“A poda debe buscar a máxima iluminación da videira”

Publicidade
“A poda debe buscar a máxima iluminación da videira”

Un bon equilibrio vai redondear a acción da poda invernal. Cando estamos nunha plantación feita, as medidas de corrección, se foren necesarias van estar limitadas polo deseño establecido no seu día.

Pero cando se trate de plantar de novo, a cousa cambia, porque un campo aberto, libre de obstáculos, admite todas as posibilidades de xeometrías e arquitecturas.

Como excepción, cando se trate de plantar viñas históricas de socalcos moi pinos nos que só caiba unha fila, de convir, só poderemos mudar algúns aspectos puntuais como pasar de vaso a espaldeira, na escolla de patrón e pouco máis (isto non é inconveniente ningún, porque nestes socalcos a experiencia milenaria xa levou os deseños á súa mellor expresión).

Moito estudo. Observación das disposicións tradicionais. Documentos históricos se os houber. Recopilación das experiencias que nos conten os viticultores máis veteranos. Todo isto é proveitoso para decidirse por un deseño de plantación no que prime o equilibrio e por tanto a prosperidade da planta a longo prazo, o que en absoluto ten que deixar de ser compatible cun grao razoable de mecanización. Compatibilidade entre tradición e vangarda, como se chegou nas viticulturas francesas que teñen os viños mellor valorados. Alí houbo a lucidez de adaptar as dimensións das máquinas á que era considerada desde sempre como a mellor disposición das plantas. Non ao revés.

En igualdade dos outros factores, conseguir un bon equilibrio vai dar lugar á melloría da fertilidade das xemas latentes situadas na base dos pámpanos.

Se os conos que están ocultos dentro das xemas latentes situadas na base dos sarmentos ofrecen unha aceptable fertilidade, porque unhas boas condicións de solo-microclima da planta favoreceron alí unha boa cría, coa pre-formación de moitos rudimentos de acios, a disxuntiva entre podas curtas ou longas non virá determinada pola esixencia dun mínimo de colleita, senón polas tradicións de cada zona ou por outras peculiaridades mesoclimáticas que poidan afectar á boa marcha do cultivo, e das que falaremos máis adiante.

Se a fertilidade das xemas da base ven sendo escasa hai que ir a podas longas

Pero se pola contra o que ven pasando é que por causa dos mesoclimas (como acontece nalgunhas viticulturas europeas que se achegan ao límite Norte do cultivo) ou por un estado de desequilibrio ao que non se lle pode dar solución a curto prazo, a fertilidade das xemas da base ven sendo escasa en todas as campañas, entón non hai máis remedio que ir a podas longas sob pena de que a colleita fique escasa.

A produción ha de ir proporcionada ao vigor da vexetación. Dise que unha colleita pequena é sinónimo de alta calidade. A maioría das veces é verdade. Pero se por colleita pequena entendemos a presencia de unicamente catro cangallos perdidos entre un mar de vexetación sobrepasada de vizo, a calidade que poida saír de aí non vai ser grande cousa.

Colleitas moderadas van ser mellores que as moi abundantes. A maior parte das veces é certo. Ora ben, isto non está en contradición con que as colleitas procedentes de videiras con desequilibrios vexetativos manifestos propenderán a seren defectuosas, tanto que viñeren mínimas como excesivas.

A poda debe contribuír a manter a videira en bo estado sanitario

Estou a referirme en primeiro lugar ás enfermidades da madeira. E por suposto que tamén ás outras, porque se ben é verdade que unha boa poda invernal non é quen de evitalas de seu, si que serve de base para que posteriormente poidamos repartir mellor no espazo a vexetación emerxente, mellorando por unha banda a súa ventilación e favorecendo pola outra a penetración dos produtos fitosanitarios.

 “A poda debe imprimir harmonía a todo o conxunto que é a viña”

Para levala a cabo compre manter unha unidade de criterio e así lograr o que antes se expuxo e ao mesmo tempo imprimir harmonía a todo ese conxunto que é unha viña. Non sería imaxinable unha plantación en espaldeira onde cada videira fose conducida e podada de distinta maneira, dando lugar a unha anarquía total.

Unha vez que as videiras están a un determinado compás de plantación e ordenadas en filas, carecería de sentido que cada unha delas tivese un esqueleto diferente. Tamén que a expansión da vexetación fose heteroxénea en cada planta. A consecuente desorde dificultaría ao máximo a organización da vexetación (enrame) e as restantes atencións. Un mal reparto espacial dos acios repercutiría na aireación e na iluminación e sería moi difícil que os produtos desen chegado ben a todos eles, e menos aínda a todo o seu contorno.

O aspecto do conxunto, agás que coincidise cunha desas campañas milagrosas que xorden cada moitos anos, sería lamentable. Cunha masa foliar desorganizada a fotosíntese reduciríase. A eficiencia na aplicación dos tratamentos e a rapidez nas vendimas tamén. Isto ninguén o discute.

Polo tanto, a maiores da necesidade de realizar unha boa poda de inverno, e especialmente cando se trate de acometer novas plantacións, para conseguir ese imprescindible equilibrio do que antes se falou, é preciso estudar as xeometrías, os sistemas de condución e os portaenxertos que mellor lle conveñan a cada caste para un determinado terroir.

A xeometría de plantación complementarase cunha arquitectura axeitada, definida pola propia armazón da videira e polo deseño dun tramado no que acoller e organizar acios, pámpanos e follas, segundo se vaian expansionando ao longo do período vexetativo. A optimización da distribución espacial e suxección ordenada dos pámpanos ao longo das liñas implica unha maior recepción lumínica e unha mellor aireación.

Non vou entrar agora a tratar das peculiaridades das espaldeiras verticais, sexan de paredes simples ou múltiples. Nin nas das cortiñas descendentes, simples ou duplas. Tampouco nas das diferentes modalidades de emparrados. A arquitectura é un tema moi complexo, que precisa ademais de todos os novos aportes técnicos, da recopilación da sabedoría dos vellos viticultores e de moitos ensaios comparativos nas diferentes rexións vitícolas galegas.

“O equilibrio debe implicar unha mellor iluminación da superficie foliar total”

O que si podo afirmar é que con independencia dos sistemas, o achegamento ao desexado equilibrio vai ter moito que ver coa optimización da relación entre a a superficie foliar efectiva e a superficie foliar total, ou sexa cunha boa organización espacial da vexetación que implique a súa mellor iluminación.

Esta boa organización espacial vai propiciar unha mellor colleita, permitindo mesmo que nalgúns casos se puidera incrementar un chisco o rendemento. Aínda que pareza contraditorio, a explicación é fácil. Hai viñas que teñen producións moi escasas por causa de desequilibrios provocados por malos deseños que levan a un pésimo reparto da vexetación.

Caso de ser viable actuar na palizada, compre realizar modificacións que permitan organizar mellor a parede foliar de modo que aumente a súa superficie útil, ou sexa a porcentaxe de follas ben expostas (diminuíndo o espesor e por tanto os volumes interiores mergullados en sombra). Haberá casos en que non chega con organizar, senón que sería preciso dividir a parede foliar. Con estas actuacións mellorarán a iluminación, a ventilación e como consecuencia a sanidade.

Un dos efectos previsibles da mellora na organización espacial da vexetación vai ser o equilibrio. Os pámpanos mostrarán menos sinais de vizo. Ao longo do día, todos eles recibirán máis luz, incluído os tramos da base. As xemas destes tramos inferiores serán mellor alimentadas, nos seus conos preformaranse máis acios, e por tanto aumentará a fertilidade. Haberá un aumento de produción, positivo sempre e cando estea acorde ao novo potencial que aporte a parede foliar reformada.

As mudas do clima que antes citamos van facer máis complicadas as afinacións destes cálculos, máxime cando estamos a falar dun cultivo que -de non ser que cheguen novas pestes das que non estamos libres á vista dos panoramas que aparecen día sí e día tamén nestes tempos de globalización- debería permanecer no mesmo terreo de medio século para riba.

Francisco Rego Martínez

Técnico de viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), en Leiro-Ourense, dende o ano 1994.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información