación, destinadas a manter no posible os obxectivos pretendidos na poda invernal. Así, a eliminación dalgúns pámpanos pode ser necesaria caso de que tras a agromada da primavera se observen moitos duplos (procedentes de xemas nas que rebentou máis dun cono) e/ou “nacendo” da coroa, e que en suma aporten máis acios dos esperados.

“Antes de eliminar pámpanos en primavera debemos coñecer ben o mesoclima da viña”

Pero atención, que para escoller o momento de levar adiante estas correccións hai que coñecer moi ben o mesoclima da viña. Non vaia ser que fagamos as escollas antes de tempo e resulte que unha xeada de primavera ou unha choiva ou vento frío na purga nos deixe a colleita en mínimos.

A monda de acios na altura do pintor é outra das medidas que afina os obxectivos da poda de inverno. Sendo necesaria cando existe o exceso, non obstante a monda deberá ser algo excepcional, nalgunha que outra campaña. De ser habitual a sobreproducción, compre analizar as causas, para procurar un equilibrio na viña acorde ao nivel de produción que nos conveña. Por exemplo, sería contraditorio adubar e regar xenerosamente se como consecuencia todos os anos tivésemos que botar uvas ao chan.

A regulación da produción é conveniente. Unha produción marcadamente aneira polo xeral non é boa nen para a calidade do viño nen para a saúde da videira.

Eu entendo a aqueles viticultores que se dedican a vender uva, en circunstancias nas que a calidade, sinónimo moitas veces de produción moderada, non se compensa suficientemente. Se unha colleita máis abundante lles supón máis ingresos, o manexo das súas viñas vai encamiñarse irremisiblemente a aumentar a produción todos os anos, adecuando os plans de fertilización e outras medidas.

“A produción de uva en Galiza ten un custo elevado e hai que apostar por viños de prezo superior”

Para os viticultores que venden o seu viño o plantexamento muda. Non fai falta acudir a tendas moi delicatesen, chega con ver o expositor de viños de calquera hiper para comprobar os enormes saltos de prezos, difíciles de atopar na maioría dos outros alimentos.

Así pois, desde o momento en que eu entendo que na Galiza hai multitude de terroirs vitícolas con dúas características. Unha, que a produción de uva ten un custo elevado. Outra, que como compensación ofrecen un potencial obxectivo como para que deles saian viños capaces de colocarse nun nivel superior á media dos prezos dos expositores. De feito xa os hai que están en subida. Outro cantar é dalos a coñecer, que non é asunto de dous días.

Cando no principio de campaña xurde un exceso de produción pódense tomar as medidas devanditas para reducila. Obviamente se por causa dun accidente meteorolóxico ou calquera outra circunstancia a produción dun ano se presenta mínima, entón só fica coidar ben a viña para criar unhas boas xemas latentes e agardar a que próxima colleitas non teña incidencias.

“Nos mellores viños as cualidades das anadas son as que marcan os prezos”

Como din os viticultores, estamos ante un negocio sen tellado. Con todos os mimos e aínda que en dúas vendimas a cantidade de produción fose practicamente a mesma, cada unha delas vai ter as súas peculiaridades. Isto é tan intrínseco á viticultura como o sabor salgado para a auga do mar.

Se, relativo aos viños mellor valorados do mundo, as cualidades das anadas son as que marcan os prezos, sen que teña por que que existir correlación de antigüidades, por algo será.

Francisco Rego Martínez

Técnico de viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), en Leiro-Ourense, dende o ano 1994.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información